21 mar 2013

UNHA RAIOLA

Din os da casa que levamos máis de dous meses de chuvia a reo. Bueno, eu non sei se será tanto, pero levar levamos un mundo de chuvia aturado dende o Nadal. E chuvia sen sol, sen esa claridade que che aleda o espírito e que cha fai ver o mundo dun xeito máis optimista.
Por iso, cando en días coma hoxe o sol asoma por entre as nubes e unha raioliña entra pola ventá da cociña corro de contado a tomar posicións  para que pouse no meu corpiño. Contemplo primeiro dende a porta con admiración como se reflicte nos electrodomésticos e nos azulexos: brillante, luminosa, adorable; logo séntome no chan cara ela  e entorno os ollos para percibila mellor, para que a caloriña me invada a modo dende as orellas ata a punta do rabo. Cando xa a calidez da raiola  converte as miñas pálpebras en persianas a punto de pecharse cambio de posición e póñome de costado. Primeiro cara a dereita e despois cara a esqueda, ou ao revés; que ás veces ando tan na inopia que xa non sei para onde miro. E así quedo transposto un bo anaco, moneando, en pleno trance onírico, decatándome,  aínda que non o queira, como  a miña cabeza se vai inclinando lentamente, empinando ata case chegar ao chan, coa boca semiaberta,  ata que sobresaltado érgoa abrindo as palpebras todo o que podo, que ás veces non é moito, para reflexionar un intre sobre os pequenos praceres da vida e volta a comezar. E así  boto non sei canto tempo ata que presentindo que me vou dar un testarazo opto pola mellor solución: ir  durmir un anaco ao cuarto de Anxo ou de Mar, que son moi soleados e teñen ademias moi boa vista. E ata que cheguen os da casa para xantar.

18 ene 2013

POR QUE?

Os da casa teñen unha coñecida en Bolnovo que os chama cada vez que algún veciño coñecido de seu deixa de vivir. Vamos, que morre. Ás veces a nova sorpréndeos e outras non tanto. Supoño eu que esta reacción depende da identidade da persoa que pasa a mellor vida: nova ou vella, parente ou non, amiga ou coñecida...E  ata das circunstancias do pasamento: enfermidade, accidente, vellez...Por certo,  eso de mellor vida oinllo a Daniel. Eu a verdade é que non o entendo. Onde vou ter eu mellor vida que aquí a carón da familia !
Onte Agripina -que así se chama a campaneira telefónica-chamou. Daniel devolveulle a chamada e a medida que a escoitaba o seu semblante foise volvendo serio, pensativo. Segundo lle contou logo a Elba tratábase dunha moza nova que decidira quitarse a vida, algo que xa intentara anos atrás e que non conseguira por pouco. Xa un irmán seu máis novo tomara esta mesma tráxica decisión antes ca ela. E non fallou.
E eu pregúntome que é o que pode levar a un humano a quitarse a vida. Que pensamentos acollerá o seu maxín non neses intres inmediatamente anteriores ó crac, que supoño valeiros de xuízo, senón neses outros momentos de reflexión, de ensimesmamento, de razoar sobre os motivos que o impulsarán días, meses ou anos despois a tomar tan desmedida determinación. Imaxino que sobre esto haberá moitas opinións, moitos estudos, demasiadas teorías e poucos acertos. Claro que ben pensado tampouco é fácil atinar, digo eu.Os humanos son tan complicados.

9 ene 2013

LUCES DE NADAL

A vedade é que non sei que facer con Daniel. Coma vós sabedes eu son a alma mater -aí vai-deste blog; el só preme as teclas. Só premer! Mirade vós que traballo tan grande. Pois non hai maneira! Segundo me di a xeito de disculpa, a crise global aféctalle e non está para enredos; aínda que eu máis ben penso que é pura e simple vagancia. Va-gan-cia !! Vai para un mes que tiña titulada esta entrada e aí me quedei. Porque quería falar do Nadal. Destes días de lecer, festas e papatorias para uns e de conmemoración relixiosa para outros, cada vez menos segundo falan os da casa, pero o Nadal  re-ma-tou e aínda que quedan no frigorífico algunhas lambetadas propias destes días -que espero catar-, o espírito navideño xa vai aló e as miñas elucubracións, canda el. É curioso, agora que o penso aínda quedan, xa apagados, os adodíos con bombillas de luces de cores pendurando nas rúas e prazas de vilas e  cidades e que son o sinal visible do tempo que se achega cando os empezan a colocar. Non sei por que imaxinara que este ano coa crise no ía a ver as luces de cores resplandecendo na noite fría, ou polo menos non tantas como outros anos. Pois estaba equivocado: máis ou menos as mesmas.E alegróme de que foxe así. As luces aledan o ambiente, animan a xente a sorrir e a soñar, a esquecer por uns días as preocupacións de todo o ano, a ser máis comunicativas, a mostrarse felices...Pero tamén é verdade que hai outra moita xente que non ten ganas de contos, que os consomen os problemas, que pensan que non teñen futuro porque tampouco teñen presente. Xente a quen lle dá igual que haxa luces ou non, mesmo lles molesta tanto gasto inútil cando eles o está pasando tan mal. E enténdoos. E gustariame botarlles unha man ou facelos sorrir polo menos.Din os da casa que en tempos coma estes toca apretar o cinto e fomentar a solidariedade. Eu cinto non teño, así que...pero solidario podo ser e sereino: en vez de ladrarlle aos veciños cando me atope con eles, menearei o rabiño en plan de amistade e ata serei capaz de dar unha reviravolta para facelos sorrir.

