30 dic 2010

A CÁMARA GUE



Xa reposto ó mil por mil aquí me poño de novo a contactar con vós grazas a este invento extraordinario de Internet, tan extraordinario que cada día que pasa aínda me pasma máis. E apuntillo isto porque tiven unha experiencia nova o pasado día 24, o día de Noiteboa. Como xa vos contei, nestas datas a familia procura pasar algúns días xuntos e aínda que non foron máis ca tres valeron para vernos, pasear, folgar, contar contos e como non pegarnos algunha que outra paparotada a conta do Nadal, que sempre hai que aproveitar as ocasións para darlle algunha alegría ó corpo. Bueno, pois despois de cear Anxo colleu o seu portátil e chamounos para que poideramos falar con Inés, a súa moza, que estaba na casa de seus pais en Asturias. E non só se falaba que tamén nos podiamos ver os uns ós outros a traves da pantalla do ordenador!, e grazas a un invento chamado cámara gue -ou algo así- que leva incorporado o portátil. Anxo ergueme do chan un pouquiño para que me puideran ver os da outra banda e tamén para eu ver mellor. E aínda que me daba un pouco de vergonza e facía como que non me interesaba a función, o certo é que me divertín escoitando a Inés falando con todos os da casa. Tamén falaron seus pais e a súa irmá, que eu xa coñecía porque pasara uns día con nós en Pedraquente, no verán. A min gústame moito Inés. Cando me ve sempre me dá achuchóns, chámame guapo e sácame de paseo. Pásoo moi ben con ela, e tamén coa súa irmá, que é moi simpática e faladora. Con eles estaba un ou unha conxénere que lle pasaba como a min e miraba cun ollo para a pantalla e co outro cara os seus donos. A ver se nos vemos un día e botamos unhas paroladas - é un dicir - ou mellor un ulisqueo e unha ladrada. O que sinto é que Anxo non estivera con nós para despedir o ano porque así podería volver a ver a Inés pola cámara gue. Temos unha na casa, pero Mar aínda non a conectou. Anda tan ocupada estes día que seique non ten tempo para instalala. Cando o faga teño que convencer a Daniel para que de cando en vez me poña fronte á cámara, ma conecte e me deixe botarlle uns ladridos a Inés. Máis que nada para que me chame guapo, que os da casa non mo din nunca.
VIVA ASTURIES E FELIZ ANO 2011 !!!!

19 dic 2010

A PIQUES DE



Ai amiguiños, canto tempo sen mirarnos! E non credaes que foi por vagancia, non. Foi porque a piques estiven de deixar para sempre a miña vida de canciño ilustrado e pasar a formar parte do pelotón dos canciños con ás. Se non chega a ser pola intervención da divina patada salvadora -xa a teño alcumada así- asegúrovos que non estaría eu agora aquí de leria con vós, senón no panteón dos canciños senlleiros, e pode que con estatua e todo.
E logo que pasou?, preguntarédesvos. Pois que case sen me decatar pasei do chan a bocona dun dálmata que me sacudeu ben sacudido. E non só iso, senón que me deixou no peito, na gorxa e na cabeza recordos dos seus dentes e moas, sinais que aínda hoxe repaso coa miña lingüiña e que me fan estremecer só con miralas. O meu paseo pola rúa con Elba e Daniel viuse inacabado por un intento de asasinato na miña persoa de can. Como vos podedes imaxinar, o atentado non tivo éxito porque un patadón providencial arreado por meu dono conseguiu que o delincuente abrise as mandíbulas ó mesmo tempo que voaba un par de metros cara a estrada.
E logo, a que se armou! Berros dos meus donos, insultos da parte contraria, ás carreiras cara a veterinaria nos brazos de Elba, dor, medo, incredulidade...e a pregunta que todos nos facemos moitas veces: Por que me tivo que pasar a min? Cada vez que o recordo xúrovos polo santo patron dos cans que se me erguen os peliños do rabo e se me encartan as orellas.
Agora, xa reposto, volvo facer a miña vida cotiá, da que aquí vos vou rendendo contas con moito agarimo. E como xa estamos a piques de celebrar o Nadal e imos a xuntarnos todos na casa algúns días -e comeremos lambetadas e o que caia- penso que me irei esquecendo deste triste suceso e que recuperarei totalmente a miña paixón pola vida. Cariño e comprensión non me faltarán, deso estou seguro.
FELIZ NADAL

30 nov 2010

AGRESIÓN!!


