29 feb 2012

LORENA


Arrombado no sofá ollando unha película na tele sobre un matemático que chegou a recibir o premio Nobel a pesar de padecer unha grave doenza mental acordeime de Lorena, a filla duns amigos dos da casa a quen estiveramos visitando había uns días e que sofre do mesmo mal. Alta, morena, cautivadora, vestida como as xoves do seu tempo, seria con Daniel e faladora con Elba. Comigo nin fu nin fa, máis ben despreocupada e fría que cariñosa, non sei se por timidez ou porque non lle gustan os cans. Consciente da súa enfermidade, fala dela sen complexos, como lle inflúe nas súas relacións coa familia e cos outros xoves, do que ela cre que lle impide conseguir, dun futuro que anhela coma o de outras moitas mulleres pero que non acerta a definir.
Impresióname Lorena. Non só polo seu físico, senón pola cadencia no seu falar causada pola súa doenza, e sobre todo pola súa mirada distante, fixa, escrutadora, desas que eu desexaría cambiar por outra máis cálida, máis agarimosa.
Agora anda preocupada pola súa aparencia. Quere adelgazar, verse guapa, atractiva. E eu enténdoa. A min tamén me gusta que me peiteen, non tanto que me bañen, que logo non fago máis que restregarme contra o sofá, pero recoñezo que despois cando me miro ó espello do corredor véxome fetén e ata me saúdo e todo. O que non vexo en min sen embargo e o que lle sobra a Lorena: forza de vontade, de superación, de busca de explicacións que ninguén lle sabe dar. A ver como lle vai. Espero que ben, que superará con traballo os seus temores, pero que os superará. Meréceo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario