14 feb 2012

TEMPO DE ENTROIDO


Vaia sorpresa me levei cando Elba abriu a porta e entraron na casa unha xitana e unha piloto de aviación! Claro que de seguida me decatei que non eran tales, senón as miñas veciñas, Xoana e Uxía, que se disfrazaran e viñan a visitarnos todas contentas. Caín da burra nun intre: estabamos en tempo de entroido e toca transgredir e fartar.
Os máis novos da casa sempre se disfrazan nestes días e saen por aí cos seus amigos a correla, aínda que este ano como Anxo non puido vir dende Zaragoza só Mar representou á familia nas parrandas nocturnas. Polo pouco que contou, deduzo eu que deixou ben alto o pendón familiar. Os vellos -aínda que non lle gusta moito que lle chamen así- van de paseo a ver as carrozas e as comparsas e celebran o entroido cun xantar propio deste tempo: cocido, filloas, orellas e calquera outro manxar que se lle arrime. Por certo, aínda que fomos poucos a sentarnos na mesa, o xantar fíxose para unha ducia de comensales así que comemos cocido hoxe si e mañá tamén, e eu tan contento, porque é unha das miñas coomidas preferidas.
A novidade estivo nas pequenas vacacións que pasei na casa de Lula , unha irmá de Elba,en Bolnovo. Ai amiguiños! Que vidón! Comer, do milloriño. Durmir, canto quixen. Pasear, todos os días, e máis dunha vez por camiños á beira do río. Pola noite acordabame dos da casa, pero así que Lula me collía no colo ou me deitaba ó seu carón, xa se me ía a morriña. Feble que é un, que queredes que vos diga.
Do que me quedaron ganas foi de disfrazarme. A ver se para o ano que vén se acordan de min e me visten de guerreiro das galaxias que dou o tipo moi ben.

No hay comentarios:

Publicar un comentario