4 dic 2011

ADEUS A UN VECIÑO


Tardei en escibir sobra a súa falta porque tiña esperanzas de volver a velo, pero os días foron pasando e o meu conxénere non deu sinais de vida. Boteino de menos ó pouco de regresar de Pedraquente, cando nos paseos vespertinos que dou a cotío acompañando a Daniel ninguén respondía ós avisos cos que dou fe da miña presenza ó pasar por onde quero que se me escoite, actitude de amigable enfrontamento que mantiñamos ambolosdous dende que estou vivindo na cidade. Sempre nos respectamos aínda que pouco sabiamos un do outro, sempre aturuxabamos ó vernos, cada un dende a súa beirarrúa, pero sen ousar cruzar para pelexar. Eramos dous machiños que queriamos conservar cada un a súa parcela, ou máis ben que faciamos coma si quixeramos, pois femia ningún dos dous tiñamos para disputárnola.
Non sei onde iremos os cans cando deixamos esta vida. Eu quixera que a calquera sitio real ou imaxinario onde poidamos seguir disfrutando do sol, da chuvia, do mar... dos humanos. Estes seique si saben onda van aínda que os da casa non están en absoluto de acordo.
Palmamos... palmamos -sostén Daniel. E os demais sorrín e aseveran.
Bueno, pois xa se verá. A vida segue para todos e aínda me queda dabondo por ver e por disfrutar e meu veciño supoño que alá onde estea estará ben e non lle importará esperar por min uns cantos anos. Que digo cantos! Uns moitos, moitos!, que por agora prefiro darlle o rabo por aquí -e o dente- que aterrar en paraísos descoñecidos.

22 nov 2011

MARIANO


Voume permitir a familiaridade de dirixirme a el polo seu nome: Mariano, como se fora o veciño de en fronte, aínda que a partir de agora vaise oir máis o seu primeiro apelido: Rajoy, co Sr. diante. Do segundo non me acordo, pero ter ten que telo. É Presidente de todos nós, queiramos ou non, dende o pasado 20 de novembro, aínda que por agora non exerce.
Ós da casa non lles cae nada ben. Seino porque non o disimulan. A min, nin fu nin fa. Gustábame Zapatero. Non vos sei dicir por que. Pode que polo seu sorriso, pode pola defensa que dos máis necesitados sempre intentou acadar. Di Elba que conforme a historia o vaia xulgando todos irán recoñecendo o seu traballo e a súa valentía. Os desacertos, que os tivo e gordos, xa llos recordaron os seus inimigos durante estes últimos anos nos medios de comunicación.
De Mariano só podo dicir que non me fío, como non o fago nunca daquelas persoas que calan ante os problemas e intentan que outras llos resolvan ou facelos responsables dos mesmos. E esa é a imaxe que dá Mariano. De persoa que non ten opinión propia, de político que non sabe dirixirse ós cidadáns sen ler o que outros lle escribiron previamente, de boneco de trapo que un ventrílocuo deshumanizado manexa ó seu antollo.
Mar sostén que nos vaiamos preparando, que imos ter Mariano e acólitos para tempo. Quen sabe! Pero bueno, como di Daniel, nunca choveu que non escampara.

16 nov 2011

A CIDADE DO ESPERPENTO


Aproveitando que Anxo e María viñeron pasar uns días con nós, achegámonos ata a Cidade da Cultura para que a viran. E digo viran e non admiraran porque ó meu entender non se pode mostrar admiración por aquelo que non o merece, sexa un gran de millo, un mastodonte ou calquera obra arquitectónica construída só por vaidade.
A visita desconcerta a quen se achegue alí por primeira vez: un mar de pedra encrespado que se ergue do chan e ó que non se lle atopa explicación lóxica nin fin concreto máis que o simple feito da súa propia rechamante construcción. Non haberá sitios nesta ou noutras cidades galegas para albergar o que alí din que se vai gardar!
Non me fago unha idea do que todo iso puido costar. E digo custar e non valer, que valer vale pouco e para pouco. Non habería máis en que gastar os cartiños! E penso nun refuxio para os animais abandonados, ou nun prato de caldo quente para aqueles que non teñen casa nin comida. Por pensar algo e tocar a fibra sensible de quen a ten, e non de aqueles que proxectaron este esperpento que xa sei que nin polo oído lle entra.
Conta Daniel que un periodista que presume de aguda opinión escribía hai pouco nun xornal do país que a Cidade da Cultura, pasado o tempo, chegará a ser tan valorada como a catedral de Santiago. Pois si, todo nesta vida é posible. Será cousa de de ir amañando a aparición fantasmagórica de D. Manuel, el Grande, no cumio das ondas de pedra do Gaias vestido con traxe de gala enxebre. Seguro que se contarán os visitantes por millóns, aumentará así o PIB e xa poderemos comezar a pensar noutro esperpento máis, por exemplo intercambiar a ubicación da catedral coa Cidade da Cultura.

31 oct 2011

VAI POR TABACO


Entendo eu que ir por tabaco é achegarse a un estanco, bar ou calquera outro local onde se poñan a venda paquetes de cigarros, xarutos ou picadura para calmar as ansias dos fumadores, que de algo hai que morrer e hai quen prefire facilitarlle o traballo á parca. Por iso non caín da burra -como din os da casa- cando chegou Elba de Bolnovo coa novidade de que un coñecido de vello marchara había un par de días por tabaco e aínda non volvera. A incredulidade reflectida no rostro de Daniel de contado mudou por outra expresión ben coñecida por min e que recoñezo nada máis ver ese sorriso burlón característico seu asomando pola comisura dos labios, e aínda que lle custou traballo asumir a nova, non lle quedou máis remedio que rendirse anta a evidencia: Ovidio, o serio, o pai de familia exemplar, o esposo abnegado, o home sempre cumpridor dos desexos dos seu clientes ...deu un paso ó fronte ou máis ben tomou a saída dunha carreira de supermarathon e si te he visto no me acuerdo, que a vida son catro días e hai que aproveitar e darlle gusto ó corpo.
Cousas dos humanos - digo eu.
Voltas que dá a vida -diría Daniel.
E segundo lle contaron a Elba uns días despois, seique foi cousa dun arrebato, da paixón desatada por unha muller máis nova, que lle fíxo referver o sangue ó Ovidiño ata decatarse de que aínda non estaba tan oxidado coma el pensaba, que a pesar de que na súa cabeza só quedaba a centésima parte do pelo que a cubría vinte anos atrás, era home dabondo para dar conta non só dunha senón dun par de féminas se fose necesario.
Ai que burros son estes homes! E digo ben homes, que non mulleres, que nada máis velas xa calquera se decata, por moito canciño que un sexa, que a diferencia entre os uns e as outras é abismal, ou sexa que semella que nunca se acaba, que mete medo.
Eu por agora estou ben así, sen ataduras. A nosa natureza é como é: aquí te vexo, aquí te pillo - parafraseando a Daniel-, ben entendido que a ocasión tardará e tardará en volver a repetirse.
Unha pregunta: e se nos deran a escoller? Que?