Que mal o pasei o pasado sábado ! Que susto levei! Que cativo me vin por momentos! Póñenseme de punta os peliños do lombo só de recordar o sucedido!
Estábavos eu a porta do mesón onde paran os meus donos a tomar algo cando andan de vagar. Como non poden entrar os cans -e van ...- déixanme fóra, suxeito pola miña correa a unha placa colocada na parede. A porta é de cristal e sempre me sento mirando cara adentro, para ver o que fan os meus donos e máis para recordarlle que eu tamén existo á hora de saborear unha tapa, que por certo fan moi boas e raro é o día en que os donos do mesón non me dan a proba. E de súpeto sinto detrás de min un gruñido e sen darme tempo nin a revirarme sinto outro can a cabalo de min ladrando e tentando morderme. De inmediato me decatei do agresor: Arturo, un can do barrio; algo máis grande ca min e moi chulo, tanto que os donos do mesón xa o teñen enfilado e non é a primeira vez que o botan da porta. E aquí me tendes a mercé do Arturo, intentando escapar das súas fauces e gadoupas, laiándome sen dó. A súa dona tenta separarnos, pero non se lle ocorre outra maneira que tirar pola miña correa cara arriba, erguéndome do chan, asfixiándome, facéndome quedar sen forzas, mudo... Xa me vía perdidiño. Nesto saen meus donos da mesón a todo correr. Elba tenta separar a Arturo, Daniel lanzalle unha patada e falla. Arturo non me solta. Berros dun e doutros e por fin, unha segunda patada de Daniel despraza a Arturo un metro polo aire, o suficiente para que a miña dona me colla nos seus brazos e me salve. Despois de desculpas e promesas de levar a Arturo ben atado cando saia de paseo, míranme e non me ven nada. O sangue non chegou ao río. Todo quedou nun susto para min. Lástima que a patada non a levara o bicho este nos dentes que, segundo lle contaban meus donos ós propietarios do mesón, máis ben a levou no cu.
Esa noite tiven pesadelos. Soñei cun monstro con cara de Arturo que me quería papar. Menos mal que por alí andaban tamén meus donos, que me salvaban. Ai, que mal o pasei aínda durante uns días! Pero xa estou reposto, xa nin Arturo nin gaitas, que quen se meta comigo non sabe ao que se expón!

22 nov 2010

DE VIAXE


Como Anxo tivo que cambiar de residencia por mor do seu traballo alá fun con Daniel e Elba a facerlle unha visita. De Oviedo trasladouse para Castro Urdiales, unha cidade santanderina á beira do mar Cantábrico.
Aínda que xa estou acostumado, sempre me parecen interminables as viaxes. E esta vez non foi tampouco excepción. Moitas horas nun espazo reducido para un canciño inquedo por natureza coma min! E aínda que o meu sitio no coche é nos asentos traseiros, de cando en cando pego un brinco e paso para adiante, para o colo dos meus donos ou baixo para o solo do vehículo. Tamén me poño a mirar polas ventaíñas: a xente, a paisaxe, os outros coches, o ceo, a chuvia cando cae...E así vai pasando o tempo, pero a verdade é que sempre me tarda a hora da chegada.
Castro Urdiales é una cidade preciosa. Histórica, señorial na xusta medida, limpa, ordenada e adaptándose os tempos que corren, pero con xeito, compartindo modernidade e espazos verdes e de lecer. Pasei por ela cos meus donos polo día, que pola noite non me levaron porque seique onde ían non deixaban entrar cans. Sigo sen entender por que non nos deixan entrar nas cafeterías, por exemplo, ou mesmo nos museos. Seguro que entran persoas que se portan bastante peor que nós. Teño que poñerme a traballar para conseguir rematar con esta inxustiza.
Chamoume moita atención a xente de alí. Son diferentes a doutros lugares do norte, de Galicia ou de Asturias, que é onde eu máis coñezo. Parecéronme máis serios, menos faladores nas rúas e no paseo á beira do mar. Elba e Daniel tamén sacaron a mesma conclusión. Falaron entre eles dos primitivos habitantes destas terras: rexos pero capaces de pintar hai miles de anos animais nas paredes e teitos das covas cunha delicadeza tal que aínda hoxe son a admiración de toda a humanidade. Pode que pervivan nestes santanderinos os xenes de aqueles homes e mulleres que habitaron unha terra tan dura e rochosa, batida por ventes e tempestades, inhóspita en boa parte do seu territorio e ó mesmo tempo doce, rica, suave e chea de vida. E non exenta de humor. Ou eso me pareceu cando estaba esperando con Daniel nun semáforo para cruzar e pasou un autobús pequeno. A conductora, sinalándome co dedo, botouse a rir. Home, eu xa sei que chamo a atención polo ben feitiño que son e que a xente mira para min sen disimulo e sorrí, pero non quixera que a miña presencia fora motivo dalgún accidente de tráfico.
Tamén visitei outras vilas e pobos cando viñamos de volta para a casa. Uns gustáronme e outros non tanto, pero deles falaréivos noutra ocasión, noutra viaxe, porque meus donos queren volver e velos con calma. A que eu non teño.

16 nov 2010

CHUVIA


Canto chove nesta terra! Vai xa para varios días que chove desde a noite á mañá. Deita auga sen tregua, maina, a reo, sen compaixón polos que coma min necesitan un paseíño para estarricar o corpo.
Gústame a chuvia. Gozo deste tempo morriñento, de estar na casa mirando o mundo polas ventás, de xogar cos meus donos porque eles tamén saen pouco, de escoitar a televisión ou a radio. Da radio sempre vén música e estouvos moi ó tanto dos cantantes e grupos de moda e ata boto algún que outro bailiño con Elba, con Mar e mesmo con Daniel. Xogo tamén a botar carreiras, ó escondite e ás pelexas. Xa vedes, estouvos moi ocupado e só me aburro cando quedo so na casa polas mañás. É cando me poño a mirar polas ventás: persoas que van para o seu traballo, mozos e mozas para as súas clases ou a votar unha partida no bar, homes e mulleres ós contos e xente tamén que non vai a ningures, que sae da casa para non afogarse nela. Cóntame Daniel que este tempo de escasa luz predispón para a reflexión, a veces en demasía, e que hai persoas que son sobrepasadas polas circunstancias, polos problemas reais ou mesmo imaxinarios, e que chegan a obcecarse de tal xeito que non atenden a razóns e arruinan a súa vida por non saber ou non querer buscarlle solución a eses dilemas.
A min por agora vaime ben. Non padezo nin sufro. Son feliz. O que me preocupa é que alguén do meu entorno se vexa afectado polos tempos cativos que corren. Pero bueno, aquí estamos todos; para afrontar os problemas cando veñan e a tirar para adiante. Si Señor.

