30 ene 2012

O HOME QUE CAMIÑA



Había tempo que non nos atopabamos con el. Recoñecino ó lonxe polo seu particular movemento de brazos o camiñar : bambeándoos por diante do corpo, ó par, ora a esquerda, ora a dereita. Cando nos cruzamos saudou. Daniel devolveulle o saúdo engadindo un sorriso e cadaquén seguiu ó seu: nós de vagar camiño do bar e el co seu andar rápido, mecánico, rechamante.É un vello coñecido dos da casa, de hai xa uns cantos anos, cando aínda Anxo era cativo e vivían nun barrio modesto da cidade. A súa muller era compañeira de Elba e ademais de compartir lugar de traballo, mantiñan unha boa relación veciñal. Foi daquela cando enfermou. Unha doenza rara que segundo lles comentara a súa muller ós da casa, o iría incapacitando pouco a pouco ata deixalo sen forzas, eivado, sen esperanza de recobrar a saúde, ás portas da morte. Recomendáranlle camiñar para retrasar os efectos do mal e así o fixo. Dende entón camiña para vivir e vive para camiñar. E se non venceu a enfermidade puido con ela. Fíxolle fronte e gañou a batalla. A guerra xa se verá, aínda que el sabe que o inimigo é poderoso e ha de abatilo, pero como o fai con todos os seres vivos, canciños incluídos.
Maravíllame este home. Quixera poder ter por un intre o don da fala para poder felicitalo, para dicirlle canto o admiro e que exemplo de fortaleza está dando a todos os que o coñecen. Cando me volva atopar con el eime deter diante súa para que me mire ós ollos e adiviñe o que penso del. Un home coma este é capaz de calquera fazaña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario