27 jun. 2012

200 GRAMOS

Hai que ser ruin! Dous segundos despois de que eu o saudase coa lambetada cariñosa que acostumo oiolle dicir entre risa e risa: O Leo esta gordiño,eh! Sóbranlle douscentos gramos. Malia a hora en que acompañei a Daniel a recoller a Elba e a seu irmán, o de Portofín. Máis me valera quedar na casa cunha pata rompida que sair de paseo para escoitar tal difamación. E claro, os da casa que si que non, que non é para tanto... pero no aire quedou. Consecuencias: percibo un clara falta de alimentación cara a miña persoa, unhas miradas escrutadoras buscando o sobrepeso que non teño, e todo porque a alguén a quen non vexo máis que un par de veces ao ano se lle ocorreu unha gracia, máis ben unha tontería, así sen máis, sen valorar á tráxica situación á que me abocou, na que me vexo inmerso e da que non sei como sair.
Estou amolado, amigos. Amolado e ben amolado. E agora que? Eu xa non sei como poñerme para que os da casa se apiaden de min e volvan a alimentarme como é debido. Coido que só me quedan dúas saídas, dúas eleccións: laiarme sen dó, día e noite a ver se lles dou mágoa ou poñerme en folga. En folga de humor, de lambetadas, de carreiriñas, de monadas...do que sexa, menos en folga de fame, que ata aí podiamos chegar.