8 nov 2010

ALGO MUDOU


A véspera da chegada do Papa B XVI, Daniel foi dar unha volta coa bici, a súa afección deportiva preferida. Nun dos seus percorridos sae da cidade pasando polo antigo barrio chinés, hoxe practicamente desaparecido como tal e inmerso nunha actuación urbanística considerable. É frecuente que neste lugar se atope cunha muller sentada sempre no mesmo sitio, ó pe da porta dunha casa, a espera dalgún vello cliente. É unha muller madura, non moi agraciada, vestida coma calquera outra muller da súa idade e con semblante tristeiro. Sempre soa e cunha pequena radio entre as mans. A Daniel dálle un pouco de mágoa. Ese día, a véspera do gran acontecemento tan anunciado por algúns, a muller en contra do seu costume estaba de pé. Mudara a súa roupa de cotío por outra máis moderna, semellante a que levan as mozas, e que marcaba a súa figura. Estaba ben peiteada e lixeiramente maquillada. Camiñaba con dificultade, suponse que aqueixada dalgunha enfermidade que seguro soportaría mellor sentada, pero a ocasión ben valía un esforzo. Daniel alegrouse de vela así, erguida e coqueta, aínda que a finalidade da mellora fora para vender o seu corpo a algún dos miles de visitantes que segundo os gobernates e a igrexa ían ateigar a cidade.
Nunca saberá Daniel como lle foi, a non ser que llo pregunte cando volva a vela. Pero coido eu que non se atreverá; non sería humano preguntar por tales miserias. Tampouco lle fará falta, porque o día tan esperado e alabado polos siareiros católicos e os medios de comunicacións afíns pasou desapercibido para a maior parte dos habitanes da cidade, e non digamos doutros lugares. Os centos de miles de visitantes prognosticados quedaron reducidos a bastantes menos dos que xunta calquera cantante ou grupo musical de segunda fila na mesma praza onde se celebraron os actos litúrxicos.
Eu confeso que me acheguei a ver a B XVI. Fun con Daniel e Elba. A comitiva pasaba moi preto da nosa casa e alá fomos. Estivemos esperando un anaquiño, paseando e ós contos. Había moita policía. E cando digo moita quero dicir moita. Mirabas a un lado e outro e veciños e curiosos poucos, pero forzas de seguridade...de toda clase e cor. Bos mozos e mozas, por certo. E nestas, aí aparecen pola estrada motos, coches e o papamóvil. Dentro, un homiño coma outro calquera, saudando e mirando sen ver. E ata logo.
Sostén Daniel que os cidadáns cada día están máis desconectados dos políticos e da igrexa. Que os problemas reais da sociedade -que son os que si preocupan á xente - non se arranxan con visitas e menos aínda con parafernalias sociais e políticas. Que se malgasta tempo e diñeiro en asuntos que a poucos interesan e que se esquecen de que tanto no barrio chinés como en calquera outra casa unha persoa necesita que a consideren e que miren por ela.

27 oct 2010

QUE VÉN O PAPA!


Seica o mandamais da igrexa católica virá a Santiago de Compostela o próximo 6 de novembro. Eu non sei moi ben o que iso de igrexa e menos o de católica, pero debe ser algo importante cando tanto se fala dela. Segundo escoito na casa e na rúa ou oio na tele deduzo que o Papa é un home- nunca unha muller- que ten moitos siareiros polos que roga a todas horas. Seica tamén roga por todos os demais, cans incluídos, aínda que non lle fagan moito caso.
Os da casa sobre a igrexa non falan moito, máis ben nada; pero polo que entendo non están moi de acordo con esta visita. E coma eles, seica moita xente. Din que a visita está fóra de lugar, que custa varios millóns de euros que van saír dos petos de todos os galegos e que ben se podían empregar estes cartos en axudar ás familias necesitadas. Non están os tempos para despilfarros, e se os siareiros do Papa queren que veña, que lle paguen eles a viaxe e o xantar.
Eu a verdade é que teño ganas de que chegue o día para ver o que pasa. Como os cans non temos Papa -que eu saiba- sinto curiosidade por coñecelo e escoitalo. E ó mellor ata me fago siareiro da igrexa! O que pasa é que presinto que na casa non van estar especialmente contentos. Mirade que se teño que pasar á clandestinidade!

19 oct 2010

ASUNTOS DE FAMILIA


Hai uns día que andamos de festa en festa. Quero dicir, de comida en comida. E a razón é que viñeron de Arxentina Pilar, unha irmá de Elba, e o seu home Vicente. Pilar leva moitos anos na Arxentina. Toda a vida. Para alí marchou de mociña, traballou, loitou, casou, tivo dous fillos e xa ten dous netos. O seu fillo Héctor veuse para España hai xa catro ou cinco anos en busca dun porvir. Eu a penas o coñezo, pero meus donos apréciano moito porque seique é unha boa persoa. Pilar e Vicente procuran vir cada dous ou tres anos a ver ó seu fillo e por suposto ó resto da súa familia: seis irmáns, seis razóns, seis vidas. E aínda que hai diferencias entre parte da familia, nesta ocasión todos aceptaron unha tregua sen pacto, quero dicir un intento de retomar as boas relacións existentes ata hai algo máis dun ano sen que mediara entre eles máis razón que a unión e o cariño.E así, hoxe na casa duns e mañá na doutros; comida vai, comida vén. E eu, escoitando; deixándome acariñar por todos e disfrutando tamén da cordialidade xeral. E comendo, claro: a miña afección preferida.
Non sei que pasará de aquí en diante, se volverán as malas caras ou se pouco a pouco irán pechando as feridas. Xa vos contarei.