21 oct 2011

ESPERANZA


Indo no coche camiño dun recado sorprendeunos a nova anos atrás tan esperada: ETA anunciaba o cese definitivo da actividade armada.
Elba e Daniel medraron á par que a banda terrorista se ía convertendo nunha hidra asasina. Non recordaban con exactitude cando comezaron a tomar conciencia de quenes eran, o que pretendían. Pode que cando xa non houbo excusas para os asasinatos, se é que algunha vez as houbo. Mesmo recoñecía Daniel que nalgún momento, cando era moi, moi novo existía entre os xoves de entón unha certa admiración cara aqueles asasinos, como se estivesen irradiados por unha luz salvadora que pretendesen propagar por toda a sociedade. Eran tantas as ganas de rematar coa dictadura, de incorporarse ó mundo libre que todo parecía insuficiente, que todo valía, e ata se intentaban xustificar os asasinatos, como se a vida daqueles homes, mulleres e nenos inocentes pertencera a un mundo distinto, irreal, que só existía nos xornais e outros medios de comunicación.
Os feitos pronto impuxeron a realidade. Hoxe, depois de tantos anos de terror e horror, só queda a esperanza de que desta vez sexa certo, de que aquel NUNCA MÁIS que aínda resoa nos oídos dos da casa se volva entoar de novo para chuspirllo á cara a quen tanto dano fixo.
Gustaríame facerlle só unha pregunta a calquera destes descerebrados inhumanos: para que?

13 oct 2011

CHOVER OU NON CHOVER!


O mundo está ó revés. Pensar que o día do Pilar estiven na praia a sombra dun lancha porque facía unha calor abafante e hai dous meses, cando regresamos de Pedraquente aló pola Virxe de agosto, gardamos o parasol no trasteiro porque pensabamos que xa non o iamos abrir ata o ano que vén! Eu esto non o entendo. Chove cando non debe e vai calor cando debería chover.
A min gústame a caloriña porque podo pasear a calquera hora do día, pero este é tempo de chuvia, de andar arrimado as paredes para non mollarse, de botar carreiriñas para aliviar e volver para a casa de contado, de ver a tele engruñado no sofá ou deitado no chan á beira do radiador. É tempo de ver medrar a herba e espirse as árbores, de sorprenderse cando os ríos enchen e van por fóra, de engaiolarse cos nenos e os seus paraugas de cores; de xantares que che quenten o corpo, de sesta familiar e de estar máis na casa, todos xuntos, como me gusta moito a min. Sen embargo, e ante a miña estrañeza, os humanos fan dende hai semanas vida de verán: nin que estivesemos en Pedraquente, que aló o bo tempo alóngase bastante máis alá da data de inicio do outono. Pero así non podemos seguir. Esto non é normal e sostén Daniel que pagaremos as consecuencias.
A que veñen logo tantos desaxustes? Segundo escoito por aquí e por alá, á tolemia dos humanos. Nin máis nin menos. Xa acabaron con moitos animais e levan camiño de rematar cos que quedamos e por suposto con eles mesmos. E non haberá maneira de paralos?, pregúntome eu. Para a miña desgracia só os que acenderon este lume son quen de apagalo. Só se os humanos máis poderosos se poñen de acordo conseguirase que polo menos o dano xa causado na natureza non vaia a máis. Se consultaran ós animais, se nos deixaran participar nos foros onde se reparten o poder e as riquezas, se os amos do mundo foran capaces de pensar coma nós un intre, só un intre, deterían esta desfeita.
Desexo con fervor seguir maravillándome todos os días cando esperto e miro pola ventá da cociña como o sol se ergue por detrás dos montes e edificios ou como bate a auga nos cristais do cuarto onde adurmiño esperando polos da casa. Quero a miña terra como é, coma sempre foi, dende hai miles ou millóns de anos. E abofé que non me quedarei quedo.

25 sept 2011

O PORCO DE BOLNOVO


Arrombado no asento do conductor esperaba resignado o regreso dos da casa. Cando xa a luz das luminarias da rúa substituía á do sol, oio o coñecido clic da apertura das portas, érgome e vexo como Elba e Daniel se acercan cara o coche falando e sorrindo, como eu quixera que fixeran a cotío. Unha vez sentados e despois dos saúdos de rigor, Daniel mira cara min e pregúntame con cara de coña se algunha vez vira un porco levando a un can pola correa. Eu a verdade pensei que perdera o senso, ou que tomara algunha cervexa de máis - aínda que a verdade non mo parecía- ou que o barbeiro ademais de cortarlle o pelo lle eivara o coñecemento, pero os seus ollos non mentían e sabendo como é decateime de que de coña si, pero en serio tamén.
Xa saíndo de Bolnovo,de volta cara a cidade, Daniel comentáballe a Elba que o porco o que se referira tróuxeralle a memoria a aqueloutro que fixera famoso o escritor ourensán Vicente Risco, un tal D. Celidonio, un comerciante que ascendera de porco a marrán e ata chegara a ser alcalde do seu pobo. Recordounos tamén que a todo porco lle chega o seu San Martiño e ó de Bolnovo había xa uns cantos meses -alá por maio- que lle chegara o seu particular, producido por un empacho de ignorancia e vaidade.
Vós entendedes algo? Eu quixera, pero a verdade é que me custa traballo. O que si me queda claro é que este D. Celidonio bolnovense moi do gusto dos da casa non é. A ver se o vexo un día por alí, máis que nada para cambiar de beirarrúa. Non vai ser que se me pegue a súa presunción.

4 sept 2011

AS DÚAS MARÍAS


Gústame moito ir de paseo. A diario saio cos da casa polos arredores do domicilio xa que hai unha ampla zona verde e así estiro os meus músculiños -xa non recordo se volo teño contado-pero cando Daniel ou Elba dispoñen de máis tempo, non hai présas e a chuvia o permite baixamos ata o centro da cidade a ruar. Así que onte pola tarde como se cumprían as condicións anteriores alá nos fomos os tres, paraugas en man que non en pata, a disfrutar dunha temperada tarde pre outonal. Xa de volta para a casa reparamos nunha pancarta que anunciaba festas e como aínda era cedo decidimos ir mirar o que había. A rúa onde se celebraban pertence a un barrio pequeno e vello, que xa pasou por tempos peores, deses nos que os veciños se coñecen todos e procuran manter as tradicións de casa en casa e de xeración en xeración. É un barrio con moito espírito, con personalidade propia, e que gusta de promover actividades distintas as habituais dos días festeiros doutros barrios e vilas. As festas estaban organizadas pola asociación de veciños as marías, nome que figuraba nos programas de man das festas colocados a disposición dos asistentes nun pequeno posto onde a asociación vendía camisetas e panos coa efixie impresa de dúas mulleres para recadar cartos.
Elba e Daniel coñeceron as Marías, ás dúas Marías como lle chamaba a xente, hai xa uns cantos anos. Recordábanas paseando polas rúas da cidade, con aquelas vestimentas estrafalarias que tanto chamaban a atención naqueles anos de recato e submisión forzosa, todas maquilladas, dirixíndose ós mozos con descaro, piropeándoos condo se sabían o centro de atención das ateigadas rúas. Os da casa daquela eran moi novos e descoñeceron a realidade da vida destas mulleres ata anos despois, cando xa palabras como anarquistas, así de sinxelas hoxe en día, deixaron de ser motivo de persecución e castigo para quen as pronunciaba en voz alta.
Dicía Daniel que aquela apariencia das Marías quizais non fora máis que unha coiraza creada por elas para protexerse dun mundo que as castigara de tal maneira, ata tal límite de resistencia que chegaron a rozar a loucura. Posiblemente adoptaron ese disfraz buscando aparentar tolemia antes que pedir perdón por defender a súa dignidade, a súa integridade, a súa liberdade; para protexerse daqueles que as humillaron e maltrataron por venganzas, por prepotencia, por rancor, por ignorancia.
Canto me gustaría coñecer as Marías, quen me dera pasear con elas polas rúas e defendelas chegado o caso. Agora que xa sei anacos da súa vida, cando os da casa tomen a súa cervexiña no bar O Parlamento, hei de mirar con respecto as fotografías que delas penduran na parede, e aínda que eu non beba e non poida brindar con Elba e Daniel a saude das dúas valentes, heilles de chiscar un ollo como elas llo facían ós mozos, foran guapos on non, que eso era o que menos lles importaba.

