20 feb 2015

XOEL

Pois xa está aquí Xoel. Como quen non quere a cousa, pero despois de facer esperar aos da casa uns días máis dos previstos asomou a este mundo imperfecto o fillo de Anxo e María. E como todo nesta vida ten o seu aquel de aventura, novela ou fantasía, aí vai unha entrada que me fixo chegar un bo amigo. Sen máis palabras.


O día 5 de febreiro, arredor das 11 da noite naceu Xoel, fillo do meu fillo Roi e da súa muller María: o meu primeiro neto. Non me é doado explicar o que sentimos a súa avoa e máis eu coa irrupción na nosa vida dun asturianiño tan desexado polos seus pais e polo resto da familia. É primeiro fillo e primeiro neto, todo un fol de agarimos e mimos.

Non hai maneira tampouco de contar con exactitude,nin por asomo, as diferentes sensacións que percibín ó collelo no colo,ó pasar a xema do meu dedo  pola súa fronte, polas súas meixelas, pola súa pel tan suave e delicada. Ver con sorpresa como responde cun acto reflexo de seu ás voces ou aos contactos inesperados, presentir que con pouco máis dun día de vida xa  te escoita, xa te recoñece, aínda que non sexa certo.  Acercarlle o meu dedo índice as súa manciñas coa intención de que mo  agarre, pasar a man aberta por riba da súa fráxil cabeza , sen tocalo, só sentindo na miña pel o seu fino pelo louro, tan distinto, ocórreseme, de cando vaia  medrando.

E aínda que todas estas sensacións e sentimentos tamén os sentín cos meus fillos, teño que recoñecer que eses momentos de gozo se mesturaban coas inquietudes propias dun pai que  non ten nada claro como vai discorrer a vida dos seus fillos.  En fin, no que deben de cavilar tamén nestes momentos os pais de Xoel.

Benvido, netiño. Se boa xente, coma teus pais  e xa falaremos cando teñas uns meses máis, cando veñas por Galicia a ver ao resto da familia. Ata entón iremos nós por aí para disfrutar contigo mirándote, paseándote, arrolándote e sobre todo,  queréndote moito.

4 feb 2015

A VIDA VAI

Pois aquí estou, dormitando no sofá do salón, a carón de Daniel, disfrutrando do caloriño da casa que afora vai un frío de carallo, como di Mar, que por certo acaba de pasar o exame máis trascendete da súa vida, polo menos ata agora que eu saiba. Anda a muller toda nervosa porque estaba convencida de  que lle ía saír mellor do que lle saíu, que estudar estudou moito, que eu fun testemuña das horas e horas que pasaba diante dos libros.Pero como lle din seus pais, aínda é nova e pode volver a presentarse se quere para traballar no que realmente lle guste. Súa será a decisión, e como eu sei que é ben asisada, de seguro que tomará a correcta. E seguimos todos a espera de Xoel, que o homiño hai xa uns día que debería  de respirar de por si o aire limpo e frío de Asturias, pero aínda o fai a través do vaso comunicante de súa nai, que digo eu que será quen teña máis ganas que ninguén  de verlle o nariz o recén; máis aínda que Daniel,  que soña con perpetuar o seu nariz no seu neto. E mira que é feo o seu nariz !!!! Non sei eu se o Xoeliño puidese escoller con cal se quedaría, se co narizón do avó paterno ou co nariciño sexy do seu avó materno!!!! A vós que vos parece. E que hai cada un....que... que non ten remedio. Bueno, xa vos contarei o desenlace destes dous fitos na vida dos da casa. Pero eso si, o que aconteza, seguro que será para ben.