6 oct 2010

APUROS NOCTURNOS


Hai noites que non me podo aguantar. E teño que botar unha mexadiña. E ás veces un ciruliño, como di Mar. E claro, cando Elba ou Daniel se levantan pola mañá e ven os resultados do meu apuro nocturno...xa me preparo para recibir unha bronca acompañada dun cacheteiño ou cachetazo, asegún sexa o humor dos meus donos ou o tamaño da miña escapada. E é inutil que non me erga, que me agoche debaixo da cama ou que poña cara de lástima. Non hai quen me salve. O bo é que de alí a pouco xa lles pasou o enfado e xa volvo a xogar, a durmitar ou a pasear.
Eu quixera non ter estes apuros nocturnos e facer as miñas tarefas evacuatorias fóra da casa, como adoito facer a cotío, pero hai días en que saio pouco: porque chove, porque os meus donos non teñen tempo, porque se esquecen de min, porque... E tamén hai días en que se me vai o santo ó ceo dos cans e volvo para a casa como saín. Logo chega a noite, veñen os apuros e alá vai.
Teño que poñerlle remedio. Non quero que se enfaden comigo nin que pensedes todos que son un porco, que eu sonvos moi, moi limpo, eh!
Haberá mexadeiros para cans? Eu nunca vin ningún, pero pode que os haxa. Tamén podería utilizar os que hai na casa, para os humanos; pero creo que non me vou axeitar. Aínda que o mellor é recompoñerme, aproveitar as ocasións e non volver a facelo na casa. Ademais, se Daniel cumpre o que me di cando se cabrea comigo xa me podo despedir da miña descendencia antes de tela. E non é caso. Non credes?

28 sept 2010

FOLGA XERAL


É a primeira vez na miña curta vida que oio falar de folga xeral. Segundo escoito na casa e na tele os sindicatos pretenden paralizar o país porque están disconformes con certas medidas políticas e económicas que pretende tomar de inmediato o goberno do presidente José Luis Rodríguez Zapatero. Polo pouco que eu entendo, para promover unha folga deste calibre teñen que existir poderosas razóns, porque paralizar un país ten que ser algo moi, moi serio.
Xa pasou o día da folga. Para min foi un día coma outro calquera. Pero para os humanos foi un día especial. Para uns, os sindicatos, a folga foi un éxito. Para outros, o goberno, o éxito foi relativo. E agora que vai pasar?, pregúntome eu. Os sindicatos din que o goberno debe rectificar. O goberno di que vai levar adiante as medidas anunciadas por moi lesivas que sexan para os traballadores, que os tempos non están para tomalos a broma e hai que coller o touro polos cornos. Daniel opina que quizais o touro que queren coller sexa o equivocado e que deberían mirar en gandeirías máis ricas. Pois a esperar e non renderse, digo eu, e a estar máis atentos as decisións do poder para enfrontarse a elas antes xa de que teñan intención de aplicalas.

21 sept 2010

OS OUTROS VECIÑOS


Ademais de humanos, onde vivo teño tamén de veciños a varios conxéneres. Inda somos un lotiño, non pensedes, e de todos os tamaños e condicións. Non me levo gran cousa con eles porque cada un ten a súa rutina, os seus gustos, as súas horas para pasear. A nosa vida sempre estará condicionada pola familia e pola casa onde habitamos. E así ten que ser. Eu prefiro perder algo ou moito de liberdade, pero ter un fogar acolledor e non andar expostos a calquera perigo e mesmo a pasar fame.
Entre os meus conxéneres a quen máis vexo é a un que vive preto do meu portal. Xa non é novo, case sempre anda por fóra e nunca o vin atado. Ata debe durmir algunha noite ó ras. Anda a súa bóla, como di Mar, e sempre que nos vemos ladrámonos. Eso si, un nunha beirarrúa e outro na outra, que así nunca chegará o sangue ó río, pero balbordo facemos un pouco; e quen non nos coñeza pensará de nós que adobecemos de carraxe. Conto que lle botamos.
Coméntame Daniel que esta actitude tamén se repite nos humanos. Moito ruído e poucas noces, seica se di de aqueles que presumen do que non teñen ou non son. Eu non estou de acordo; non é o meu caso. Porque a min a valente non me gana ninguén. O que pasa é que son un gran afeccionado ó teatro, e sempre que teño ocasión practico. Ou vós que credes?

