11 abr 2012

A CRISE


Non oio falar máis que dela. Na casa, na tele, cando imos de vagar pola rúa, ó pararmos para cruzar un paso de peóns, ollando ó escaparate dunha tenda...ata en soños se me aparece unha onda mareira que murmura: crrrise, crrriiiiseeeee...mentras intenta atraparme cando paseo con Daniel á mañanciña pola praia de Pedraquente.
Os da casa están tamén moi preocupados, e aínda que van tirando, como din eles, polo seu maxín discorren as mesmas cábalas que polo de millóns de compatriotas: por que se produciu esta situación?, como pasamos en pouco tempo da abundancia á desesperación?, ata onde se poderá estirar a corda social se se esnaquizar?, son necesarias as medidas economicas tan duras que están tomando os responsables políticos?, hai alternativas as mesmas? Cantas preguntas para tan poucas e vagas respostas.
A min polo de agora non me afecta este mostro. Sigo coa miña vida de canciño caseiro, cos mesmos mimos e agarimos que sempre tiven. Comida tampouco me falta. Pero tamén estou inquedo polo futuro dos da casa, dos veciños, dos meus conxéneres... e se da miña patiña dependera acabaría agora mesmo co sufrimento de tantas familias e castigaría severamente ós culpables de provocar esta situación. Pero non podo nin sei, así que cando vexo que os meus andan tristes achégome a eles e fágolles aloumiños, monadas para facelos rir e que se esquezan destes malos tempos. E a esperar que a vida mellore, que estes humanos sempre saíron adiante de todas as desfeitas que eles mesmos orixinaron. E desta vez non vai ser menos. Rexurdirán con brío polo menos ata que se esquezan do que soportaron e volvan ás andadas. Parece mentira: tan intelixentes e tan desmemoriados. Non aprenderán ?

16 mar 2012

EN FORMA


Xa vos teño dito que unha das miñas grandes afeccións, xantares a parte, é a das carreiriñas. E non me estou referindo precisamente a esas preguntas sobre as distancias que algúns ironicamente responden comparándoas coa carreiriña dun can, que eses contos difamatorios e racistas non os aturo. Fálovos do exercicio, do deporte, da fatiga, da saúde, de erguerse todos os días con ganas de comerse o mundo ou no seu defecto a todo aquilo que se poña por diante, sexa animado ou inanimado, sen patas ou con elas. E así saio eu polas mañás, co peito inchado e todo cheo de razón, facéndome oir ós catro ventos co meu baril ladrido nada máis abrir Daniel a porta do edificio que dá á rúa.
E así penso seguir, aínda que ós da casa non lles guste moito, que sei que molesto con tanto escándalo diario. Bueno, eu creo que protestan por que si, por non estar calados, que no fondo están orgullosos de ter un canciño barulleiro. Ademais, que eu saiba, os veciños quérenme ben e disfrutan coa miña presencia e compañía.
O que tiñan que facer todos, os uns e os outros, e facer coma min e en vez de tanta sesta e tanta rubia con espuma imitarme e botarse a correr canda min. A ver se me pillan!

29 feb 2012

LORENA


Arrombado no sofá ollando unha película na tele sobre un matemático que chegou a recibir o premio Nobel a pesar de padecer unha grave doenza mental acordeime de Lorena, a filla duns amigos dos da casa a quen estiveramos visitando había uns días e que sofre do mesmo mal. Alta, morena, cautivadora, vestida como as xoves do seu tempo, seria con Daniel e faladora con Elba. Comigo nin fu nin fa, máis ben despreocupada e fría que cariñosa, non sei se por timidez ou porque non lle gustan os cans. Consciente da súa enfermidade, fala dela sen complexos, como lle inflúe nas súas relacións coa familia e cos outros xoves, do que ela cre que lle impide conseguir, dun futuro que anhela coma o de outras moitas mulleres pero que non acerta a definir.
Impresióname Lorena. Non só polo seu físico, senón pola cadencia no seu falar causada pola súa doenza, e sobre todo pola súa mirada distante, fixa, escrutadora, desas que eu desexaría cambiar por outra máis cálida, máis agarimosa.
Agora anda preocupada pola súa aparencia. Quere adelgazar, verse guapa, atractiva. E eu enténdoa. A min tamén me gusta que me peiteen, non tanto que me bañen, que logo non fago máis que restregarme contra o sofá, pero recoñezo que despois cando me miro ó espello do corredor véxome fetén e ata me saúdo e todo. O que non vexo en min sen embargo e o que lle sobra a Lorena: forza de vontade, de superación, de busca de explicacións que ninguén lle sabe dar. A ver como lle vai. Espero que ben, que superará con traballo os seus temores, pero que os superará. Meréceo.

