Mostrando entradas con la etiqueta pracer. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta pracer. Mostrar todas las entradas

21 mar 2013

UNHA RAIOLA

Din os da casa que levamos máis de dous meses de chuvia a reo. Bueno, eu non sei se será tanto, pero levar levamos un mundo de chuvia aturado dende o Nadal. E chuvia sen sol, sen esa claridade que che aleda o espírito e que cha fai ver o mundo dun xeito máis optimista.
Por iso, cando en días coma hoxe o sol asoma por entre as nubes e unha raioliña entra pola ventá da cociña corro de contado a tomar posicións  para que pouse no meu corpiño. Contemplo primeiro dende a porta con admiración como se reflicte nos electrodomésticos e nos azulexos: brillante, luminosa, adorable; logo séntome no chan cara ela  e entorno os ollos para percibila mellor, para que a caloriña me invada a modo dende as orellas ata a punta do rabo. Cando xa a calidez da raiola  converte as miñas pálpebras en persianas a punto de pecharse cambio de posición e póñome de costado. Primeiro cara a dereita e despois cara a esqueda, ou ao revés; que ás veces ando tan na inopia que xa non sei para onde miro. E así quedo transposto un bo anaco, moneando, en pleno trance onírico, decatándome,  aínda que non o queira, como  a miña cabeza se vai inclinando lentamente, empinando ata case chegar ao chan, coa boca semiaberta,  ata que sobresaltado érgoa abrindo as palpebras todo o que podo, que ás veces non é moito, para reflexionar un intre sobre os pequenos praceres da vida e volta a comezar. E así  boto non sei canto tempo ata que presentindo que me vou dar un testarazo opto pola mellor solución: ir  durmir un anaco ao cuarto de Anxo ou de Mar, que son moi soleados e teñen ademias moi boa vista. E ata que cheguen os da casa para xantar.