24 ago 2011

NIN PORTOFÍN NIN PORTOFÓN


Para chegar a Portofón, segundo se sae da cidade, hai que pasar primeiro por Portofín. Aquí, nesta pequena vila mariñeira invadida no verán por xente fina e outra que aspira a selo, viven parentes dos da casa. Pouco imos visitalos; o día da festa ou por algún motivo especial e para de contar. E este domingo tocaba festa, esto é: que habería de xantar churrasco, prato estrela que se repite de ano en ano e que a min me encanta e non só polo óso, senón tamén polo que vai ó seu redor. Como vén sendo tamén habitual, os da casa comentaron na víspera que a ver se desta vez variaba o menú, que xa estaban cansos de xantar sempre o mesmo, aínda que sospeitaban que en Portofín nada cambia, todo permanece e que como moito, moito apañarían algún petisco de empanada ou ensalada rusa antes de meterlle o dente o churrasco. Malas liguas, digo eu, que xa me gustaría a min que houbese na nosa casa todos os días carne á brasa para xantar.
O caso é que a min non me levaron a Portofín, que seique hai agora dúas cadeliñas e entre todos iamos facer moito barullo e molestar e ademais os de alá non ían ver con mois bos ollos que eu fose o centro de atención da velada e non o parrafeo do patriarca. A decisión de deixarme só en Bolnovo, onde tiñamos que recoller a Mar, foi tomada por votación familiar, e a pesar de que eu levantei a miña patiña para o si, non ma tiveron en conta e triunfou o non. E en Bolnovo me quedei, só e triste. Aproveitei para percorrer a casa habitación a habitación, recordando os bos momentos que pasamos todos alí, cando eu era aínda un cachorro sen ningún sentidiño que disfrutaba enredando coa Xena, a pastora alemana que moito me aturou. Bueno, o certo é que a pesar de non ter con quen botar unha liorta, o tempo pasoume rápido. Pola tardiña chegaron os da casa a recollerme para voltar á cidade. Coma sempre, en Portofín houbo churrasco e de postre morros. Esto último si que non sei a que saben, que polo de agora aínda non os catei. Para outra festa, para outro ano.

18 ago 2011

VOLTA Ó TRABALLO


Decateime de que as vacacións da familia remataran cando onte pola mañá saín da casa coma de cote a aliviar baixo a estricta vixianza de Daniel e un airiño fresco, en troques da sempre impactante calor matinal de moitos días atrás, fixo tremer as miñas orellas. De seguido, o contacto das miñas patiñas coa herba verde e húmida do meu aseo particular a carón da casa espertáronme definitivamente do letargo producido pola longa viaxe dende Pedraquente ata o fogar na cidade. E aquí estamos de novo dispostos a retomar o quefacer cotián: as tarefas das que vos teño falado noutras ocasións e tamén a soidade e a responsabilidade de ser o gardián desta acolledora casa.
Paseino moi ben á beira do mar; moi ben, moi ben, moi ben. E a pesar da calor abafante que tiñamos que soportar día e noite nunca me rendín a tentación do sofá ou da cama. Fixen deporte coma un campión, coma un atleta de élite, polo que como vos podedes imaxinar veño forte coma un buxo. Tiven tamén algunha pequena liorta con algún conxénere, sen maiores consecuencias que o susto para os meus acompañantes que xa andan precavidos porque seique teño imán para que os outros cans me veñan molestar.
Podería contarvos mil e unha, pero quedareime cun par de gratos recordos: a maña de Mar para raparme, a visita de Anxo e María e os paseos pola praia ó amencer. Ah!, e as améndoas do Bemajumi. Por certo, que Anxo foi destinado para Zaragoza así que espero que os da casa cando vaian a velo me leven, que non coñezo esa cidade e eu sonvos un canciño de mundo, de afianzado carácter cosmopolita. Aí queda eso!

22 jun 2011

FERIDA DE GUERRA


Así lle chamou Mar a miña patiña mancada. Había tempo que me doía e eu veña a lambela e a queixarme cando me tocaban nela. Os da casa xa dicían que algo tiña que ter na patiña, pero botábanme unha ollada e seique non vían nada. Claro, eu tampouco me deixaba, que recoñezo que son algo queixón e sempre penso que me van facer mal aínda que non queiran, e cando me collían para mirarme a patiña, rebulía de tal xeito que acababan por deixarme fuxir. Pero levaba uns días veña que dalle a lamber enriba da cama, no piso da casa, no coche...e Elba cansou e entre ela e Mar colléronme, inmovilizáronme e arrincáronme sen dereito a rechistar a unlla que tiña danada. Doer doeume, pero tamén é certo que de alí a un pouco a dor foime pasando ata case desaparecer. Para rematar a faena operatoria botáronme un líquido desifectante na ferida e vendáronme a patiña. E así me vexo eu no espello do corredor: can pequeno, pero bravo presumindo de ferida de guerra. Seique me van facer as curas de vez en cando, pero eu penso que xa non é necesario porque cando chegue a Pedraquente o primeiro que vou facer é ir dar un paseo cos da casa pola beira do mar e mollar as patiñas. Segundo lles oín contar a auga do mar é moi boa para curar feridas, así que espero que dentro de nada xa estea completamente recuperado. O malo é a viaxe que nos espera, pero bueno como xa estou afeito procurarei ir soneando e mirando pola ventaniña do coche, que a pesar de ter xa feito este camiño varias veces non me canso de admirar a riqueza paisaxística dos diferentes lugares polos que imos pasando. Bueno, xa vos irei dando novas dende alá. Xa sei que calor vou pasar unha pouca, pero ai!, esas carreiriñas de mañá patexando na auga canto me acordan!

