9 ene 2013

LUCES DE NADAL

A vedade é que non sei que facer con Daniel. Coma vós sabedes eu son a alma mater -aí vai-deste blog; el só preme as teclas. Só premer! Mirade vós que traballo tan grande. Pois non hai maneira! Segundo me di a xeito de disculpa, a crise global aféctalle e non está para enredos; aínda que eu máis ben penso que é pura e simple vagancia. Va-gan-cia !! Vai para un mes que tiña titulada esta entrada e aí me quedei. Porque quería falar do Nadal. Destes días de lecer, festas e papatorias para uns e de conmemoración relixiosa para outros, cada vez menos segundo falan os da casa, pero o Nadal  re-ma-tou e aínda que quedan no frigorífico algunhas lambetadas propias destes días -que espero catar-, o espírito navideño xa vai aló e as miñas elucubracións, canda el. É curioso, agora que o penso aínda quedan, xa apagados, os adodíos con bombillas de luces de cores pendurando nas rúas e prazas de vilas e  cidades e que son o sinal visible do tempo que se achega cando os empezan a colocar. Non sei por que imaxinara que este ano coa crise no ía a ver as luces de cores resplandecendo na noite fría, ou polo menos non tantas como outros anos. Pois estaba equivocado: máis ou menos as mesmas.E alegróme de que foxe así. As luces aledan o ambiente, animan a xente a sorrir e a soñar, a esquecer por uns días as preocupacións de todo o ano, a ser máis comunicativas, a mostrarse felices...Pero tamén é verdade que hai outra moita xente que non ten ganas de contos, que os consomen os problemas, que pensan que non teñen futuro porque tampouco teñen presente. Xente a quen lle dá igual que haxa luces ou non, mesmo lles molesta tanto gasto inútil cando eles o está pasando tan mal. E enténdoos. E gustariame botarlles unha man ou facelos sorrir polo menos.Din os da casa que en tempos coma estes toca apretar o cinto e fomentar a solidariedade. Eu cinto non teño, así que...pero solidario podo ser e sereino: en vez de ladrarlle aos veciños cando me atope con eles, menearei o rabiño en plan de amistade e ata serei capaz de dar unha reviravolta para facelos sorrir.

No hay comentarios:

Publicar un comentario