20 feb 2015

XOEL

Pois xa está aquí Xoel. Como quen non quere a cousa, pero despois de facer esperar aos da casa uns días máis dos previstos asomou a este mundo imperfecto o fillo de Anxo e María. E como todo nesta vida ten o seu aquel de aventura, novela ou fantasía, aí vai unha entrada que me fixo chegar un bo amigo. Sen máis palabras.


O día 5 de febreiro, arredor das 11 da noite naceu Xoel, fillo do meu fillo Roi e da súa muller María: o meu primeiro neto. Non me é doado explicar o que sentimos a súa avoa e máis eu coa irrupción na nosa vida dun asturianiño tan desexado polos seus pais e polo resto da familia. É primeiro fillo e primeiro neto, todo un fol de agarimos e mimos.

Non hai maneira tampouco de contar con exactitude,nin por asomo, as diferentes sensacións que percibín ó collelo no colo,ó pasar a xema do meu dedo  pola súa fronte, polas súas meixelas, pola súa pel tan suave e delicada. Ver con sorpresa como responde cun acto reflexo de seu ás voces ou aos contactos inesperados, presentir que con pouco máis dun día de vida xa  te escoita, xa te recoñece, aínda que non sexa certo.  Acercarlle o meu dedo índice as súa manciñas coa intención de que mo  agarre, pasar a man aberta por riba da súa fráxil cabeza , sen tocalo, só sentindo na miña pel o seu fino pelo louro, tan distinto, ocórreseme, de cando vaia  medrando.

E aínda que todas estas sensacións e sentimentos tamén os sentín cos meus fillos, teño que recoñecer que eses momentos de gozo se mesturaban coas inquietudes propias dun pai que  non ten nada claro como vai discorrer a vida dos seus fillos.  En fin, no que deben de cavilar tamén nestes momentos os pais de Xoel.

Benvido, netiño. Se boa xente, coma teus pais  e xa falaremos cando teñas uns meses máis, cando veñas por Galicia a ver ao resto da familia. Ata entón iremos nós por aí para disfrutar contigo mirándote, paseándote, arrolándote e sobre todo,  queréndote moito.

4 feb 2015

A VIDA VAI

Pois aquí estou, dormitando no sofá do salón, a carón de Daniel, disfrutrando do caloriño da casa que afora vai un frío de carallo, como di Mar, que por certo acaba de pasar o exame máis trascendete da súa vida, polo menos ata agora que eu saiba. Anda a muller toda nervosa porque estaba convencida de  que lle ía saír mellor do que lle saíu, que estudar estudou moito, que eu fun testemuña das horas e horas que pasaba diante dos libros.Pero como lle din seus pais, aínda é nova e pode volver a presentarse se quere para traballar no que realmente lle guste. Súa será a decisión, e como eu sei que é ben asisada, de seguro que tomará a correcta. E seguimos todos a espera de Xoel, que o homiño hai xa uns día que debería  de respirar de por si o aire limpo e frío de Asturias, pero aínda o fai a través do vaso comunicante de súa nai, que digo eu que será quen teña máis ganas que ninguén  de verlle o nariz o recén; máis aínda que Daniel,  que soña con perpetuar o seu nariz no seu neto. E mira que é feo o seu nariz !!!! Non sei eu se o Xoeliño puidese escoller con cal se quedaría, se co narizón do avó paterno ou co nariciño sexy do seu avó materno!!!! A vós que vos parece. E que hai cada un....que... que non ten remedio. Bueno, xa vos contarei o desenlace destes dous fitos na vida dos da casa. Pero eso si, o que aconteza, seguro que será para ben.