28 nov 2012

EN FAMILIA

Que a gusto se vive cando a familia está ao completo.
 Non entendo a algúns colegas cos que comparto paseo, uliscadas e chascarrillos cando defenden o seu dereito a estar sós. Bueno, mellor dito, cando reclaman máis  tempo para si mesmos, para andar ao seu aire sen a compaña dos humanos. Eu disfruto cos da casa. Gústame que me acariñen, que me falen, camiñar ao seu carón, sentarme con eles á mesa a hora de xantar, deitarme no sofá pousando a miña cabeciña na perna dun ou doutro, subirme a cama de calquera deles e arreconchegarme estricándome picha arriba, coma di Daniel...
Por iso este días nos que Anxo estivo de vacacións na casa paseino moi ben, case tanto como cando nos xuntamos todos en Pedraquente a comer churrasco na terraza. Ai que lembanzas! Non recordo a Anxo na casa tantos días seguidos dende que me trouxo de Asturias. Anda o home moi atarefado, e entre o traballo e o amor non lle chega o tempo para nada.
Cando pola mañá cedo marchaban Elba, Daniel e Mar  para os seus labores cotiáns, Anxo quedaba na cama a durmir e eu así que vía a porta do seu cuarto aberta alá ía para xunto súa e dun chimpo subiame a cama a xogar e a durmir outro pouco, que estes días con tanta trasfega, tanto atender a este e aquel, acabo rendido e teño que descansar e repoñer forzas. Se non me coido eu, quen me vai coidar! Bueno, é broma que se aos da casa non lle peta, xa me podo poñer patas arriba tocando a gaita que non me cae bocado.
E entre sesta e sesta entérome que Anxo e María... van casar! Xa era hora, home. Xa era hora, que tanto falar e despois nada. Seique a cerimonia vai ser en Asturias, nunha casona no medio da da natureza. Ai que ben o vou pasar!, porque xa me enterei que teñen resevado para min un lugar destacado na festa e ata me queren vestir cunha pajarita!
Xa vos contarei, xa.

28 oct 2012

QUEN MO ÍA DICIR



Xa aliviei nas cortinas da cociña, xa me mollei coa chuvia aínda morna deste mes de setembro, xa quedo de xefe da casa polas mañás, xa pasei unha fin de semana na casa de Lula, xa paseei pola cidade entre o balbordo dos visitantes, xa ... xa estou na casa. E se tanto tardei en subirme a este outeiro foi porque a man transcritora dos meus pensamentos seica non tivo tempo ata agora de dedicar catro minutos a teclear catro palabras nesta páxina intergaláctica. E xa inmerso no outono, con todo o tempo do mundo para meditar nas miñas inquedanzas e nos meus proxectos vitais, non podo deixar de recordar con morriña os bos días que pasamos en Pedraquente. E as novidades, que haber hóuboas porque... quen me ía dicir a min que ía ser testemuña alá  dunha nova expereciencia para os da casa. Quen llo ía dicir taména eles, a Daniel e a Elba,  que tiveron que vivir máis de medio século para rirse a cachón mentras se bañaban espidos nas temperadas augas do mar Mediterráneo. E todo comezou coma quen  non quere a cousa, sen premeditalo, ou iso creo eu.
Como xa vos teño contado una das miñas afeccións preferidas é dar longos paseos alá onde estea ou mellor dito, alá onde os da casa me queiran levar. E en Pedraquente, cediño ou ao atardecer, boto unha carreiriña pola praia con Elba, con Daniel ou con ambos, amoso o palmito  polo paseo recén rematado antes de tomar as cervexas -eles, que non eu- ou camiño por un sendeiro que discorre todo a beiriña do mar dutante varios quilómetros e polo que se accede  ás calas nudistas, esto é pequenas praias onde os humanos se bañan espidos, ou en pelotas, como di Mar. Xa tiñamos ido varias veces outros anos porque aínda que me canso e ata me teñen collido no colo disfrutamos coa paisaxe e facemos un pouco de exercicio, que a todos nos ven ben, pero nunca lles deu por parar e bañarse. Pois non sei por que, pero este ano alá nos fomos un día e ante a miña sorpresa Elba, roupa fora, peliños ao aire mergullouse na cala do Raposo ante a mirada pasmada miña e de Daniel, quen para non ser menos ao día seguinte emulou a Elba e coas boliñas ao aire e rindo a cachón  somerxeuse con ela. Imaxinade o espectáculo. Dous humanos xogando na auga a pillarse, a acariñarse,a bicarse, a ...non sigo que todo son suposicións e non quero quedar de mintireiro, pero bueno para min que a cara que poñían, sobre todo Daniel, daba que pensar. E deberon de collerlle gusto ao baño e ao xogo, porque repetiron varios días e falan xa de que para o ano que vén continuaremos cos paseos e cos baños espidos. Eu tamén me bañei, mellor dito bañáronme que non son eu moi amigo de tomar iniciativas tales. Ademais, como xa ando espido non me tivo moito mérito, pero recoñezo que o baño refrescoume e os da casa disfrutaron como había tempo que non os vía.