14 feb 2012

TEMPO DE ENTROIDO


Vaia sorpresa me levei cando Elba abriu a porta e entraron na casa unha xitana e unha piloto de aviación! Claro que de seguida me decatei que non eran tales, senón as miñas veciñas, Xoana e Uxía, que se disfrazaran e viñan a visitarnos todas contentas. Caín da burra nun intre: estabamos en tempo de entroido e toca transgredir e fartar.
Os máis novos da casa sempre se disfrazan nestes días e saen por aí cos seus amigos a correla, aínda que este ano como Anxo non puido vir dende Zaragoza só Mar representou á familia nas parrandas nocturnas. Polo pouco que contou, deduzo eu que deixou ben alto o pendón familiar. Os vellos -aínda que non lle gusta moito que lle chamen así- van de paseo a ver as carrozas e as comparsas e celebran o entroido cun xantar propio deste tempo: cocido, filloas, orellas e calquera outro manxar que se lle arrime. Por certo, aínda que fomos poucos a sentarnos na mesa, o xantar fíxose para unha ducia de comensales así que comemos cocido hoxe si e mañá tamén, e eu tan contento, porque é unha das miñas coomidas preferidas.
A novidade estivo nas pequenas vacacións que pasei na casa de Lula , unha irmá de Elba,en Bolnovo. Ai amiguiños! Que vidón! Comer, do milloriño. Durmir, canto quixen. Pasear, todos os días, e máis dunha vez por camiños á beira do río. Pola noite acordabame dos da casa, pero así que Lula me collía no colo ou me deitaba ó seu carón, xa se me ía a morriña. Feble que é un, que queredes que vos diga.
Do que me quedaron ganas foi de disfrazarme. A ver se para o ano que vén se acordan de min e me visten de guerreiro das galaxias que dou o tipo moi ben.

30 ene 2012

O HOME QUE CAMIÑA



Había tempo que non nos atopabamos con el. Recoñecino ó lonxe polo seu particular movemento de brazos o camiñar : bambeándoos por diante do corpo, ó par, ora a esquerda, ora a dereita. Cando nos cruzamos saudou. Daniel devolveulle o saúdo engadindo un sorriso e cadaquén seguiu ó seu: nós de vagar camiño do bar e el co seu andar rápido, mecánico, rechamante.É un vello coñecido dos da casa, de hai xa uns cantos anos, cando aínda Anxo era cativo e vivían nun barrio modesto da cidade. A súa muller era compañeira de Elba e ademais de compartir lugar de traballo, mantiñan unha boa relación veciñal. Foi daquela cando enfermou. Unha doenza rara que segundo lles comentara a súa muller ós da casa, o iría incapacitando pouco a pouco ata deixalo sen forzas, eivado, sen esperanza de recobrar a saúde, ás portas da morte. Recomendáranlle camiñar para retrasar os efectos do mal e así o fixo. Dende entón camiña para vivir e vive para camiñar. E se non venceu a enfermidade puido con ela. Fíxolle fronte e gañou a batalla. A guerra xa se verá, aínda que el sabe que o inimigo é poderoso e ha de abatilo, pero como o fai con todos os seres vivos, canciños incluídos.
Maravíllame este home. Quixera poder ter por un intre o don da fala para poder felicitalo, para dicirlle canto o admiro e que exemplo de fortaleza está dando a todos os que o coñecen. Cando me volva atopar con el eime deter diante súa para que me mire ós ollos e adiviñe o que penso del. Un home coma este é capaz de calquera fazaña.

18 ene 2012

VVV


Estou moi disgustado. Pero moito. Vai para un mes que non publico nada e por riba a última entrada xa vistes: o título e aí se quedou. E logo que pasou? Pois VVV, que non significa vini, vidi, vinci, como algún ilustrado puidera supor,senón Vacacións, Vagancia, Virus. Esta é a triste realidade. Ai se eu puidera valerme por min mesmo! Xa veriades como tan sequera un par de veces ao mes teriades as miñas vivencias a un clik, pero claro como necesito a man executora de Daniel e este anda a velas vir, pois así nos vai. Menos mal que os da casa xa comezaron cos seus estudos e traballos e a normalidade volve imperar no día a día, polo que deduzo unha maior atención cara a miña persoa, bueno é un falar, e a partir de xa dedicaremos todos máis tempo a atender as miñas obrigas de canciño do mundo.
A vida segue.