14 sept 2010

OS MEUS VECIÑOS


Teño bos e malos veciños. Como tododios segundo di Daniel.
No piso de abaixo vive un matrimonio coas súa dúas fillas, dúas nenas pequenas que se chaman Uxía e Xoana; dous nomes por certo dos máis bonitos que lle poderían poñer. Eu, cando teña descendencia eille poñer nomes galegos. Soan tan ben! Son moi simpáticas e faladoras e cada vez que me ven fan unha festa. A veces escóitoas dende a casa: a correr, a cantar, a falar cos seus pais, a xogar... Só me molesta unha cousas delas, e é que cando as atopo dando un paseo, ó verme veñen con outros nenos a achucharme, a levarme de acó para acolá e... ata lle dan tironciños ó meu rabiño. E a min non me gusta, claro, e fago como que me enfado para que me deixen tranquilo. E ládrolles e todo. Ai! Que pacencia teño que ter! Pero quéroas moito; claro que si.
Porta con porta vive un home só. Non é moi maior, pero é un chisco rabudo. Non lle gustan os cans e xa dou queixas de min. Seique ladro polas noites e o molesto. Algo de razón ten, algunha vez teño ladrado, co medo ou polo ruído. Pero poucas, moi poucas. Eu creo que non é por iso. É porque non soporta ós cans, como non soportará ás persoas que non lle entren polo ollo dereito. Tamén pode ser por medo. Si, si, que non vos estrañe. Medo arrepiante ós cans, eu incluído aínda que as miñas queixadas poderosas pouco sobrepasan a altura dos seus nocellos. E sostéñoo porque xa non é a primeira vez que ó atoparnos así de imprevisto, pegue un chimpo ó verme. Bueno, un chimpiño, que non quero esaxerar.
O medo ós cans, dime Daniel, pérdese cando un empeza a telos, a crialos. Cando se converten en compañeiros fieis e se me apurades ata en confidentes imposibles.
E logo non haberá quen lle regale un cadeliño ó meu veciño? Bueno, mellor unha cadeliña.

3 sept 2010

DE NOVO NA CASA


Canto hai que non conto nada! Xa botaba de menos este contacto intergaláctico. Pois estiven de vacacións, que nós os cans tamén temos dereito ó lecer. Estiven coa familia en Pedraquente, aló a beira do mar Mediterráneo. Paseino moi ben, moi ben. Paseos pola mañá pola praia con Daniel e pola tarde con Elba polo pobo, xogos con Anxo, Mar e os amigos que viñeron de visita, carreiras cos meus conxéneres por aquí e por alá...un vidón, como di Daniel. O malo foi a calor. Canta calor vai en Pedraquente! Nunca pensei que o Sol puidera quentar tanto. Eu afeito ó tempo onde vivo, fresco e chuvioso, aterrei nun lugar onde a xente súa nada máis erguerse da cama e ata durmindo. Menos mal que no apartamento onde viviamos había aire acondicionado, senón non sei como o soportariamos.Pasaba coa familia as horas de máis calor na casiña, estarricado no chan coa barriga ó fresco, se se lle podía chamar así, mentras eles durmían a sesta ou vían a tele. A praia ía algunhas veces, cando había pouca xente porque estaba prohibida para nós, os cans. Non sei se estaría para outros animais, un león por exemplo, porque nos letreiros só aparecían cans. Cousas dos humanos que sigo sen entender. Como vos dicía, cando ía a praia pasábao ben. Deitabame ó carón dos meus donos á sombra do parasol, botaba unha sonadiña e sobre todo miraba a xente que ía e viña, que se bañaba ou que xogaba. Que ben o pasaban! De vez en cando fixábame nos homes e nas mulleres. Cada un andaba como quería sen importarlle nada o seu aspecto, condición, vestimenta...A verdade é que me sorprenderon, pero para ben. Tamén dei algunha que outra camiñata por sendeiros á beira do mar e polos outeiro pretos. Cansábame, pero fun capaza de seguirlle o paso ós meus donos. Bueno, unha vez tiveron que collerme no colo porque xa non podía máis.
Aínda que o máis importante que me aconteceu foi descubrirme a min mesmo. Sabedes, xa non son un canciño; son un can, un adulto, un ser que está a punto de inciarse no amor, amor de cans, claro, bastane máis sinxelo que o amor dos humanos, segundo me contaron os meus conxéneres aló en Pedraquente. Xa vos irei comentando algúns segredos.
Agora, xa na casiña, a retomar a miña vida cotiá...e a seguir en contacto co mundo mundial.

24 jul 2010

TOUSI


Tivemos visita na casa. Ata aquí chegaron uns amigos de vello de Daniel e Elba. Algo pouco frecuente, pero que sucede de cando en vez. Como en calquera casa. A novidade foi que xunto cos humanos veu un conxénere. Tousi, que así se chama, é un can noviño. Máis noviño ca min, que xa é dicir. Bueno, pois o tal deume a tarde. Veña a ladrame, veña a querer bortarme unha carreira, veña a non deixarme tranquilo un momento. E eu con ganas de botar a sesta. Como fago de cote, na camiña de Elba; ó seu carón.Pero mal como puiden fun aguantando e soportando a Tousi. Que a verdade é que só quería xogar. Nós, os cans, cando imos de visita ou de paseo e nos atopamos con outros cans non andamos con chiquitas: ou deixamos que vaia pasando o día ou batémonos. Os homes non fan así. Din unha cousa e logo fan outra. Falan ben dalguén para de alí a nada falar mal. Ás veces gustaríame ser persoa, un home neste caso. Pero se o penso ben, non sería feliz. Así que do meu plan de futuro vou desterrar a idea de humano como meta a alcanzar. Prefírome como son.

20 jul 2010

UN POUCO DE MEDO

Pasei uns días en Bolnovo con Mar e Anxo. Para alá fomos toda a familia, pero Elba e Daniel regresaron o mesmo día para a cidade e nós os tres quedamos. A min gústame moito Bolnovo. Alí medrei ata ser o que hoxe son: un canciño espelido e xoguetón que sabe vivir nos mundos de hoxe.
Con Anxo e Mar sempre o paso moi ben. Tamén os entendo mellor, porque son máis da miña idade e só coa mirada xa sei o que hai . O malo é que como son novos, saen máis da casa e, claro, non me levan con eles e quedo só. Se é polo día non me importa, pero se saen pola noite, xúrovos que algo de medo teño. Medo a que se esquezan de min, medo a que veña alguén á casa e que me roube ou me faga dano, medo ós ruídos inesperados e descoñecidos... Que queredes, un evos así de medoñento. Menos mal que foron poucos días e que xa estou na de novo na casa cos cos meus donos. A verdade é que xa tiña ganas de velos. Porque os quero moito e porque con eles case nunca estou só. Deilles unhas cantas lambetadas. E eles a min achuchóns e algún biquiño. Cariño mutuo. Que queredes que vos diga.