13 jun 2011

NOVA XENTE, VELLOS TEMPOS


Pois xa temos novos alcaldes e alcaldesas. Os da casa seguiron con atención os interesados e interesantes movementos de xadrez dos candidatos nalgúns concellos próximos ou coñecidos dende a noite electoral ata o día da constitución das novas corporacións. Hai para todos os gustos e cores, máis dun partido político que dos outros, porque seique os mundos están así e, como di Daniel, cando a onda máis poderosa vén azul, anega desa cor todo o que encontra por diante dende a costa ata ó interior, quedando só de vermello ou dalgúnha outra cor pequenos ou grandes cons illados no medio do asolagamento. Buenoooo, hai que ver que ben me quedou o parrafeo. E que todo se contaxia e a estes da casa moito lles gusta comentar as novas así, cun aire literario, nin que foran O Rivas.
Coñas a parte, guste ou non guste, son os cidadáns quenes deciden co seu voto, e logo os partidos, ou mellor dito, os representantes electos deses partidos chegan a acordos ou desacordos con total lexitimidade. Por iso Daniel non entende como ós dous días da elección de novo vello alcalde en Bolnovo, os saintes fan pública a súa carraxe condenado actos legais só porque foron en contra dos seus intereses. Quedan por diante moitos meses, tempo dabondo para xulgar. Démoslle tempo ó tempo. O que a min non me parece de ningunha maneira correcto é que con xente nova se pretendan implantar actitudes de vellos tempos.
Oes, pois gústame moito esto da analíse política. Será que me ben de familia. Eille de dedicar algunha que outra entrada. A ver cando chegue a Pedraquente como me encontro aquilo, porque alí tamén houbo cambio e xa teño curiosidade por oir ós meus amigos do Bemajumi a ver que lle contan ós da casa. Claro que, primeiro sol para todos e cervexa para uns poucos, que a min por agora non me chama nada. Debo de ser o único.

31 may 2011

NON PARAMOS


Hai que ver como pasa o tempo, como se encadean os feitos, como devala a vida. Aínda hai pouco que viñemos de Pedraquente e os da casa xa andan a voltas cunha nova viaxe á caloriña, ó bo tempo e ó vagar; e esta vez para uns cantos días: as desexadas vacacións de verán. A min moito me acorda Pedraquente, tanto que aínda esperto polas noites soñando co rumor do mar batendo contra a praia alá pola noitiña, cando adoitamos dar un garbeo á fresca polo paseo a beira da praia, ou cando acompaño ó persoal a tomar unhas cervexas ó Bemajumi.
E entre ida e próxima volta, traballos a parte, aínda nos quedou tempo para ir ver a Anxo a Castro Urdiales. Botamos alí un par de días e ademais de disfrutar da cidade e do bo tempo que nos acompañou achegámonos a Vitoria e - todos menos eu- tamén a Bilbao, dúas cidades diferentes, unha máis cosmopolita, monumental e poboada que a outra, pero as dúas cheas de vida, de xente nova, de ganas de enterrar o pasado e camiñar cara a tolerancia e a convivencia, ou eso comentaba en voz alta Daniel cando observabamos como nos arredores da praza vitoriana da Virxe Branca coincidían actos electorais de partidos políticos ata onte enemigos irreconciliables, inimigos a morte. Non hai tantos anos esta situación sería insostible e mesmo impensable baixo o risco de rematar en desenfreadas trifulcas urbanas entre os respectivos siareiros partidistas e a policía.
Desta viaxe gardo un grato recordo. En Castro Urdiales deixáronme entrar nun bar cos da casa. O dono, ó que lle estou moi agradecido, díxonos que afora debían quedar aqueles de dúas patas que non se sabían comportar. Aí queda eso. Cando volvamos a ver a Anxo, xa sei onde quero que me leven. Xa os dirixirei eu se é que non se recordan!

19 may 2011

UN HEROE


Así o califica Daniel porque é amigo de seu. Non sei se lle gustará que eu tamén o trate así, de heroe, digo. Tampouco sei se algún día se enterará do que neste blog deixo comentado sobre el, pero prefiro arrriscarme ó seu enfado ou sorriso a que a súa fazaña se vai esquecendo ou quedando en simple anécdota. Hai humanos que merecen todo o meu respecto e admiración é Primitivo é un deles, de xeito que tómome a liberdade de incorporar ás miñas memorias a súa actitude valente ante a intranxisencia.
Os da casa pasaron o día comentando a noticia. É non era para menos. Primitivo, que así se chama, viuse envolto nunha situación desas que converten ós humanos en animais irracionais, en primates que se deixan levar polos instintos máis baixos ; en energúmenos que aproveitan a masa para impoñer o seu pensamento xa que doutro xeito, co debate e a defensa das súas ideas, serían incapaces de logralo.
Noraboa compañeiro. Por moito que se burlasen, que se sentisen avalados por un deus que de existir renegaría do seu comportamento, gañaches.

8 may 2011

ELECCIÓNS


Hai un par de días comezou a campaña das eleccións municipais. Os da casa falan desto a miudo. Raro é o día que non comentan algo sobre os candidatos, os partidos, o posible resultado... A verdade é que para min pasa desapercibida pois onde vivimos case non se ven carteis e a penas circulan coches anunciando coa megafonía o producto a vender. Onde si me decato do tempo electoral no que estamos e cando indo de paseo me achego ós farois do alumedo a aliviar e vexo colgados neles estandartes coas caras de homes ou mulleres moi risoños. A min dáme a impresión de que se están rindo de todos os que por alí pasamos. Eu por si acaso levanto a patiña cun ollo posto no seu sorriso, non vaia ser que por culpa dun pendón mal arrombado ou rachado, que xa vin varios así, se veña abaixo o homiño ou a muller e eu acabe mancado.
A min dáme igual que gañen uns ou outros, porque amigos e enimigos dos cans hainos en calquera partido, pero os da casa teñen as súas preferencias e votarán segundo o seu criterio. Ademais, como non me mandaron a tarxeta censal tampouco podo votar, así que contentareime con dar un paseíño ata o colexio electoral. Segundo afirma Daniel, é moi divertido observar a cara dos siareiros dos respectivos partidos que rondan preto das mesas onde se dispoñen as furnas. Uns sorrín, outros saúdan, algúns vixían, hainos que fan recados...pero os máis impactantes son aqueles que ata o último minuto intentan coa forza da súa penetrante mirada cambiarlle a alguén o sentido do seu voto ou polo menos adiviñar o contido da papeleta.
Bueno, a ver como remata a cousa. Só espero xustiza e comprensión de aqueles que teñan a oportunidade de impartilas. E por riba de todo, que miren por NÓS.

26 abr 2011

DE VOLTA


Non hai como botar uns días fóra da casa para volver a ela con alegría. Nada como a casiña dun ! E eso que o pasamos moi ben todos en Pedraquente. Pouco a pouco a vivenda que temos aló vaise afacendo a nós e viceversa. Tamén imos facendo máis coñecidos e amigos, e así aínda que o tempo non axude, como foi o caso, sempre queda a compañía dos veciños para facer máis levadeiros os días que non se pode ir á praia ou pasear e só queda a alternativa de quedar na casa ou ir tomar algo e contar un conto.
O que máis me chamou a atención esta vez foi a cantidade de conxéneres con que nos atopabamos na praia polas mañás Daniel e máis eu. Cousa curiosa: moitos días había paseando máis cans -máis ben canciños coma min- que humanos por mor do camping que hai a un extremo da praia e onde SI DEIXAN estar con cans. A andaina matutina sentábanos de marabilla a ambos. Xa con caloriña a primeira hora, houbese ou non sol, era un gozo patexar pola auga do mar, eso que aínda estaba fría. Menos mal que os da casa tiveron compaixón de min en non me obrigaron a tomar un baño por inmersión como me fan no verán. Moito non me gusta, pero que lle vou a facer.
A viaxe de volta foi longa, pesada e aburrida pois só paramos tres veces a comer e botar unha mexadiña. O malo foi que me mareei. Mirade vós que había ben tempo que non me mareba no coche. Dende aquela viaxe a Asturias na que tanto vomitei e babei que me tiveron que meter debaixo da billa dunha fonte a beira da estrada para lavarme. Ben me recordo do fría que estaba a auga! Desta vez non foi para tanto, a penas un pouco de chuspe na alfombriña do coche e un malestar que me durou un bo anaco de camiño. E todo foi a raíz dun cheiro que se expandeu polo interior do vehículo. Nun intre unha peste fedorenta que nunca na miña vida percibira impregnou o aire que respirabamos e case me fai esmorecer. O que non me explico é como se orixinou ese cheiro. Os da casa tamén se queixaban entre protestas e risas. Non sei eu a que viñan as risas, pois a min, que teño unhas ulideiras moi sensibles, case me dá un patatús.Non sei, non sei. Dáme que desconfiar dalgún...ou dalgunha.

