6 nov 2014

REINICIAR

Cando se lle colga o ordenador aos da casa van e premen a tecla correspondente e a máquina apágase. De contado volven a premer a mesma tecla, acéndese o aparello e volve a funcionar con normalidade. Así me sinto eu, como se despois dun longo periodo de inactividade alguén premese unha tecla alá no fondo do meu entendemento, ou do meu corazón, e me puxese a andar de novo por estes corredores informáticos. Bueno, tamén pode ser que o tirón de orellas que lle deu Anxo a Daniel o outro día cando viñeron de Asturias a pasar un par días na casa servise para o mesmo fin. Todo axuda.
Canto tería que contar nestes cinco ou seis meses nos que estiven desconectado de vós! Cantas novas aconteceron! Dalgunhas xa vos podedes dar unha idea porque se repiten todos os anos: as vacacións en Pedraquente -case afogo, pero esta historia déixoa  para outra ocasión-, os achaques dos maiores da casa, o remate dos estudos de Mar, as miñas visitas a Bolnovo, os paseos pola cidade,as papatorias...pero sobre todo quero destacar un feito extraordinario, tanto que vai cambiar a vida de todos os da casa e dos que non son da casa: vai chegar Xoel dentro duns meses. De tres ou catro, seique. E claro, preguntarédevos quen é este individuo. Pois nin máis nin menos que o fillo de Anxo e María!!!! Que si, oh, que sí que é verdade. Eu ao primeiro non lle prestara moita atención ás conversas que matiñan  os da casa con Anxo por teléfono nos últimos meses, porque á hora que falan, alá pola noitiña, eu ando máis ben no limbo e non me entero ben . Pero como o nome de Xoel se foi repetindo, como fomos a Asturias hai pouco e como acaban de estar na casa Anxo e  María, as miñas sospeitas confirmáronse e o Xoeliño, que xa o nomean así, vai chegar de contado. Manda carallo!!!!, e perdoádeme a expresión: vou ver como medra un da familia, xa que o nacemento non creo que me deixen asistir, digo eu. E claro, estou contento, moito; e impaciente, que xa teño ganas de xogar con el como fago con Mar, a botar carreiras detrás dun inimigo que non o é. Aínda que ben pensado, terei que esperar uns meses, que os humanos cando veñen a este mundo non se saben defender e están atoallados de todo...durante moitos meses. Claro que  tampouco é necesario que se dea moita presa en medrar, que por agora o principiño son eu, e non quero perder os privilexios gañados durante tantas  xornadas de duro traballo. Bueno, pero cando estea na casa, cedereille o cetro. Faltaría máis.