18 ene 2013

POR QUE?

Os da casa teñen unha coñecida en Bolnovo que os chama cada vez que algún veciño coñecido de seu deixa de vivir. Vamos, que morre. Ás veces a nova sorpréndeos e outras non tanto. Supoño eu que esta reacción depende da identidade da persoa que pasa a mellor vida: nova ou vella, parente ou non, amiga ou coñecida...E  ata das circunstancias do pasamento: enfermidade, accidente, vellez...Por certo,  eso de mellor vida oinllo a Daniel. Eu a verdade é que non o entendo. Onde vou ter eu mellor vida que aquí a carón da familia !
Onte Agripina -que así se chama a campaneira telefónica-chamou. Daniel devolveulle a chamada e a medida que a escoitaba o seu semblante foise volvendo serio, pensativo. Segundo lle contou logo a Elba tratábase dunha moza nova que decidira quitarse a vida, algo que xa intentara anos atrás e que non conseguira por pouco. Xa un irmán seu máis novo tomara esta mesma tráxica decisión antes ca ela. E non fallou.
E eu pregúntome que é o que pode levar a un humano a quitarse a vida. Que pensamentos acollerá o seu maxín non neses intres inmediatamente anteriores ó crac, que supoño valeiros de xuízo, senón neses outros momentos de reflexión, de ensimesmamento, de razoar sobre os motivos que o impulsarán días, meses ou anos despois a tomar tan desmedida determinación. Imaxino que sobre esto haberá moitas opinións, moitos estudos, demasiadas teorías e poucos acertos. Claro que ben pensado tampouco é fácil atinar, digo eu.Os humanos son tan complicados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario