20 jun. 2013

ESFORZO

A Mar só lle falta un ano para rematar os estudos de Medicina. Anda logo no seu quinto curso académico, a voltas cos últimos exames de xuño. E teño que recoñecer que pasmo con ela, co tempo que lle dedica aos libros; aí, no cuarto de estudo; sóa ou comigo como única compañía. E non vos estou falando dun día ou dous, non; estouvos falando de semanas, meses, de sol a sol, sen saír ou como moito para botar unha carreiriña, osixenarse e despexar a cabeza. Sen ver aos seus amigos e amigas, comunicándose con eles ou elas a través do móvil. Comer, come; eso si, que non entendo eu como pode darlle tanto a mandíbula e enfraquecer, ou iso di súa nai, Elba. A min parecéme que está coma sempre. Como moito, moito, algo máis desaliñada,así de calquera maneira; con roupa vella, de andar pola casa; cómoda. Eu alégrome que sexa así, traballadora, aínda que entre descanso e descanso aproveite para peterrear comigo e incomodarme, quentándome o xenio, que eu ser son bo, que xa o saben os da casa, pero tamén saben que se teño que poñerme nas miñas póñome de contado. E non cedo, non. Aínda que despois leve.
 Non sei eu se todos os humanos cando estudan o fan co mesmo esforzo que Mar. Dame a min a pinta que non, pois supoño que algunas carreiras serán máis doadas que Medicina, que esta deber ser das máis longas e difíciles de sacar adiante. Pero claro, estamos falando dunha profesión especializada en loitar contra as enfermidades que padecen as persoas. E iso ten que ser moi dificil, moi complicado; tanto coma os humanos mesmos, que xa o teño dito outras veces.
A verdade é que xa teño ganas de que remate os exames. Para vela descansar, rir, pasear, sair cos amigos, levarme con ela para Bolnovo a pasar a fin de semana, trasnoitar...Para que durma ata tarde comigo ao seu carón. Para irmos xuntos á praia a Pedraquente, a xogar na area e na auga, bueno esto da auga e un falar.. Para enredar sen présas. E ata que non chegue ese día, eu con ela, ao pé do canón, sen pestanexar, que aquí ten un ser vivo que a quere moito e sofre cando ela sofre, e ri cando ela ri.