6 nov 2014

REINICIAR

Cando se lle colga o ordenador aos da casa van e premen a tecla correspondente e a máquina apágase. De contado volven a premer a mesma tecla, acéndese o aparello e volve a funcionar con normalidade. Así me sinto eu, como se despois dun longo periodo de inactividade alguén premese unha tecla alá no fondo do meu entendemento, ou do meu corazón, e me puxese a andar de novo por estes corredores informáticos. Bueno, tamén pode ser que o tirón de orellas que lle deu Anxo a Daniel o outro día cando viñeron de Asturias a pasar un par días na casa servise para o mesmo fin. Todo axuda.
Canto tería que contar nestes cinco ou seis meses nos que estiven desconectado de vós! Cantas novas aconteceron! Dalgunhas xa vos podedes dar unha idea porque se repiten todos os anos: as vacacións en Pedraquente -case afogo, pero esta historia déixoa  para outra ocasión-, os achaques dos maiores da casa, o remate dos estudos de Mar, as miñas visitas a Bolnovo, os paseos pola cidade,as papatorias...pero sobre todo quero destacar un feito extraordinario, tanto que vai cambiar a vida de todos os da casa e dos que non son da casa: vai chegar Xoel dentro duns meses. De tres ou catro, seique. E claro, preguntarédevos quen é este individuo. Pois nin máis nin menos que o fillo de Anxo e María!!!! Que si, oh, que sí que é verdade. Eu ao primeiro non lle prestara moita atención ás conversas que matiñan  os da casa con Anxo por teléfono nos últimos meses, porque á hora que falan, alá pola noitiña, eu ando máis ben no limbo e non me entero ben . Pero como o nome de Xoel se foi repetindo, como fomos a Asturias hai pouco e como acaban de estar na casa Anxo e  María, as miñas sospeitas confirmáronse e o Xoeliño, que xa o nomean así, vai chegar de contado. Manda carallo!!!!, e perdoádeme a expresión: vou ver como medra un da familia, xa que o nacemento non creo que me deixen asistir, digo eu. E claro, estou contento, moito; e impaciente, que xa teño ganas de xogar con el como fago con Mar, a botar carreiras detrás dun inimigo que non o é. Aínda que ben pensado, terei que esperar uns meses, que os humanos cando veñen a este mundo non se saben defender e están atoallados de todo...durante moitos meses. Claro que  tampouco é necesario que se dea moita presa en medrar, que por agora o principiño son eu, e non quero perder os privilexios gañados durante tantas  xornadas de duro traballo. Bueno, pero cando estea na casa, cedereille o cetro. Faltaría máis.

2 may 2014

NORABOA


Vouno deixando, vouno deixando e pasan os días...e os meses. En fin, que xa ía sendo hora de retomar as miñas vivencias, de faceros chegar as miñas historias e inquedanzas. E dende a última entrada, abofé que houbo novas: antroido, cumpreanos, visitas, chuvia e máis chuvia, algo de sol e ata una manifestación. Si señor, participei por primeira vez na miña vida nunha manifestación. E preguntarédesvos vós que facía un canciño en semellante situación. Pois facerlle compañía a Daniel e a Elba, que son os dous moi contestatarios ou iso din. Bueno, a min paréceme que que cos anos algo de resposta  perderon e xa non participan tanto como cando eran xoves. Pero ir foron a defender a sanidade pública xunto con varios centos de persoas, que así a ollo digo eu que debería de haber.
Pero o máis destacable destes dous longos meses foi sen dúbida a graduación de Mar. Si señor: rematou os seus estudos. Bueno, case que aínda lle faltan un par de asignaturas e logo o exame final, alá por febreiro do ano que vén, para poder exercer a profesión polo que tanto loitou durante estes seis últimos anos. Sei que foi un acto moi bonito, moi emocionante ao que asistiron os familiares dos graduados. Ademais de Elba e Daniel tamén foi Anxo, que veu dende Asturias para acompañar a súa irmá neste día tan especial. María non puido vir por mor do seu traballo. Lástima, que seguro que lle habería de gustar. Eu non asistín, que como xa supoñeredes, non deixaban pasar aos cans. Non sei, pero seguro que entraron humanos bastante peores que min, pero en fin a vida é así e contra estas normas inxustas non é fácil pelexar. Eu quedei con Lula, en Bolnovo, disfrutando da súa casa e da súa compaña como se estivese nun hotel de catro estrelas, ou de máis, das máximas que existan, que non sei cantas serán. Ata me deu pena despedirme dela cando Daniel me veu buscar de alí a tres días para volver a nosa casa da cidade. E que a quero moito, e non só polo ben que estou con ela, que non son tan egoísta, senón porque noto eu que ela tamén está moi a gusto comigo, que se distrae e non se aburre tanto. Non me importaría, de verdade, pasar con ela algún que outra día, pero esa decisión non depende de min só.
 Bueno, teño que promemeterme a min mesmo non deixar pasar tanto tempo entre entrada e entrada, que logo acumúlasame o choi e non dou feito. E diciros que sigo acompañando a Mar nas longas horas de estudo.  Coma sempre. Que algo se me pegará, digo eu.

25 feb 2014

NACHO

Andan os da casa a falar sobre un coñecido seu que ten cancro. E a pesar do triste ou máis ben tráxico da nova, tampouco sería unha gran sorpresa que alguén padeza desta doenza pois segundo sostén Elba, todos, e eu tamén, temos moitas posibilidades de padecela nalgún momento da nosa vida. E de morrer dela. O destacable neste caso é que a persoa que o sufre é periodista dun xornal de gran difusión en Galicia e como tal vai describindo no seu blog o día a día do seu tratamento e das súas vivencias. Pouco a pouco o blog, o seu contido, foi esparexéndose por varios medios de comunicación: radio, televisión, prensa..e sobre todo por internet. Estase convertendo non só nas memorias vitais dun periodista enfermo, senón nunha man esperanzadora para todos aqueles que como Nacho, que así se chama este xornalista, atravesan por momentos difíciles, moi difíciles, tanto que a maioría non sabe ou non quere facer partícipes da súa enfermidade aos demais, sexan familiares ou amigos, e prefiren loitar en silencio. Aguantar atrincherados. E que pase o que teña que pasar, sen concesións á lástima. Ou iso pensan eles. Nacho, non. Nacho cóntanos coa súa mestría de reporteiro sarcástico, irónico, humorístico e ata tenro se se así se quere ver, a súa loita diaria contra o cancro, para a cal se arma non so de medicación e tratamento, senón tamén da súa paixón pola vida, da forza  que lle dá a linguaxe, do cariño da súa muller e os seus fillos, dos ánimos de centos de amigos que o aprecian e sobre todo da súa cabeza privilexiada, san no máis amplo sentido da palabra aínda que el diga que por mor da radioterapia ten a orella cocida coma se a sacase do caldo recén feito.
Gústame este Nacho, e espero que os da casa teñan a delicadeza de presentarmo algún día, aínda que sexa dentro de moitos, moitos anos.

