6 nov 2014

REINICIAR

Cando se lle colga o ordenador aos da casa van e premen a tecla correspondente e a máquina apágase. De contado volven a premer a mesma tecla, acéndese o aparello e volve a funcionar con normalidade. Así me sinto eu, como se despois dun longo periodo de inactividade alguén premese unha tecla alá no fondo do meu entendemento, ou do meu corazón, e me puxese a andar de novo por estes corredores informáticos. Bueno, tamén pode ser que o tirón de orellas que lle deu Anxo a Daniel o outro día cando viñeron de Asturias a pasar un par días na casa servise para o mesmo fin. Todo axuda.
Canto tería que contar nestes cinco ou seis meses nos que estiven desconectado de vós! Cantas novas aconteceron! Dalgunhas xa vos podedes dar unha idea porque se repiten todos os anos: as vacacións en Pedraquente -case afogo, pero esta historia déixoa  para outra ocasión-, os achaques dos maiores da casa, o remate dos estudos de Mar, as miñas visitas a Bolnovo, os paseos pola cidade,as papatorias...pero sobre todo quero destacar un feito extraordinario, tanto que vai cambiar a vida de todos os da casa e dos que non son da casa: vai chegar Xoel dentro duns meses. De tres ou catro, seique. E claro, preguntarédevos quen é este individuo. Pois nin máis nin menos que o fillo de Anxo e María!!!! Que si, oh, que sí que é verdade. Eu ao primeiro non lle prestara moita atención ás conversas que matiñan  os da casa con Anxo por teléfono nos últimos meses, porque á hora que falan, alá pola noitiña, eu ando máis ben no limbo e non me entero ben . Pero como o nome de Xoel se foi repetindo, como fomos a Asturias hai pouco e como acaban de estar na casa Anxo e  María, as miñas sospeitas confirmáronse e o Xoeliño, que xa o nomean así, vai chegar de contado. Manda carallo!!!!, e perdoádeme a expresión: vou ver como medra un da familia, xa que o nacemento non creo que me deixen asistir, digo eu. E claro, estou contento, moito; e impaciente, que xa teño ganas de xogar con el como fago con Mar, a botar carreiras detrás dun inimigo que non o é. Aínda que ben pensado, terei que esperar uns meses, que os humanos cando veñen a este mundo non se saben defender e están atoallados de todo...durante moitos meses. Claro que  tampouco é necesario que se dea moita presa en medrar, que por agora o principiño son eu, e non quero perder os privilexios gañados durante tantas  xornadas de duro traballo. Bueno, pero cando estea na casa, cedereille o cetro. Faltaría máis.

2 may 2014

NORABOA


Vouno deixando, vouno deixando e pasan os días...e os meses. En fin, que xa ía sendo hora de retomar as miñas vivencias, de faceros chegar as miñas historias e inquedanzas. E dende a última entrada, abofé que houbo novas: antroido, cumpreanos, visitas, chuvia e máis chuvia, algo de sol e ata una manifestación. Si señor, participei por primeira vez na miña vida nunha manifestación. E preguntarédesvos vós que facía un canciño en semellante situación. Pois facerlle compañía a Daniel e a Elba, que son os dous moi contestatarios ou iso din. Bueno, a min paréceme que que cos anos algo de resposta  perderon e xa non participan tanto como cando eran xoves. Pero ir foron a defender a sanidade pública xunto con varios centos de persoas, que así a ollo digo eu que debería de haber.
Pero o máis destacable destes dous longos meses foi sen dúbida a graduación de Mar. Si señor: rematou os seus estudos. Bueno, case que aínda lle faltan un par de asignaturas e logo o exame final, alá por febreiro do ano que vén, para poder exercer a profesión polo que tanto loitou durante estes seis últimos anos. Sei que foi un acto moi bonito, moi emocionante ao que asistiron os familiares dos graduados. Ademais de Elba e Daniel tamén foi Anxo, que veu dende Asturias para acompañar a súa irmá neste día tan especial. María non puido vir por mor do seu traballo. Lástima, que seguro que lle habería de gustar. Eu non asistín, que como xa supoñeredes, non deixaban pasar aos cans. Non sei, pero seguro que entraron humanos bastante peores que min, pero en fin a vida é así e contra estas normas inxustas non é fácil pelexar. Eu quedei con Lula, en Bolnovo, disfrutando da súa casa e da súa compaña como se estivese nun hotel de catro estrelas, ou de máis, das máximas que existan, que non sei cantas serán. Ata me deu pena despedirme dela cando Daniel me veu buscar de alí a tres días para volver a nosa casa da cidade. E que a quero moito, e non só polo ben que estou con ela, que non son tan egoísta, senón porque noto eu que ela tamén está moi a gusto comigo, que se distrae e non se aburre tanto. Non me importaría, de verdade, pasar con ela algún que outra día, pero esa decisión non depende de min só.
 Bueno, teño que promemeterme a min mesmo non deixar pasar tanto tempo entre entrada e entrada, que logo acumúlasame o choi e non dou feito. E diciros que sigo acompañando a Mar nas longas horas de estudo.  Coma sempre. Que algo se me pegará, digo eu.

