2 sept. 2012

UN NIÑO NA TERRAZA



Na terraza da casa de Pedraquente aniñaron  uns paxariños. O feito non tería ningunha trascendencia  agás que é a primeira vez na miña vida de canciño que teño un niño ao alcance da miña vista. Descubriuno Elba de forma casual cando cortaba as herbas que medraran dende  Semana Santa no testo  dunha das plantas que os da casa miman e protexen deste caluroso clima do Sureste do país.
O niño ten catro ovos pequenos, moi pequenos,  postos, supoño,  por algún dos miudos gorrións que viven nesta terra árida, afeitos ás altas temperaturas no verán, á escaseza de auga todo o ano e a confiar nos humanos cando pousan ao seu carón, na praia ou nas terrazas dos bares, en busca de migallas para encher o bandullo.
Di Elba que o máis seguro é que os paxariños abandoaron o niño pola nosa culpa, porque os asustamos nós cando chegamos ou a irmá de Elba, María, cando viña pola casa a aireala  e a coidar as plantas. Tamén pode ser que lles xurdira algún imprevisto, digo eu, ou que pasaran a mellor vida, Deus non o quixera. Pero o certo é que pasan os días, os paxaros no dan sinais de vida e os ovos apodrecerán. E a min remórdeme a conciencia: e se os paxariños embalaron por mor dos meus ladridos, das miñas carreiras arriba e abaixo cando escoito ruidos  ou cando estou contento e quero facerme oir?
Dende que Elba se decatou do niño puxo preto del un cacharro con auga e un pouco pan. Sei que os paxariños beberon e comeron, pero semella que son outros, non os nosos e os ovos van murchar, coma unha flor sen auga, e eu quedarei sen ver as crias. Coas ganas que eu tiña!