2 sept 2012

UN NIÑO NA TERRAZA



Na terraza da casa de Pedraquente aniñaron  uns paxariños. O feito non tería ningunha trascendencia  agás que é a primeira vez na miña vida de canciño que teño un niño ao alcance da miña vista. Descubriuno Elba de forma casual cando cortaba as herbas que medraran dende  Semana Santa no testo  dunha das plantas que os da casa miman e protexen deste caluroso clima do Sureste do país.
O niño ten catro ovos pequenos, moi pequenos,  postos, supoño,  por algún dos miudos gorrións que viven nesta terra árida, afeitos ás altas temperaturas no verán, á escaseza de auga todo o ano e a confiar nos humanos cando pousan ao seu carón, na praia ou nas terrazas dos bares, en busca de migallas para encher o bandullo.
Di Elba que o máis seguro é que os paxariños abandoaron o niño pola nosa culpa, porque os asustamos nós cando chegamos ou a irmá de Elba, María, cando viña pola casa a aireala  e a coidar as plantas. Tamén pode ser que lles xurdira algún imprevisto, digo eu, ou que pasaran a mellor vida, Deus non o quixera. Pero o certo é que pasan os días, os paxaros no dan sinais de vida e os ovos apodrecerán. E a min remórdeme a conciencia: e se os paxariños embalaron por mor dos meus ladridos, das miñas carreiras arriba e abaixo cando escoito ruidos  ou cando estou contento e quero facerme oir?
Dende que Elba se decatou do niño puxo preto del un cacharro con auga e un pouco pan. Sei que os paxariños beberon e comeron, pero semella que son outros, non os nosos e os ovos van murchar, coma unha flor sen auga, e eu quedarei sen ver as crias. Coas ganas que eu tiña!

27 jun 2012

200 GRAMOS

Hai que ser ruin! Dous segundos despois de que eu o saudase coa lambetada cariñosa que acostumo oiolle dicir entre risa e risa: O Leo esta gordiño,eh! Sóbranlle douscentos gramos. Malia a hora en que acompañei a Daniel a recoller a Elba e a seu irmán, o de Portofín. Máis me valera quedar na casa cunha pata rompida que sair de paseo para escoitar tal difamación. E claro, os da casa que si que non, que non é para tanto... pero no aire quedou. Consecuencias: percibo un clara falta de alimentación cara a miña persoa, unhas miradas escrutadoras buscando o sobrepeso que non teño, e todo porque a alguén a quen non vexo máis que un par de veces ao ano se lle ocorreu unha gracia, máis ben unha tontería, así sen máis, sen valorar á tráxica situación á que me abocou, na que me vexo inmerso e da que non sei como sair.
Estou amolado, amigos. Amolado e ben amolado. E agora que? Eu xa non sei como poñerme para que os da casa se apiaden de min e volvan a alimentarme como é debido. Coido que só me quedan dúas saídas, dúas eleccións: laiarme sen dó, día e noite a ver se lles dou mágoa ou poñerme en folga. En folga de humor, de lambetadas, de carreiriñas, de monadas...do que sexa, menos en folga de fame, que ata aí podiamos chegar.