15 jul 2010

DE VOLTA


Acompañei a Daniel á estación de autobuses a esperar a María e Tomás. Só puideron facer dúas etapas. Cando os vin, Tomás coxeaba moito. Deilles unhas lambetadas para animalos un pouco, pois decateime que estaban tristes. Logo na casa, deitado na miña camiña escoitei o que lle contaron ós meus donos. A Tomás saíronnlle bochas nos pés. Por moito que o intentou, en vez de curarlle aínda lle ían a peor e case non podía camiñar. Así que tiveron que deixalo. Con moita pena, eso si. Os dous matrimonios conxuráronse para facer o Camiño para o ano que vén, porque -deduzo eu- o anaco que andaron abriulles á porta a un mundo novo, máxico; unha mestura de ilusión e introversión, de cariño e compañeirismo; de axuda e entendemento mutuo e do seu entorno. Un sorriso á vida.
A min métenme envexa. Eu tamén quixera sentir o mesmo. Eu tamén me conxuro para facer o Camiño para o ano que vén. Só me asalta unha dúbida: Se a Tomás lle saíron bochas, como mas arranxarei eu coas miñas patiñas espidas?

12 jul 2010

O CEBREIRO

Nunca estivera no Cebreiro. Pero agora xa o coñezo. E nunca vira en toda a miña curta vida unha paisaxe tan bonita. Vin as nubes por riba, coma se houbese un mar de algodón cubrindo vales e montes, algúns asomando os bicos. Impresionate. Quedamos todos coa boca aberta de medio metro. Paréceme incrible que existan lugares así, case irreais.
Fun ó Cebreiro a levar a María e Tomás. María é a irmá de Elba. Ían facer os catro o Camiño, pero a miña dona non anda ben e ó final decidiron non participar na camiñata desas sete etapas que os levarían ata Compostela, así que alá deixamos a María e ó seu home. Iremos a velos un día destes, a metade de camiño.
Xa de volta para a casa ía mirando pola ventaíña do coche para os peregrinos. Canta xente andando! Novos, vellos, sós, en grupos, a pe, en bicicleta...ata vin uns a cabalo. Pero o que máis me chamou a atención foi un home que ía en silla de rodas pola estrada. Canta forza facía agarrando as rodas e impulsándose cara adiante! Canto esforzo físico e mental! Algo ten que ter este Camiño que eu non alcanzo a entender. Só o comprenderei cando o ande. Daniel di que do ano que vén non pasa. Esperemos.

7 jul 2010

MENUDA PELADA


Non fago máis que mirarme ó espello do corredor. E o que aí vexo non son eu. Non me recoñezo. E comprendo as razóns de Elba para que me cortasen o pelo: vai moita calor e abafo, non descanso en ningures, ando todo o día estarricado pola casa adiante buscando a frescura do chan e non deixo durmir saltando da cama á madeira tépeda do cuarto para enfriar os meus calores. Pero é que me deixaron espidiño de todo. Ai a miña longa melena onde vai! E para máis amolar, Daniel mira para min e dime todo compunxido que me despersonalizaron. Mírome ó espello e vexo un canciño aínda máis pequeno do que xa son, co piticlín colgando, o rabo curto e apuntando cara arriba, o fuciño longo e apuntando cara adiante, o pelo que no se sabe se é tal ou pelexo...Xa non sei que vexo ou que supoño. Menos mal que, como di Elba, para o inverno xa volverei a ter a miña la; para non pasar frío, que sonvos moi frioleiro.
Os humanos tamén corta o pelo. Cada pouco van a perruquería e veñen mellorados. Bueno, Daniel vén máis ou menos, porque, como di Mar, ten a fronte ocupándolle o sitio do cabelo. Cando vou de paseo voume fixando no peiteado dos homes e as mulleres. Cada un anda como quere: pelo longo, curto, de cores, de punta, sen pelo... Eu creo que é bo que haxa tanta variedade. É sinal de liberdade. Nós, os cans, non temos a posibilidade de escoller e peitéannos e ata nos visten ó gusto dos nosos donos ou donas. Por iso vese por aí cada conxénere que dá riso, pero a culpa non é del nin dela. Que lle imos facer. Non se pode ter todo. Eu, visto o visto, non me queixo.

3 jul 2010

A BOA VIDA


Estou vendo que xa hai uns días que non escribo. Non foi por vagancia, non pensedes. Foi porque ata onte mesmo Mar non acabou os exames e estaba todo o día diante do ordenador. E non é unha escusa. Eu son un currante e todos os días fago o meu labor: espertou os da casa, levántoos para que me saquen a botar unha mexadiña, acompaño a Mar á facultade, coido da casa cando non hai ninguén, reciboos con alborozo cando voltan para xantar, axudo a por a mesa, saco a pasear ó persoal para que fagan un pouco de exercicio...e así ata a noite que caio rendido na cama de Daniel e Elba e máis miña. Pero recoñezo que tamén me gusta moito o non facer nada. Así, sen máis. Estarricarme no chan, durmir patas arriba no sofá, deitarme ó pe da ventá a contemplar os vaivéns dos humanos e a tomar o soliño, botar a sesta na miña camiña ou en calquera que colla por diante...disfrutar da miña vida de canciño.
Na casa entendo que tamén queiran facer coma min, pero entre os seus traballos e estudios, as preocupacións familiares, a economía de seu e dos demais, a vidiña...non dan acadado este grado de perfección ó que eu cheguei grazas ó meu esforzo, eso si. Claro que ás veces tamén me estreso e pásoo mal. Por exemplo cando quedo só na casa ou no coche. Dáme a impresión que non van vir por min. E que faría eu sen eles? E eles sen min?


