20 feb 2015

XOEL

Pois xa está aquí Xoel. Como quen non quere a cousa, pero despois de facer esperar aos da casa uns días máis dos previstos asomou a este mundo imperfecto o fillo de Anxo e María. E como todo nesta vida ten o seu aquel de aventura, novela ou fantasía, aí vai unha entrada que me fixo chegar un bo amigo. Sen máis palabras.


O día 5 de febreiro, arredor das 11 da noite naceu Xoel, fillo do meu fillo Roi e da súa muller María: o meu primeiro neto. Non me é doado explicar o que sentimos a súa avoa e máis eu coa irrupción na nosa vida dun asturianiño tan desexado polos seus pais e polo resto da familia. É primeiro fillo e primeiro neto, todo un fol de agarimos e mimos.

Non hai maneira tampouco de contar con exactitude,nin por asomo, as diferentes sensacións que percibín ó collelo no colo,ó pasar a xema do meu dedo  pola súa fronte, polas súas meixelas, pola súa pel tan suave e delicada. Ver con sorpresa como responde cun acto reflexo de seu ás voces ou aos contactos inesperados, presentir que con pouco máis dun día de vida xa  te escoita, xa te recoñece, aínda que non sexa certo.  Acercarlle o meu dedo índice as súa manciñas coa intención de que mo  agarre, pasar a man aberta por riba da súa fráxil cabeza , sen tocalo, só sentindo na miña pel o seu fino pelo louro, tan distinto, ocórreseme, de cando vaia  medrando.

E aínda que todas estas sensacións e sentimentos tamén os sentín cos meus fillos, teño que recoñecer que eses momentos de gozo se mesturaban coas inquietudes propias dun pai que  non ten nada claro como vai discorrer a vida dos seus fillos.  En fin, no que deben de cavilar tamén nestes momentos os pais de Xoel.

Benvido, netiño. Se boa xente, coma teus pais  e xa falaremos cando teñas uns meses máis, cando veñas por Galicia a ver ao resto da familia. Ata entón iremos nós por aí para disfrutar contigo mirándote, paseándote, arrolándote e sobre todo,  queréndote moito.

No hay comentarios:

Publicar un comentario