12 abr 2011

A PEDRAQUENTE!!!!



Buenooooooo! Venres marchamos para Pedraquente a pasar uns días de lecer á beira o mar Mediterráneo. Xa tiñan ganas os da casa de volver. Para eles ter alí un fogar é un soño cumprido, para min un sitio distinto onde o paso moi ben. Claro que eu estou a gusto en todos os sitios. Ou en case todos, que onde vai estrondo non quero estar que lle teño medo ós ruídos estrepitosos. Por diante quedan moitas horas de viaxe, demasiadas para un canciño inquedo coma min. Pero todo o cansazo quedará esquecido cando pasee pola praia á mañanciña con Daniel, ou vai con Elba ós recados ou a tomar o sol a terraza, ou me deite na area quente á sombra do parasol. Tamén vén Mar, así que xa teño con que peterrear e botar unhas liortas.
O recordo que mellor gardo do verán pasado é o paseo matinal pola praia. Saio con Daniel moi cedo, como fago cando estamos na nosa casa na cidade, só que aquí como case nunca chove nin vai frío é unha ledicia botar xa unha carreiriña a primeira hora pola beira do mar, cando o sol aínda non quenta moito. Sempre damos unha boa camiñata. Tanto andamos que volvemos os dous cansos e con fame. Logo Daniel vai en bici ou a buscar o xornal e eu estarrícome no sofá ou no chan, segundo a calor que vaia, e boto unha sonada ata que se erguen os demais.
Non sei se seguiremos coa mesma rutina; espero que si. O que si sei é que seguro, seguro que o vou pasar ben, ben, aínda que segundo escoito na tele polo de agora non vai demasiada calor. Mellor así, que senón abafo e non descanso ben. Xa vos contarei cando volva, alá polo vintecatro.

30 mar 2011

CON ANXO NA CASA



O domingo pasado fomos a recibir a Anxo ó aeroporto. Eu quedei dentro do coche, no aparcadoiro, pola mesma razón que sempre . A ver se a miña queixa á ministra fai efecto! Dende alí vía a xente que entraba e saía, uns acarrexando a súa maleta, sorrindo e falando cos seus acompañantes; outros, máis serios, máis sós, lixeiros de equipaxe, pendentes do teléfono móvil, abstraídos e as alancadas ou paseniño, facendo tempo.
Vaia repaso lle dei a Anxo cando entrou na coche! Había tanto tempo que non o vía! Desde Nadal non volvera pola casa e nós tampouco foramos a Castrourdiales. Seica en maio iremos aló. Espero que me leven, porque cando fomos o ano pasado gustárame moito. Xa na casa ós contos, a preguntar por uns e outros. Logo a pasear, a tomar algo polo barrio, a comer...en fin, a disfrutar da familia e a descansar. E así unha semaniña enteira. Como Anxo botaba boa parte da mañá na cama eu ía para xunta el e soneaba deitado ó seu carón. Que ben o pasei! Ata Mar estaba máis atenta con todos. A ver se Anxo pode vir máis veces porque así estou máis acompañado, que polas mañás como marchan todos da casa quedo moi só e abúrrome.
E pasada a semana, de volta para o aeroporto. Desta vez había máis xente, boa parte dela xa entradiña en anos. Seica eran xubilados que ían pasar uns día de lecer á beira do mar Mediterráneo aproveitando as boas temperaturas que xa van agora por alí e as facilidades que lles dá o goberno de España para costear estas pequenas vacacións. Víanse contentos e algo nervosos. Ó mellor para algúns era a primeira vez que subían a un avión e é comprensible que a preocupación aflorara ó seu rostro. Elba e Daniel bromeaban entre eles sobre os anos que lles faltaban para incluirse entre os afortunados a viaxar por poucos cartos. Poucos, xa lle faltan poucos segundo as súas contas. Eu a verdade prefiro que sexan algúns máis, porque se van de viaxe en avión non podo ir con eles e voume aburrir na casa só con Mar. E haberá vagar así para nós os cans? Que eu saiba, non; a non ser que sexan cans de casas ricas e os seus donos queiran premialos téndoos uns días coa barriga ó sol. Home, eu se puidera ó mellor apuntabame! Aínda que ben pensado para que vou estrullar os miolos en algo que semella imposible. É perder o tempo. Ademais, co ben que estou na miña casa coa miña familia!

22 mar 2011

CARTA A MINISTRA DE SANIDADE


Señora ministra:
Eu son Leo. Un can, bueno un canciño galego que está sufrindo as consecuencias da lei de prohibición de fumar na maioría de lugares públicos. Perdoe o meu atrevemento por dirixirme a vostede así, aí vai, sen preguntar sequera se en vez de señora debería escribir señorita ou simplemente ministra. Dubidei tamén se debería antepoñer a ambas palabras algunha outra máis rimbombante e acorde co tratamento debido, pero cando eu a vexo na tele non sei que me dá por supoñer que é vostede deses políticos ós que lles importan máis as persoas que os honores e que saben escoitar ós cidadáns a pelo, quero dicir -non se me ofenda- de ti a ti. Sempre que se garde, eso si, o debido respecto, matiz este que algúns non alcanzan a discernir.
Como lle dicía síntome seriamente perxudicado pola aplicación da lei antitabaco e sen solución a curto prazo a non ser que interveña vostede na defensa dos meus dereitos, e por extensión nos dereitos de todos os cans e outros animais. Eu, como ben pode supoñer, non fumo, polo que a miña queixa non vai a favor da derogación da lei. Os da casa tampouco fuman, polo que non actúo coma un mandado dando a cara por outros. É unha cuestión persoal, que afecta a miña saúde. Explícome. Dende que a xente non pode fumar no interior dos lugares públicos os fumadores matan a ansiedade botando un pitillo á porta destes establecementos. Ata aquí, completamente dacordo coa lei.Como me afecta logo?, preguntarase vostede. Explícollo. Eu acompaño a meus donos a todos -ou case todos- os sitios porque saben que me gusta moito ir con eles e pasear. Nalgúns lugares non podo entrar e quedo na porta, suxeito pola correa ou seivo, á espera. Como xa estou acostumado non me poño nervoso e cando me fan caso tamén xogueteo coa xente que pasa ó meu carón para pasar o tempo. O problema comeza cando a meus donos lles apetece tomar algo e vou con eles ata a porta do bar. Como xa lle dixen espéroos fóra, que non se me permite entrar en case ningún. E aí comeza o meu calvario: cando os clientes saen a fumar. De contado teño que andar vixiando a cinza dos cigarros para que non me caia enriba e ó mesmo tempo apartame das cabichas mal apagadas porque sae un fume que me fai tusir ou porque corro serio perigo de queimarme nas miñas patiñas ou mesmo de que me prenda lume no rabiño. Como vostede comprenderá, non dou feito. E eso que a xente polo xeral ten coidado comigo e procura non ferirme, pero a veces non se dan conta porque están distraídos e tiran os cigarros onde lle cadra. Comprenderá vostede a miña gran preocupación e o risco que corro.
Por iso quixera solicitarlle, señora ministra, que promulgue una lei para que se nos permita ós cans e outros animais de compañía non perigosos o libre paso a todos os lugares públicos. Por suposto que a lei deberá recoller as responsabilidades que adquiren os nosos donos e ata as sancións que correspondan, pero penso que de levarse adiante significaría un gran avance nos dereitos dos animais.
E aquí lle deixo a miña solicitude. Espero que a teña vostede en conta porque pense que somos milleiros os perxudicados e a importante labor social que desenrolamos.
Unha aperta moi forte, aínda que - é dispensando- a aperta terá que darma vostede a min. Xa outros quererían.
Leo

