Mostrando entradas con la etiqueta Lula. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lula. Mostrar todas las entradas

2 may 2014

NORABOA


Vouno deixando, vouno deixando e pasan os días...e os meses. En fin, que xa ía sendo hora de retomar as miñas vivencias, de faceros chegar as miñas historias e inquedanzas. E dende a última entrada, abofé que houbo novas: antroido, cumpreanos, visitas, chuvia e máis chuvia, algo de sol e ata una manifestación. Si señor, participei por primeira vez na miña vida nunha manifestación. E preguntarédesvos vós que facía un canciño en semellante situación. Pois facerlle compañía a Daniel e a Elba, que son os dous moi contestatarios ou iso din. Bueno, a min paréceme que que cos anos algo de resposta  perderon e xa non participan tanto como cando eran xoves. Pero ir foron a defender a sanidade pública xunto con varios centos de persoas, que así a ollo digo eu que debería de haber.
Pero o máis destacable destes dous longos meses foi sen dúbida a graduación de Mar. Si señor: rematou os seus estudos. Bueno, case que aínda lle faltan un par de asignaturas e logo o exame final, alá por febreiro do ano que vén, para poder exercer a profesión polo que tanto loitou durante estes seis últimos anos. Sei que foi un acto moi bonito, moi emocionante ao que asistiron os familiares dos graduados. Ademais de Elba e Daniel tamén foi Anxo, que veu dende Asturias para acompañar a súa irmá neste día tan especial. María non puido vir por mor do seu traballo. Lástima, que seguro que lle habería de gustar. Eu non asistín, que como xa supoñeredes, non deixaban pasar aos cans. Non sei, pero seguro que entraron humanos bastante peores que min, pero en fin a vida é así e contra estas normas inxustas non é fácil pelexar. Eu quedei con Lula, en Bolnovo, disfrutando da súa casa e da súa compaña como se estivese nun hotel de catro estrelas, ou de máis, das máximas que existan, que non sei cantas serán. Ata me deu pena despedirme dela cando Daniel me veu buscar de alí a tres días para volver a nosa casa da cidade. E que a quero moito, e non só polo ben que estou con ela, que non son tan egoísta, senón porque noto eu que ela tamén está moi a gusto comigo, que se distrae e non se aburre tanto. Non me importaría, de verdade, pasar con ela algún que outra día, pero esa decisión non depende de min só.
 Bueno, teño que promemeterme a min mesmo non deixar pasar tanto tempo entre entrada e entrada, que logo acumúlasame o choi e non dou feito. E diciros que sigo acompañando a Mar nas longas horas de estudo.  Coma sempre. Que algo se me pegará, digo eu.

14 feb 2012

TEMPO DE ENTROIDO


Vaia sorpresa me levei cando Elba abriu a porta e entraron na casa unha xitana e unha piloto de aviación! Claro que de seguida me decatei que non eran tales, senón as miñas veciñas, Xoana e Uxía, que se disfrazaran e viñan a visitarnos todas contentas. Caín da burra nun intre: estabamos en tempo de entroido e toca transgredir e fartar.
Os máis novos da casa sempre se disfrazan nestes días e saen por aí cos seus amigos a correla, aínda que este ano como Anxo non puido vir dende Zaragoza só Mar representou á familia nas parrandas nocturnas. Polo pouco que contou, deduzo eu que deixou ben alto o pendón familiar. Os vellos -aínda que non lle gusta moito que lle chamen así- van de paseo a ver as carrozas e as comparsas e celebran o entroido cun xantar propio deste tempo: cocido, filloas, orellas e calquera outro manxar que se lle arrime. Por certo, aínda que fomos poucos a sentarnos na mesa, o xantar fíxose para unha ducia de comensales así que comemos cocido hoxe si e mañá tamén, e eu tan contento, porque é unha das miñas coomidas preferidas.
A novidade estivo nas pequenas vacacións que pasei na casa de Lula , unha irmá de Elba,en Bolnovo. Ai amiguiños! Que vidón! Comer, do milloriño. Durmir, canto quixen. Pasear, todos os días, e máis dunha vez por camiños á beira do río. Pola noite acordabame dos da casa, pero así que Lula me collía no colo ou me deitaba ó seu carón, xa se me ía a morriña. Feble que é un, que queredes que vos diga.
Do que me quedaron ganas foi de disfrazarme. A ver se para o ano que vén se acordan de min e me visten de guerreiro das galaxias que dou o tipo moi ben.