19 jun 2010

MOI COMPLICADOS


Mar estudia medicina. Vai xa polo segundo ano e ten que ser moi dificil, porque mira que bota horas e horas con libros e papeis. Cando estamos os dous sos na casa e mentras que ela estudia eu déitome a tomar o sol na soleira da ventá do cuarto de estudio ou boto unha soneca arrombado no sofá. Cando se cansa chama por min para xogar, para distraerse un pouco. Eu ás veces para pasar o tempo bótolle un ollo os seus libros. Están cheos de fotos e debuxos dos humanos. Pasmo con eles. Mira que son complicados os homes! Pregúntome se nós os cans estaremos feitos así, ou se polo contrario somos máis sinxelos. Agora decátome de por que moitas veces non os entendo: mestúranselle todos eses fíos que teñen por todo o corpo e hoxe sonteñen algo e mañá todo o contrario. Ou por eso debe de ser.

14 jun 2010

UN HOME VALENTE


Ás veces na casa xogo ó fútbol con Mar. Mar é a filla pequena de Elba e Daniel. Ten dezanove anos e estudia medicina. É quen máis peterrea comigo. Eu quérolle moito, aínda que ás veces ponme á liña.Levo xa uns día case sen xogar porque Mar está seguido estudando. Horas e horas sentada case sen me falar. A min dame un non sei que vela así, preocupada e cansa. Xa teño ganas de que remate para darlle unhas patadiñas a pelota que teño no meu cestiño. Mentras tanto, para consolarme e cando lle cadra, vexo na televisión os partidos do mundial de fútbol. Este ano xogáse en Sudáfrica, un país no que -segundo me contou Daniel- ata non hai moito tempo uns poucos homes brancos sometían e escravizaban a milleiros de homes negros. A persoa que conseguiu acabar con esto foi un home de cor chamado Nelson Mandela, que estivo preso moitos anos por defender os dereitos dos negros. Pero resisitiu e gañou, e ata chegou a ser presidente do seu pais. Gustaríame coñecer a Madiba, como lle chaman os seus paisanos. Debe de ser o home máis valente que hai neste planeta. Eu tamén son moi valente, aínda que ás veces pareza que non. Coma moitos humanos.

11 jun 2010

FIN DO CAMIÑO

Onte fun de paseo ata a praza do Obradoiro e sentei ó ó pé da catedral. Fun con Anxo, o fillo maior de Daniel e Elba. Anxo vive en Oviedo porque traballa alí. Foi el quen me trouxo para Galicia, como regalo para súa nai. Así que son asturiano de nacemento, pero galego de feito e de dereito. Un galego fetén, como di O Rivas. Veu cuns amigos seus a pasar un par de días e como pouco coñecían de Santiago foron dar unha volta pola cidade vella. Eu acompañeinos todo contento. Aínda que ía ó meu, ou sexa ó que van todos os cans, de cando en vez escoitaba. A min gústame moito escoitar. E aprender. Se puidese iría á escola para poder ler. Pero que eu saiba, por agora aínda non hai escola para cans. Pero xa as haberá.
Alí, mirando cara as torres, semellaba que a catedral íaseme caer enriba. Anxo explicáballe ós seus amigos a historia da catedral e do Camiño. Polo que puiden entender nada é verdade nin mentira, cada personaxe histórico tivo algunha razón poderosa para que todo esto se erguera e cada peregrino que chega aquí de calquera parte do mundo, alcanza a meta que procuraba cando comezou a camiñar.
Eu por agora só vexo ó meu redor unha enormidade de monumentos, que deberon de custar moito tempo e moito esforzo construír. Cousas dos homes que non atino a entender.

6 jun 2010

NENOS POLO CAMIÑO

Non moi lonxe da miña vivenda discorre o Camiño de Santiago. Ás veces vou pasear por alí con Daniel, sobre todo cando vai bo tempo porque queda algo lonxe e non é cousa de andarnos mollando. Hai un par de días andabamos por alí cando nos atopamos cunha morea de nenos e nenas, máis dun cento así a ollo, que estaban percorrendo un anaco de Camiño xunto cos seus mestres. Coma pasa sempre que me ven, veña a falarme e a preguntarlle a Daniel que como me chamaba, pero que feitiño é, veña a acariñarme...Eu déixome un pouco, pero enseguida pido socorro meténdome entre as pernas de meu dono. Escoitaba a conversa de Daniel cos mestres e cos nenos. Seique levan todo o curso facendo traballos no seu colexio sobre o Camiño e ademais tamén fan saídas para coñecelo mellor. Os rapaces ían moi contentos e os mestres tamén, aínda que algo preocupados por se sucedía algún percance. Despedíronse de nós con sorrisos e algaradas e continuaron a camiñar cara Santiago. A Daniel gustoulle moito a idea dos mestres, mesmo -dixo- debía de organizarse algo semellante para xente maior e coa colaboración doutras institucións. A min tamén me gustaría andar polo Camiño, facer algunha etapa. Na casa andan falando disto e creo que queren vir dende O Cebreiro ata Santiago. Canto me gustaría que me levaran con eles! Íao pasar tan ben coma os nenos. Ou mellor.

