30 mar 2011

CON ANXO NA CASA



O domingo pasado fomos a recibir a Anxo ó aeroporto. Eu quedei dentro do coche, no aparcadoiro, pola mesma razón que sempre . A ver se a miña queixa á ministra fai efecto! Dende alí vía a xente que entraba e saía, uns acarrexando a súa maleta, sorrindo e falando cos seus acompañantes; outros, máis serios, máis sós, lixeiros de equipaxe, pendentes do teléfono móvil, abstraídos e as alancadas ou paseniño, facendo tempo.
Vaia repaso lle dei a Anxo cando entrou na coche! Había tanto tempo que non o vía! Desde Nadal non volvera pola casa e nós tampouco foramos a Castrourdiales. Seica en maio iremos aló. Espero que me leven, porque cando fomos o ano pasado gustárame moito. Xa na casa ós contos, a preguntar por uns e outros. Logo a pasear, a tomar algo polo barrio, a comer...en fin, a disfrutar da familia e a descansar. E así unha semaniña enteira. Como Anxo botaba boa parte da mañá na cama eu ía para xunta el e soneaba deitado ó seu carón. Que ben o pasei! Ata Mar estaba máis atenta con todos. A ver se Anxo pode vir máis veces porque así estou máis acompañado, que polas mañás como marchan todos da casa quedo moi só e abúrrome.
E pasada a semana, de volta para o aeroporto. Desta vez había máis xente, boa parte dela xa entradiña en anos. Seica eran xubilados que ían pasar uns día de lecer á beira do mar Mediterráneo aproveitando as boas temperaturas que xa van agora por alí e as facilidades que lles dá o goberno de España para costear estas pequenas vacacións. Víanse contentos e algo nervosos. Ó mellor para algúns era a primeira vez que subían a un avión e é comprensible que a preocupación aflorara ó seu rostro. Elba e Daniel bromeaban entre eles sobre os anos que lles faltaban para incluirse entre os afortunados a viaxar por poucos cartos. Poucos, xa lle faltan poucos segundo as súas contas. Eu a verdade prefiro que sexan algúns máis, porque se van de viaxe en avión non podo ir con eles e voume aburrir na casa só con Mar. E haberá vagar así para nós os cans? Que eu saiba, non; a non ser que sexan cans de casas ricas e os seus donos queiran premialos téndoos uns días coa barriga ó sol. Home, eu se puidera ó mellor apuntabame! Aínda que ben pensado para que vou estrullar os miolos en algo que semella imposible. É perder o tempo. Ademais, co ben que estou na miña casa coa miña familia!

22 mar 2011

CARTA A MINISTRA DE SANIDADE


Señora ministra:
Eu son Leo. Un can, bueno un canciño galego que está sufrindo as consecuencias da lei de prohibición de fumar na maioría de lugares públicos. Perdoe o meu atrevemento por dirixirme a vostede así, aí vai, sen preguntar sequera se en vez de señora debería escribir señorita ou simplemente ministra. Dubidei tamén se debería antepoñer a ambas palabras algunha outra máis rimbombante e acorde co tratamento debido, pero cando eu a vexo na tele non sei que me dá por supoñer que é vostede deses políticos ós que lles importan máis as persoas que os honores e que saben escoitar ós cidadáns a pelo, quero dicir -non se me ofenda- de ti a ti. Sempre que se garde, eso si, o debido respecto, matiz este que algúns non alcanzan a discernir.
Como lle dicía síntome seriamente perxudicado pola aplicación da lei antitabaco e sen solución a curto prazo a non ser que interveña vostede na defensa dos meus dereitos, e por extensión nos dereitos de todos os cans e outros animais. Eu, como ben pode supoñer, non fumo, polo que a miña queixa non vai a favor da derogación da lei. Os da casa tampouco fuman, polo que non actúo coma un mandado dando a cara por outros. É unha cuestión persoal, que afecta a miña saúde. Explícome. Dende que a xente non pode fumar no interior dos lugares públicos os fumadores matan a ansiedade botando un pitillo á porta destes establecementos. Ata aquí, completamente dacordo coa lei.Como me afecta logo?, preguntarase vostede. Explícollo. Eu acompaño a meus donos a todos -ou case todos- os sitios porque saben que me gusta moito ir con eles e pasear. Nalgúns lugares non podo entrar e quedo na porta, suxeito pola correa ou seivo, á espera. Como xa estou acostumado non me poño nervoso e cando me fan caso tamén xogueteo coa xente que pasa ó meu carón para pasar o tempo. O problema comeza cando a meus donos lles apetece tomar algo e vou con eles ata a porta do bar. Como xa lle dixen espéroos fóra, que non se me permite entrar en case ningún. E aí comeza o meu calvario: cando os clientes saen a fumar. De contado teño que andar vixiando a cinza dos cigarros para que non me caia enriba e ó mesmo tempo apartame das cabichas mal apagadas porque sae un fume que me fai tusir ou porque corro serio perigo de queimarme nas miñas patiñas ou mesmo de que me prenda lume no rabiño. Como vostede comprenderá, non dou feito. E eso que a xente polo xeral ten coidado comigo e procura non ferirme, pero a veces non se dan conta porque están distraídos e tiran os cigarros onde lle cadra. Comprenderá vostede a miña gran preocupación e o risco que corro.
Por iso quixera solicitarlle, señora ministra, que promulgue una lei para que se nos permita ós cans e outros animais de compañía non perigosos o libre paso a todos os lugares públicos. Por suposto que a lei deberá recoller as responsabilidades que adquiren os nosos donos e ata as sancións que correspondan, pero penso que de levarse adiante significaría un gran avance nos dereitos dos animais.
E aquí lle deixo a miña solicitude. Espero que a teña vostede en conta porque pense que somos milleiros os perxudicados e a importante labor social que desenrolamos.
Unha aperta moi forte, aínda que - é dispensando- a aperta terá que darma vostede a min. Xa outros quererían.
Leo

