10 nov 2013

QUIMBA

Non sei se se escribe con Qu o con K, pero como Daniel só emprega o qu eu poña como me poña  terei que optar polo qu. Pásame o mesmo con Quira, a miña veciña, que tamén comeza pola mesma letra. No meu libro do destino está escrito que o qu ten moita relevancia. Bueno, é unha broma da lingua que me permito porque hoxe estou contento: estamos todos na casa, xa almorcei e de contado imos ir a Bolnovo, á feira e a dar un paseo e facerlle unha visita a Lula.
O que pasa é que non deixo de pensar na Quimba, a galga que María e Anxo comparten dende hai xa uns meses. Que a compartan non quere dicir cada un teña un anaco, non. É que unha tempada está na casa dun e outra na do outro.De Panes a Cuarte e viceversa. Estes matrimonios de nova fornada sonche así: non poden vivir o un sen o outro e a Quimba digo eu que lles servirá  de confidente cando non poden estar xuntos. E venme ao acordo a Quimba porque Daniel ensinoume onte unha fotografía dela  que Anxo colgou no feisbú. A galga está botando unha sonada picha arriba, cunha das patas dianteiras cruzándolle o corpo. Máis ou menos como fago eu, só que ela como é moito máis grande chama máis a atención e a min que queredes, veume a risa;así polo caladiño para que os da casa non se cabreasen, aínda que creo que a eles tamén lles pasou o mesmo. Aínda a recordo no verán en Pedraquente, cando me andaba a molestar xogando comigo e atropellándome coas súas patas! E na cidade o mesmo, hai uns poucos días, cando estiveron na casa os dous namorados e máis ela! Bueno, a verdade é que se portou bastante ben e que non me podo queixar. Eu pensaba que ía ser peor, pero recoñezo que se portou moi ben. Vai medrando, coma min, e cada vez facemos menos tonterías. Dáme a pinta que imos ter unha   boa amizade, aínda que me leve un  anaco, un considerable anaco.
E espero que mañá lle dea a Anxo unhas cantas lambetadas no meu nome, que está de cumpreanos. Se lle dá unha por ano vai ter que limparse cunha sábana. Coa lingua que ten!


7 nov 2013

CASTAÑAS

Como bo galego encántanme as castañas. Cocidas, asadas ou crúas tanto me tén:
relámbome de gusto cada vez que se achega o tempo e alguén da casa trae unhas poucas -ou unhas moitas- e alá se poñen a espenicalas e a cocelas. Logo aos  poucos van peteirandeo nelas e entre bocado e  bocado, un grolo de viño ou cervexa. A min sempre me cae algunha, que saben que me gustan moito e con tona ou sen ela pápoas nun bocado e demándolle outra máis co meu meneo de rabiño.
Cando viviamos na vila iamos por elas aos castiñeiros, dando un longo e plácido paseo pola beira do río, case sempre con Mar, que daquela gustaba moito de ir ás castañas e abrir ou ourizos cos pés alí meso, ao pé do castiñeiro para con coidadiño sacalas do seu agocho e gardalas nunhan bolsa ou nos petos. Era todo un ritual que se repetía ano tras ano, unha festa porque logo ao chegar a casa sempre asabamos  xa unhas poucas no forno da cociña ou as cociamos con fiuncho entre risas e contos, que se presta moito este tempo de outuno para as reunións familiares ao carón do lume.
Agora na cidade ser xa non é o mesmo, porque ás castañas xa non imos, xa non disfrutamos do paseo, da recolleita. Ímolas catando porque sempre hai veciños que lles regalan unhas présas ou mesmo as mercan na rúa, neses asadeiros con forma de tren que se espallan polo centro da cidade cando chega este tempo . Pero bueno, pasar pasámolo moi, moi ben. E déixovos, que agora mesmiño vaise pór Daniel a espelicar unhas castañiñas de aló de Ourense, que sei que son moi boas. Bueno, a min a orixe non me importa; o que me importa é darlle pola noite ao dente, que non me caen pesadas, non.