13 mar 2011

TERREMOTO


Case me caio de cu. Literalmente.Estábavos eu na casa durmindo, soñando, arrombado enriba do respaldo do sofá da sala cando me espertei por un movemento brusco do moble e un forte son, coma un estalido. No meu soño pracenteiro as ondas do mar rompían contra a praia de Pedraquente cun son monótono, cadencioso, forte e seco que eu escoitaba deitado á sombra do parasol, cun ollo posto nos meus donos que peterreaban na auga e co outro fitando a un neno pequeno que ó meu carón comía unha lambetada que lle dera a muller que o coidaba. Pero non era o mar, non. O son fora real e o sofá movérase de verdade, coma se alguén lle dera unha patada. Foi só un intre, pero o suficiente coma para que o corazón me dera un salto no peito e quixese saírseme pola gorxa. A piques de caer chimpei dende o meu outeiro ó coxín e deste ó chan. Quedei quedo, moi quedo e á espreita, preguntándome quen me sansanicara o sofá. Recordei que estaba só na casa, polo que ou entrara alguén ou alí pasaba algo raro, descoñecido para o meu maxín. Serían pantasmas xoguetóns? Dei unha volta pola sala con precaución, bufando, buscando a orixe do ruído e do movemento. Non vin nin ulín nada. Armeime de valor e botei unha visuada polas outras habitacións. Nada, todo estaba no seu sitio; coma sempre, en perfecta orde. Non atopei explicación e volvín deitarme, esta vez na miña camiña, non fora ser que me caera e me mancara se ía para un sitio alto.
De alí a un pouco chegaron Elba e Daniel. Viñan falando do que acontecera minutos antes. O temblor e o ruído foran orixinados por un terremoto aínda que eles nese momento ían en coche e non o percibiron. Accederon a Internet e comprobaron que o seísmo tivera o seu epicentro a poucos quilometros da casa e que fora de escasa intensidade, pero o suficiente como para que os edificios tremeran un chisco e para que os veciños se alporizasen. Así que enigma resolto. Agora xa sei o que é un terremoto. Menos mal que non chegou a intensidade do que asolou a costa de Xapón uns días antes e que os da casa fomos seguindo con moito interése pola televisión e a prensa. O seísmo e o tsunami conseguinte non só arrasaron cidades e remataron coa vida de milleiros de persoas, senón que provocaron danos importantísimos nunha central nuclear e o mundo enteiro está pendente do desenlace da avaría.
A verdade é que diante de catástrofes coma esta, só nos queda baixar as orellas e recoñecer os cativos que somos, humanos e animais, ante o poder descomunal das forzas da natureza.

6 mar 2011

CHINOS E CHINESES


Ir mercar ós chinos é ir mercar as tendas dos chineses, pero non é o mesmo. Así lle dicía Mar a seus pais camiño dun gran comercio chinés que hai á carreiriña dun can da nosa casa.E non é o mesmo, engadía, porque a xente de por aquí refírese a esas tendas con certo menosprezo e acode a elas coa idea preconcebida de que só atopará cativallada e o certo é que se vai porque é máis barato e non todo é cativo, nin moito menos. Hai anos medio mundo miraba ós chineses coma quen olla cara un paxaro exótico. Eran persoas que tiñan unha fisionomía completamente distinta á caucásica, falaban nunha lingua moi rara, practicaban artes marciais que viamos nas películas, vestíanse dun xeito rechamante e contábanse por millóns. E pouco máis sabía a xente da rúa e dos mundos intelectualoides dese país, dese enorme país. E se o sabía non lle importaba. O certo é que os chineses son unha xente que dende hai miles de anos entende a vida dunha maneira moi diferente á nosa, cuns valores propios impensables en nós e menos nos anos en que andamos, os da xente guapa e os cans pitiminís. E non o digo por Leo. Foi un pobo asoballado e ségueo sendo, só que pasaron das dinastías ós gobernos tiranos disfrazados de democráticos para quen os seus gobernados máis que homes e mulleres son máquinas de producir cartos. Tamén é certo que a situación vai cambiando para ben e a xente nova sabe dicir bastante máis que amén, aínda que sigan conservando as súas tradicións e idiosincrasia.
Buenooo, do que me vou enterar. Home, a min iguais á xente de por aquí xa non me parecían. Eu vía neles ademais das diferencias físicas evidentes a uns homes e mulleres que traballaban a todas horas, que son propietarios - ou serán, digo eu- de tendas onde se mercan os máis variados obxectos a un prezo asequible e de restaurantes que levan comida a domicilio. Unha comida que por certo a min gústame moito e os da casa tamén, menos a Daniel que nunca a proba cando a piden Elba ou Mar. Eu penso que é unha teima súa, porque as viandas estánvos ben boas, e cando tanta xente as solicitan por algo será. O que máis me amola é que cando as estamos catando, Daniel mira para min cunha cara queee...non sei eu, non sei que estará pensando. Cousas súas.
Fala que fala e anda que anda chegamos a tenda dos chineses. Deixáronme fóra suxeito a base dun parasol e volveron de alí a un pouquiño. Os disfraces que había non lle gustaron a Mar, que para eso viñemos. De volta para a casa, eles a falar e eu a aproveitar o tempo para botar unhas carreiriñas e aliviar, que ultimamente como moito e ás veces ando apurado.

