30 ene 2012

O HOME QUE CAMIÑA



Había tempo que non nos atopabamos con el. Recoñecino ó lonxe polo seu particular movemento de brazos o camiñar : bambeándoos por diante do corpo, ó par, ora a esquerda, ora a dereita. Cando nos cruzamos saudou. Daniel devolveulle o saúdo engadindo un sorriso e cadaquén seguiu ó seu: nós de vagar camiño do bar e el co seu andar rápido, mecánico, rechamante.É un vello coñecido dos da casa, de hai xa uns cantos anos, cando aínda Anxo era cativo e vivían nun barrio modesto da cidade. A súa muller era compañeira de Elba e ademais de compartir lugar de traballo, mantiñan unha boa relación veciñal. Foi daquela cando enfermou. Unha doenza rara que segundo lles comentara a súa muller ós da casa, o iría incapacitando pouco a pouco ata deixalo sen forzas, eivado, sen esperanza de recobrar a saúde, ás portas da morte. Recomendáranlle camiñar para retrasar os efectos do mal e así o fixo. Dende entón camiña para vivir e vive para camiñar. E se non venceu a enfermidade puido con ela. Fíxolle fronte e gañou a batalla. A guerra xa se verá, aínda que el sabe que o inimigo é poderoso e ha de abatilo, pero como o fai con todos os seres vivos, canciños incluídos.
Maravíllame este home. Quixera poder ter por un intre o don da fala para poder felicitalo, para dicirlle canto o admiro e que exemplo de fortaleza está dando a todos os que o coñecen. Cando me volva atopar con el eime deter diante súa para que me mire ós ollos e adiviñe o que penso del. Un home coma este é capaz de calquera fazaña.

18 ene 2012

VVV


Estou moi disgustado. Pero moito. Vai para un mes que non publico nada e por riba a última entrada xa vistes: o título e aí se quedou. E logo que pasou? Pois VVV, que non significa vini, vidi, vinci, como algún ilustrado puidera supor,senón Vacacións, Vagancia, Virus. Esta é a triste realidade. Ai se eu puidera valerme por min mesmo! Xa veriades como tan sequera un par de veces ao mes teriades as miñas vivencias a un clik, pero claro como necesito a man executora de Daniel e este anda a velas vir, pois así nos vai. Menos mal que os da casa xa comezaron cos seus estudos e traballos e a normalidade volve imperar no día a día, polo que deduzo unha maior atención cara a miña persoa, bueno é un falar, e a partir de xa dedicaremos todos máis tempo a atender as miñas obrigas de canciño do mundo.
A vida segue.