11 abr 2012

A CRISE


Non oio falar máis que dela. Na casa, na tele, cando imos de vagar pola rúa, ó pararmos para cruzar un paso de peóns, ollando ó escaparate dunha tenda...ata en soños se me aparece unha onda mareira que murmura: crrrise, crrriiiiseeeee...mentras intenta atraparme cando paseo con Daniel á mañanciña pola praia de Pedraquente.
Os da casa están tamén moi preocupados, e aínda que van tirando, como din eles, polo seu maxín discorren as mesmas cábalas que polo de millóns de compatriotas: por que se produciu esta situación?, como pasamos en pouco tempo da abundancia á desesperación?, ata onde se poderá estirar a corda social se se esnaquizar?, son necesarias as medidas economicas tan duras que están tomando os responsables políticos?, hai alternativas as mesmas? Cantas preguntas para tan poucas e vagas respostas.
A min polo de agora non me afecta este mostro. Sigo coa miña vida de canciño caseiro, cos mesmos mimos e agarimos que sempre tiven. Comida tampouco me falta. Pero tamén estou inquedo polo futuro dos da casa, dos veciños, dos meus conxéneres... e se da miña patiña dependera acabaría agora mesmo co sufrimento de tantas familias e castigaría severamente ós culpables de provocar esta situación. Pero non podo nin sei, así que cando vexo que os meus andan tristes achégome a eles e fágolles aloumiños, monadas para facelos rir e que se esquezan destes malos tempos. E a esperar que a vida mellore, que estes humanos sempre saíron adiante de todas as desfeitas que eles mesmos orixinaron. E desta vez non vai ser menos. Rexurdirán con brío polo menos ata que se esquezan do que soportaron e volvan ás andadas. Parece mentira: tan intelixentes e tan desmemoriados. Non aprenderán ?

No hay comentarios:

Publicar un comentario