15 ene 2014

DA CAMA Á CAMIÑA

Pois levo xa uns días durmindo na miña camiña. Por imperativo familiar, claro; non por decisión miña. Pero o que manda, manda e na casa quen manda non son eu precisamnete, aínda que Elba sempre lle di a Daniel que fago o que quero. Xa me gustaría, xa. E cal foi o motivo deste cambio a peor?, preguntarédesvos. Pois a resposta é moi sinxela: mordínlle a Elba nun dedo. E dúas veces e as dúas  no mesmo dedo. Non toleei, non como pode pensar alguén. E que ocorreu como cando un rifa cos nenos pequenos: as risas sempre acaban en choros. Xa sei que eu non son un neno, que xa teño os meus anos, que non debería de morderlle a ninguén e menos aos da casa, pero pasou o que pasou e agora xa non hai volta atrás. Resulta que Elba comezou a xogar comigo, a apretarme, a facerme rabiar e eu nunha desas revolvínme e ...ñaca! e de alí a uns días ...ñaca,ñaca! E que teño moito xenio e as veces non me domino, e logo lévoas. Como as que levei: pim, pam, pum. E tamén quedei preocupado polas palabras e expresións que oía: voo sen motor, perreira, pasaporte..e xa non me recordo de máis, pero o seu significado si que me quedou claro: adeus, adeus, adeus. E eso si que non, que non quero deixar esta casa, que aquí vivo moi ben. E ademais, que sería deles sen min? Quen os recibirá a reviravoltas cando chegan a casa? Quen velará polas noites para que nada perturbe o seu sono? Quen os acompañará cando estean sós na casa e non teñan a quen dirixirse para romper o mesto e molesto silencio? Bueno, dende que ocorreron os desafortunados sucesos xa foi minguando o cabreo dos da casa, e sobre todo de Elba, a damnificada, e xa vou paseniño recuperando o meu sitio na cama familiar.
 E que se dorme tan ben! E tan quentiño!

8 dic 2013

UN DÍA COMPLETO

Hai días así, repletos de sucesos e que poñen a proba a miña capacidade de Encargado Xeral da casa familiar. E se a xornada prometría co gallo do cumpreanos de Mar -porque xa sabía eu que iamos comer ben e que algunha lambonada tamen caería- culminou voa visita de Albino, un amigo  de Mar, malagueño de pro. Bueno, o de amigo é un falar, porque xa nos visitou en Pedraquente e tamén xa estivo na casa da cidade hai unhas semanas. Mar tamén o visitou na súa terra algunhas veces, así que deduzo eu que a relación vai de algo máis que de amizade. Eu con el, nin fu nin fa. Eu procuro portarmen ben e el responde da mesma maneira. Quero dicir, que penso que sempre nos levaramemos ben porque cada un atende ao seu e non se mete nos asuntos do outro. Algún aloumiño si que me dá, que non quero quedar de mentireiro, pero aínda non sei se o fai  para quedar ben ou se en realidade me estima. Bueno, xa se verá porque non sei por que me dá a pinta que teremos tempo e tempo de vernos. E o día foi trancorrindo coa cotianidade dun domingo de media festa ata que chegou a noite e Daniel deixou de ser Daniel. Quero dicir que aínda que estaba connosco  non se portaba coma todos os días. Eu ollaba como se abrigaba, unha peza de roupa sobre a outra a pesar de estar quentiños na casa, que xa puxeron a calefacción. Resumindo, que foi para a cama, todo cheo de frío ao primeiro e abrasado de calor despois. Nada, un queixicas, que por un pouco de febre xa se pon a morrer. Pois alá me fun eu tamén para a cama con el, a facerlle compañía. E xa polo día, e vendo que non se daba ereguido para ir traballar, vinme na obriga de botar con el toda a mañá na habitación, un pouco enriba da cama e outro pouco no solo, que en verdade o home daba unha calor de coidado. E así pasou o día, na camiña, ata a noite que se ergueu para ir... tomar a súa cervexa diaria ao bar! Mirade vós que enfermiño estaba!