21 feb 2011

CON DIGNIDADE


Para mercar peixe, productos de alimentación -entre eles o meu penso-, de limpeza ou uso cotiá meus donos acoden a unha tenda grande, un súper que hai preto da casa. Eu vou con eles moita veces. Se vai bo tempo, paseando e senón en coche. Preto da porta da entrada hai unhas barras metálicas para colocar os carriños da compra onde me deixan suxeito pola correa. A verdade é que non sei por que me suxeitan, porque escapar non penso, que por agora non toleei. Máis que nada matino eu que o fan así para que non me leve ninguén ou para que non moleste. Dende alí observo perfectamenta a xente que entra e sae, tan iguais e tan distintos. Algúns miran para min e rinse, outros non me fan nin caso.
Á porta tamén se poñen homes e mulleres pedindo esmola. Non todolos días, e case nunca os mesmos, agás un home maduro, con cara de boa persoa, humilde, sempre ben aseado e vestido con corrección que adoita ir os sábados pola mañá. Séntase, arrimado a parede, nun tallo que trae consigo; sen molestar pero ben á vista de todos. Mostra achegada ó seu corpo unha cartolina onde se len con claridade dúas sinxelas palabras: sen recursos. O home debe ser veciño da zona onde nós vivimos, porque o temos atopado na rúa cando imos de paseo.
A Daniel dálle moita mágoa ver así a unha persoa, máis se é coñecida. Sempre lle dá algún diñeiro, algunhas moedas que pousa con delicadeza nas súas mans abertas, cruzadas unha sobre a outra e pousadas no colo. O home mira cara el e murmura un gracias amigo que Daniel prefiriría non oir pero que o esmoleiro ten que pronunciar por educación e porque haberá moitos que si as queiran escoitar.
-Xa bastante desgracia ten- di Daniel- con verse obrigado a pedir como para sentirse aínda máis humillado por algunha mirada desdeñosa.
A min ninguén me explica o por que destas situacións tan penosas. Supoño que non todas obedecen a unha mesma causa. Detrás de cada unha destas persoas haberá unha historia que contar e escoitar, unha vida chea de penalidades, algunhas xa existentes dende o mesmo momento da concepción e, segundo Elba sostén, por moitas medidas que a sociedade vai tomando para aminorar a pobreza, a realidade é que en boa parte do mundo homes e mulleres viven en situacións extremas, e, o que é peor aínda, non parece que esto lle importe moito ó chamado mundo civilizado.
Teño que recoñecer que en canto ó abandono e a miseria nós os cans temos certa semellanza cos humanos. Se caemos nunha boa familia viviremos ben. Pode que non disfrutemos de luxos, nin falta que nos fan, pero iremos sobrados de cariño e algunha lambetada nunca nos ha faltar. Pero non todos temos esta sorte, uns somos abandonados, a outros maltrátannos e pégannos e moitos acabamos os nosos días esquecidos, sós e a espera dunha adopción que nunca chega. E adeus, cara o paraíso dos cans, que o ten que haber. Estou seguro.
Cando estou descansando na casa, no sofá, póñome a pensar. Se algunha vez me vise só, non sei que camiño tomaría. Eu non me vexo pedindo, tampouco sei como facelo. Morrería de fame ou frío, seguro, pero viviría con dignidade, como o home do super, e a onde chegara, cheguei.
O que si me gustaría é colaborar para conseguir un mundo mellor para os meus conxéneres, así que heime enterar onde hai algunha asociación para protexer ós animais, ós cans sobre todo, e convencer ós da casa para que lles boten unha man. Eu tamén poñerei o meu gran de cooperación, aínda que sexa facendo monadas diante dos humanos, que iso si que sei facer ben.

9 feb 2011

XULGAR Á LIXEIRA


Xa sabedes que me gusta moito andar cos meus donos de aquí para acolá. Eu paseo, distráome e pásoo moi ben. Eles tamén o pasan ben comigo e ademais están máis tranquilos levándome que deixándome só na casa, sobre todo Elba que pensa que vou ladrar e protestarán os veciños.
Cando van a algún sitio onde non poden entrar cans -que son moitos, como non me canso de repetir-, ou quedo na casa ou vou con eles e espéroos no coche. Ningunha das dúas opcións me gustan, a verdade, pero prefiro a de quedar no coche porque sei que non van tardar moito. Mentras espero boto unha sonada no asento dianteiro ou paso o tempo mirando o que acontece ó meu redor:a xente que pasa, os coches, a paisaxe, os edificios...ou a chuvia que cae. Eu estou a gusto, aínda que se tardan abúrrome.
Hai uns días fun con eles a uns gran almacéns que hai na cidade. Como podedes supoñer, tiven que esperar no coche a que fixeran os recados. De alí a un pouco que marcharan noto que se aproxima alguén e apoiando as miñas patas dianteiras no interior da porta érgome para ver se son eles que xa veñen de volta. Non o eran, senón unha parella que tiña o seu coche ó carón do noso. Ó verme diríxense cara min e fanme monadas. Eu corréspondolle coma can civilizado que son e devólvollas, as monadas, claro. E sen máis a muller mete a man no seu bolso, saca unha libreta, escribe algo, arrinca a folla e déixaa no noso parabrisas suxeitándoa co limpa. Logo saúdame coa man, mándame un biquiño e entra no seu coche onde a esperaba o home co motor xa prendido e marchan. Déitome de novo e sen darme tempo a tomarlle gusto á sonada chegan Elba e Daniel. Entran no coche, fágollos as carantoñas de sempre -xa é un rito- e dispómonos a marchar. Ven a nota no parabrisa e baixa Daniel a collela. Entra de novo e lea. Mira para nós cun aceno estrano e volve lela, esta vez en voz alta. A muller que a deixara chamáballes a atención a meus donos por deixarme só, que así me maltrataban e preguntáballes se lle farían o mesmo a un fillo de seu. Decateime que ambolosdous estaban perplexos e doídos.
- ¡Manda carallo! Se quen escribiu esto soubese como vive este can.¡ Mellor que moitas persoas! Non sei eu se quen deixou aquí esta mamonada coidará ós seus fillos como nós coidamos ó Leo! -dixo Daniel medio cabreado.
E aínda foron un anaco de camiño cara a casa dándolle voltas ó escrito. Eu ía calado, pensando. ¡Que fácil é xulgar á lixeira! E aínda que nesta ocasión todo quedou nunha anécdota sen importancia, cantas veces son xulgados polos humanos actos ben importantes e trascendentes dun xeito banal, sen importarlles nin valorar as consecuencias que os seus prexuízos poden acarrexar. E pensar que os homes son os únicos seres racionais! Bueno, tampouco podo eu xulgalos á lixeira, senón son coma eles e eu quero ser como son; cos meus defectos e virtudes, que dos dous teño a escoller.

2 feb 2011

DANDO MIMOS


Que eu me recorde, é a primeira vez que alá pola noitiña Daniel non practica un dos seus deportes favoritos: o de levantador de copas de cervexa. Hai anos que o practica e, como nos recorda de cando en vez, espera seguir con esta afección bastantes anos máis. E cando di bastantes pronuncia a modiño, silabeando e elevando o ton de voz, para que todos teñamos moi claro o que quere dicir: bastantes. E engade a continuación que hai que practicalo con moderación, con tino, que a certas idades todo o hai que facer con certa mesura. Así que unha ao día - ou dúas, penso eu-non a perdoa.
O impedimento da deportiva práctica diaria foi causado por unha indisposición leve, afirmaría un médico. Para min foi orixinado polo mesmo funcionario que ten confinada a Elba unha semana na casa: unha gripe ou gastroenterite cativeira e molesta que levou a meus donos da cama ó baño e do baño á cama durante unha noite enteira e que os tivo a dieta uns cantos días máis.
E como ambos botaron horas sen erguerse da cama, alí estiven eu para facerlles compañía. Deitábame ó seu carón para darlles caloriña, facíalles algunha monada para distraelos e animalos, repasábaos coa miña lingüiña para espabilalos e cando xa non tiñan ganas de contos poñíame a mirar a tele con eles. Mimos, moitos mimos é o que querían. E que lle dei, claro. Ás veces erguíame da cama e ía saúdar a Mar para que non se enfadara comigo, que hai uns días que non fai máis que estudar por mor dos exames, e volta a atender a Elba e Daniel. E así ata que xa fixemos todos a vida de cotío. Como vedes porteime moi ben. E fíxeno en parte porque tamén quero que se porten ben comigo cando o necesite, e non quero dicir con esto que non me atendan, non, que ata polo de agora non teño unha queixa deles, ou se acaso pequenos detalles. Fíxeno sobre todo porque os quero moito.
Novas de última hora: Mar contaxiada polo mesmo funcionario ou o seu xemelgo. Non quere mimos. Ela os perde.