25 feb 2014

NACHO

Andan os da casa a falar sobre un coñecido seu que ten cancro. E a pesar do triste ou máis ben tráxico da nova, tampouco sería unha gran sorpresa que alguén padeza desta doenza pois segundo sostén Elba, todos, e eu tamén, temos moitas posibilidades de padecela nalgún momento da nosa vida. E de morrer dela. O destacable neste caso é que a persoa que o sufre é periodista dun xornal de gran difusión en Galicia e como tal vai describindo no seu blog o día a día do seu tratamento e das súas vivencias. Pouco a pouco o blog, o seu contido, foi esparexéndose por varios medios de comunicación: radio, televisión, prensa..e sobre todo por internet. Estase convertendo non só nas memorias vitais dun periodista enfermo, senón nunha man esperanzadora para todos aqueles que como Nacho, que así se chama este xornalista, atravesan por momentos difíciles, moi difíciles, tanto que a maioría non sabe ou non quere facer partícipes da súa enfermidade aos demais, sexan familiares ou amigos, e prefiren loitar en silencio. Aguantar atrincherados. E que pase o que teña que pasar, sen concesións á lástima. Ou iso pensan eles. Nacho, non. Nacho cóntanos coa súa mestría de reporteiro sarcástico, irónico, humorístico e ata tenro se se así se quere ver, a súa loita diaria contra o cancro, para a cal se arma non so de medicación e tratamento, senón tamén da súa paixón pola vida, da forza  que lle dá a linguaxe, do cariño da súa muller e os seus fillos, dos ánimos de centos de amigos que o aprecian e sobre todo da súa cabeza privilexiada, san no máis amplo sentido da palabra aínda que el diga que por mor da radioterapia ten a orella cocida coma se a sacase do caldo recén feito.
Gústame este Nacho, e espero que os da casa teñan a delicadeza de presentarmo algún día, aínda que sexa dentro de moitos, moitos anos.

15 ene 2014

DA CAMA Á CAMIÑA

Pois levo xa uns días durmindo na miña camiña. Por imperativo familiar, claro; non por decisión miña. Pero o que manda, manda e na casa quen manda non son eu precisamnete, aínda que Elba sempre lle di a Daniel que fago o que quero. Xa me gustaría, xa. E cal foi o motivo deste cambio a peor?, preguntarédesvos. Pois a resposta é moi sinxela: mordínlle a Elba nun dedo. E dúas veces e as dúas  no mesmo dedo. Non toleei, non como pode pensar alguén. E que ocorreu como cando un rifa cos nenos pequenos: as risas sempre acaban en choros. Xa sei que eu non son un neno, que xa teño os meus anos, que non debería de morderlle a ninguén e menos aos da casa, pero pasou o que pasou e agora xa non hai volta atrás. Resulta que Elba comezou a xogar comigo, a apretarme, a facerme rabiar e eu nunha desas revolvínme e ...ñaca! e de alí a uns días ...ñaca,ñaca! E que teño moito xenio e as veces non me domino, e logo lévoas. Como as que levei: pim, pam, pum. E tamén quedei preocupado polas palabras e expresións que oía: voo sen motor, perreira, pasaporte..e xa non me recordo de máis, pero o seu significado si que me quedou claro: adeus, adeus, adeus. E eso si que non, que non quero deixar esta casa, que aquí vivo moi ben. E ademais, que sería deles sen min? Quen os recibirá a reviravoltas cando chegan a casa? Quen velará polas noites para que nada perturbe o seu sono? Quen os acompañará cando estean sós na casa e non teñan a quen dirixirse para romper o mesto e molesto silencio? Bueno, dende que ocorreron os desafortunados sucesos xa foi minguando o cabreo dos da casa, e sobre todo de Elba, a damnificada, e xa vou paseniño recuperando o meu sitio na cama familiar.
 E que se dorme tan ben! E tan quentiño!