13 mar 2011

TERREMOTO


Case me caio de cu. Literalmente.Estábavos eu na casa durmindo, soñando, arrombado enriba do respaldo do sofá da sala cando me espertei por un movemento brusco do moble e un forte son, coma un estalido. No meu soño pracenteiro as ondas do mar rompían contra a praia de Pedraquente cun son monótono, cadencioso, forte e seco que eu escoitaba deitado á sombra do parasol, cun ollo posto nos meus donos que peterreaban na auga e co outro fitando a un neno pequeno que ó meu carón comía unha lambetada que lle dera a muller que o coidaba. Pero non era o mar, non. O son fora real e o sofá movérase de verdade, coma se alguén lle dera unha patada. Foi só un intre, pero o suficiente coma para que o corazón me dera un salto no peito e quixese saírseme pola gorxa. A piques de caer chimpei dende o meu outeiro ó coxín e deste ó chan. Quedei quedo, moi quedo e á espreita, preguntándome quen me sansanicara o sofá. Recordei que estaba só na casa, polo que ou entrara alguén ou alí pasaba algo raro, descoñecido para o meu maxín. Serían pantasmas xoguetóns? Dei unha volta pola sala con precaución, bufando, buscando a orixe do ruído e do movemento. Non vin nin ulín nada. Armeime de valor e botei unha visuada polas outras habitacións. Nada, todo estaba no seu sitio; coma sempre, en perfecta orde. Non atopei explicación e volvín deitarme, esta vez na miña camiña, non fora ser que me caera e me mancara se ía para un sitio alto.
De alí a un pouco chegaron Elba e Daniel. Viñan falando do que acontecera minutos antes. O temblor e o ruído foran orixinados por un terremoto aínda que eles nese momento ían en coche e non o percibiron. Accederon a Internet e comprobaron que o seísmo tivera o seu epicentro a poucos quilometros da casa e que fora de escasa intensidade, pero o suficiente como para que os edificios tremeran un chisco e para que os veciños se alporizasen. Así que enigma resolto. Agora xa sei o que é un terremoto. Menos mal que non chegou a intensidade do que asolou a costa de Xapón uns días antes e que os da casa fomos seguindo con moito interése pola televisión e a prensa. O seísmo e o tsunami conseguinte non só arrasaron cidades e remataron coa vida de milleiros de persoas, senón que provocaron danos importantísimos nunha central nuclear e o mundo enteiro está pendente do desenlace da avaría.
A verdade é que diante de catástrofes coma esta, só nos queda baixar as orellas e recoñecer os cativos que somos, humanos e animais, ante o poder descomunal das forzas da natureza.

6 mar 2011

CHINOS E CHINESES


Ir mercar ós chinos é ir mercar as tendas dos chineses, pero non é o mesmo. Así lle dicía Mar a seus pais camiño dun gran comercio chinés que hai á carreiriña dun can da nosa casa.E non é o mesmo, engadía, porque a xente de por aquí refírese a esas tendas con certo menosprezo e acode a elas coa idea preconcebida de que só atopará cativallada e o certo é que se vai porque é máis barato e non todo é cativo, nin moito menos. Hai anos medio mundo miraba ós chineses coma quen olla cara un paxaro exótico. Eran persoas que tiñan unha fisionomía completamente distinta á caucásica, falaban nunha lingua moi rara, practicaban artes marciais que viamos nas películas, vestíanse dun xeito rechamante e contábanse por millóns. E pouco máis sabía a xente da rúa e dos mundos intelectualoides dese país, dese enorme país. E se o sabía non lle importaba. O certo é que os chineses son unha xente que dende hai miles de anos entende a vida dunha maneira moi diferente á nosa, cuns valores propios impensables en nós e menos nos anos en que andamos, os da xente guapa e os cans pitiminís. E non o digo por Leo. Foi un pobo asoballado e ségueo sendo, só que pasaron das dinastías ós gobernos tiranos disfrazados de democráticos para quen os seus gobernados máis que homes e mulleres son máquinas de producir cartos. Tamén é certo que a situación vai cambiando para ben e a xente nova sabe dicir bastante máis que amén, aínda que sigan conservando as súas tradicións e idiosincrasia.
Buenooo, do que me vou enterar. Home, a min iguais á xente de por aquí xa non me parecían. Eu vía neles ademais das diferencias físicas evidentes a uns homes e mulleres que traballaban a todas horas, que son propietarios - ou serán, digo eu- de tendas onde se mercan os máis variados obxectos a un prezo asequible e de restaurantes que levan comida a domicilio. Unha comida que por certo a min gústame moito e os da casa tamén, menos a Daniel que nunca a proba cando a piden Elba ou Mar. Eu penso que é unha teima súa, porque as viandas estánvos ben boas, e cando tanta xente as solicitan por algo será. O que máis me amola é que cando as estamos catando, Daniel mira para min cunha cara queee...non sei eu, non sei que estará pensando. Cousas súas.
Fala que fala e anda que anda chegamos a tenda dos chineses. Deixáronme fóra suxeito a base dun parasol e volveron de alí a un pouquiño. Os disfraces que había non lle gustaron a Mar, que para eso viñemos. De volta para a casa, eles a falar e eu a aproveitar o tempo para botar unhas carreiriñas e aliviar, que ultimamente como moito e ás veces ando apurado.