24 ene 2011

BETTI


Está visto que en asuntos amorosos a raza canina está moito máis evolucionada ca humana. Tamén estou seguro que con está profunda reflexión non estarán de acordo a maioría de homes e mulleres, e entre eles, por suposto, os meus donos. Eu de amores non entendo moito, case nada, e menos aínda das peripecias humanas, polo que fundamento a miña opinión na miña propia experiencia, no que observo ó meu redor e no que vexo na tele, da cal me confeso un gran admirador. E así vou aprendendo o que é a paixón, os ciumes, a soedade, as parellas enfrontadas, os maltratos, as familias destrozadas... en fin, un mundo demasiado complexo para un canciño coma min.
Nós somos moi diferentes. Non nos obcecamos co amor. Non é un grave problema existencial, nin sequera unha das facetas máis importantes da nosa vida. Disfrutamos da paixón, claro que si, como calquera animal e mesmo somos capaces de chegar as mans, é un dicir, cando unha conxénere está disposta a atender as nosas solicitudes amorosas e sexuais e somos varios os pretendentes. Ou saimos un día enteiro de parranda se a nosa namorada vive lonxe. E mesmo botamos algúns días fóra da casa durmindo sen máis teito que as estrelas para poder estar preto dunha cálida cadeliña. Se toca, toca e se non a outra cousa. Que diferentes son os humanos! Eles viven a perpetuidade na procura do amor. Ata morren ou matan por acadalo. Non saben vivir sen el, aínda que algúns se fagan os valentes e semellen rexeitalo.
Esta comparación de amores vén a conto porque hai uns días coñecín a Betti, unha cadeliña coma min, algo máis pequena, clariña e guapa. Os nosos donos querían que nos coñeceramos para ver se moceabamos. Non houbo maneira. Eu a arrimarme e ela a recuar. Ladroume e todo. E visto o visto, todos desistimos e cada un para a súa casa. Pode que nos volvamos a encontrar ou pode que busquemos outra parella. Así de sinxelo.
Credes vós que os humanos se mostrarían tan sensatos coma nós ante unha situación similar?
Apóstovos o meu boneco de xogar a que non.

14 ene 2011

DE CAÑAS


Din na casa que o deporte máis practicado polos españois é o de ir de cañas. E que é moi san . Eu a verdade non o entendo, case me dá que pensar que se rin de min; sen embargo Daniel cóntoume que miles e miles de homes e mulleres dedícanse a diario e con gran afección a dar longos -ou curtos-paseos para disfrutar dunha cervexa fría despois do extraordinario esforzo realizado para chegar dende a casa ata a barra do bar faga sol, chuvia ou sarabia. Meus donos tamén practican este deporte, sobre todo cara a fin de semana. A min adoitan levarme con eles máis ben cando vai bo tempo, que se chove móllome e acatárrome. Ás veces vou aínda que estea cativo o día, pero quedo no coche, ó quentiño.
Eu como son abstemio non bebo cervexa, nin viño nin copas; pero gústame mirar como os humanos disfrutan dándolle sorbos á rubia, ó tinto ou ó branco. Vexe que o están pasando ben, aínda que estean sós. Algúns aproveitan para ver a tele, ler a prensa ou mirar chover, pero a maioría ponse de palique a falar das súas cousas. Como este deporte non ten límite de idade, coinciden no levantamento de cunca, xarra ou copa novos e vellos, homes e mulleres, ricos e pobres, guapos e feos...o que converte esta práctica nun acto social para a igualdade, palabriña esta que nestes tempos estavos moito de moda.
Xunto coa bebida sempre poñen algo de picar, e non porque os humanos fagan coma os paxaros senón que se lle chama así cando lles serven unha tapa, un tentempé, unha parva ou xa non sei de cantas outras maneiras lle chaman os da casa. Ai!, a esto xa non digo que non. Elba sempre garda algo para min e outras veces, como xa vos teño contado, son os donos dos bares os que me traen a proba a porta do local, onde, agás en contadas ocasións, véxome obrigado a quedar porque me está prohibida a entrada. Sei que hai xente que protesta. Habían de quedar eles fóra, a ver que lles parecía.

6 ene 2011

SUSTO DE REIS


Xa sei que non é de crer, pero a noite pasada estiveron na casa os Reis Magos. E afirmo que non é de crer porque eu pensaba que os Reis só entran naquelas casas onde os nenos que o merecen os están esperando e tamén naqueloutras onde hai nenos que xa non o son pero que conservan a ilusión coma se o fosen. E claro, para min nin Daniel, nin Elba, nin Mar cumprían ningún destes requisitos, pero recoñezo o meu erro: manteñen viva a chama.
Eu ós Reis vinos na tele á tardiña porque ía tan mal tempo que non puidemos saír a recibilos como tiña planeado a familia. Ían montados nos seus camelos, cos paxes ó seu redor e saudando. O que non vin foron conxéneres. Ó mellor de onde eles veñen non hai cans, porque senón onde iría un rei que se precie sen un can ó seu carón? A min nestas datas gustaríame ser rei e ademais mago para repartir xoguetes e tamén cariño e xustiza, que boa falta fan en calquera parte do mundo. Ou polo menos paxe para axudarlle.
Xa de noite, soneando ó compás dos roquidos de Daniel, espertei sobresaltado por uns ruídos que proviñan do cociña. Coa cabeza levantada e as orellas ergueitas puxen máis atención. Alí andaba alguén! Oíanse murmurios e o que me pareceron bufidos. Dun chimpo saltei da cama ó chan e paseniño dirixínme cara a cociña. Con precaución asomei o fuciño pola porta e botei un ollo. Non había ninguén!, pero xunto ó calzado que deixaran os da casa ó pé da ventá había varios paquetes envoltos en papel de agasallo. Os Reis acababan de estar na casa e xa marcharan! E eu a piques de velos! Ulisquei arredor dos agasallos e decateime de que había un cheiro raro, a un animal que eu descoñecía. Claro!, era o dos camelos. Así que para cumprir o principio canino de que cada un na súa casa é o rei levantei de patiña traseira e ...botei unha mexada contras as cortinas da cociña.
Polá mañá bronca e cachete. Son un incomprendido! Non se merecían os agasallos! Bueno, de alí a un pouco xa lles pasara o cabreo e só falaban dos agasallos. Mexada a parte, ben os gañaron.