27 may 2010

TEMPOS DIFÍCILES


Dende hai tempo na casa fálase do mal que está a vida, sobre todo para aqueles que non teñen traballo ou escasos ingresos por mor de salarios cativos. Nestes días sigo con máis atención as conversas de meus donos e ata ergo as orellas cando na televisión falan sobre asuntos de economía, de cartos máis ben. Non é que entenda moito, pero si o suficiente para decatarme que os tempos non están para festas. Aquí e na China, que non sei onde é, pero supoño que debe cadrar lonxe, lonxe.Daniel sostén que todos temos que arrimar o ombreiro. Eles seica xa o van facer, con gusto ou sen el e aínda que lles amole, pero tamén lles gustaría que outros moitos, nas mesma ou mellores condicións laborais e económicas, puxeran o seu graniño ou granazo de esforzo e cooperasen a erguer este país tan vello, tan querido e por veces, tan ruín. Coma cando se mira por un vello amigo o que se quere moito aínda que sexa un tunante, un falcatrúas. A min tamén me gustaría botar unha man, bueno unha pata. Pero non sei como. Só se me ocorre portarme mellor coas pombas e non asustalas botándome a elas e facendo que fuxan todas alporizadas. Xa sei que non é moito, pero algo é algo.

25 may 2010

SOIDADE


Onte fun con Daniel a Bolnovo. Alí teñen os meus donos outra casa, onde me criei eu. A carón dela está tamén a casa dos pais de meu dono, que xa non viven. Dende que viñemos a vivir para a cidade imos pouco á aldea. Eu xa me afixen á vivir nun piso, e confeso que estou a gusto. Sen embargo ás veces boto de menos as carreiriñas que daba con máis liberdade polos arredores da casa. Daniel estivo recollendo e limpando, traballos que -como el di-xa tiña que ter feito hai tempo. Eu óllabao con atención. Deume a impresión que estaba triste. Eu tamén entristezo cando estou so ou cando non me fan caso. Neso dos sentimentos os cans parecémonos bastante ós humanos, e pódenos a soidade e ata nos deprimimos. Pero eu non me podo queixar. Vivo na mellor casa do mundo mundial.

22 may 2010

VACA PORREIRA


Estou moi disgustado. Onte miña dona, Elba chamoume vaca porreira. E diante de Daniel. Todo porque cando estaba paseando con ela tiven que sentarme a sombra dunha árbore; non podía máis. Pero foi pola calor; non a aguanto. Para Elba foi seique porque estou moi gordo. Non é certo. Nós os cans non entendemos de peso. Comemos cando podemos, cando nos dan; senón pasamos. Os humanos sen embargo andan sempre preocupados, sempre cun ollo na báscula. Ata chegan a enfermar e mesmo morrer.
Eu non estou obeso!! Mírome ó espello e sigo vendo o que vexo dende hai un par de anos: un can pequeno, peludo e guapo. Faltaría máis.

20 may 2010

DE VEZ EN CANDO MORDEN



Cando quedo so na casa ou non me fan moito caso achégome ás ventás e déitome ó pé delas, a mirar o que hai e a tomar o sol. Nestes día pasados houbo un circo preto, e dende a cociña víase o ir e vir de xente e animais. Unha tarde que saín dar un paseo con Daniel botei unha carreiriña -coma quen que non sabía nada- cara os cárceres dos leóns e os tigres. Nada máis chegar púxenme nas miñas e ladreilles para facerlle saber que este era o meu territorio e que eles, por moi grandes que foxen, non me metían medo. Non me fixeron ningún caso, feito que aproveitou Daniel para entre risa e risa explicarme que conducta como a miña é a que manteñen moitos humanos cando non se cansan de darlle a lingua despotricando contra alguén a sabendas que non van ser tidos en conta. O perigo, engadiu o meu dono, vén cando os ofendidos ou calumniados deciden non escoitar máis. E morden.

18 may 2010

O MEU MUNDO

Imaxe de Xosé. Así é onde vivo. Por aquí paseo a Daniel, o meu dono... já, case todas as tardes e moitas mañás. É o que máis me gusta da miña vida de canciño: o paseo e a leria. Menudas parrafadas. Daniel a falar e eu a ladrar EN GALEGO. Xa sei que non me credes, pero o mundo non é dos incrédulos, é dos soñadores e ambolosdous o somos. E moito.
Ai que mexadiñas boto. E que uliscadas. Tamén pasea por aquí a Moriña, unha cadeliña branca e negra. Un bombón...ciño.

MÁIS BOAS

Segundo o artigo aparecido no diario El País, dentro de poucos anos os cans serán capaces de comunicarse mentalmente cos seus donos, sempre e cando estes sexan boas persoas. Hai que ver que cousas pasan, ou din máis ben. Tamén din que co paso dos anos, ata usarán o globish, un idioma que alguén anda inventando. Eu por agora confórmome co galego, a lingua que aprendín de pequeno e que agora os políticos, certos políticos, queren mandar ó desvan de los monjes. Bo sitio para castigar a aqueles que non fan ben os seus deberes.

BOAS!

Estréome neste mundiño infinito. Ou case, segundo me conta meu dono -non lle gusta que lle chame así, pero ser é-Daniel. El dime que case porque non se fía moito das máquinas. Eu de quen non me fío é dos homes...e das mulleres, claro.
Vou intentar con este blog darvos a coñecer a miña opinion sobre o que pasa, o que vexo, o que quero...tendo en conta que son un can. Bueno, un canciño.
Leo