10 nov 2013

QUIMBA

Non sei se se escribe con Qu o con K, pero como Daniel só emprega o qu eu poña como me poña  terei que optar polo qu. Pásame o mesmo con Quira, a miña veciña, que tamén comeza pola mesma letra. No meu libro do destino está escrito que o qu ten moita relevancia. Bueno, é unha broma da lingua que me permito porque hoxe estou contento: estamos todos na casa, xa almorcei e de contado imos ir a Bolnovo, á feira e a dar un paseo e facerlle unha visita a Lula.
O que pasa é que non deixo de pensar na Quimba, a galga que María e Anxo comparten dende hai xa uns meses. Que a compartan non quere dicir cada un teña un anaco, non. É que unha tempada está na casa dun e outra na do outro.De Panes a Cuarte e viceversa. Estes matrimonios de nova fornada sonche así: non poden vivir o un sen o outro e a Quimba digo eu que lles servirá  de confidente cando non poden estar xuntos. E venme ao acordo a Quimba porque Daniel ensinoume onte unha fotografía dela  que Anxo colgou no feisbú. A galga está botando unha sonada picha arriba, cunha das patas dianteiras cruzándolle o corpo. Máis ou menos como fago eu, só que ela como é moito máis grande chama máis a atención e a min que queredes, veume a risa;así polo caladiño para que os da casa non se cabreasen, aínda que creo que a eles tamén lles pasou o mesmo. Aínda a recordo no verán en Pedraquente, cando me andaba a molestar xogando comigo e atropellándome coas súas patas! E na cidade o mesmo, hai uns poucos días, cando estiveron na casa os dous namorados e máis ela! Bueno, a verdade é que se portou bastante ben e que non me podo queixar. Eu pensaba que ía ser peor, pero recoñezo que se portou moi ben. Vai medrando, coma min, e cada vez facemos menos tonterías. Dáme a pinta que imos ter unha   boa amizade, aínda que me leve un  anaco, un considerable anaco.
E espero que mañá lle dea a Anxo unhas cantas lambetadas no meu nome, que está de cumpreanos. Se lle dá unha por ano vai ter que limparse cunha sábana. Coa lingua que ten!


7 nov 2013

CASTAÑAS

Como bo galego encántanme as castañas. Cocidas, asadas ou crúas tanto me tén:
relámbome de gusto cada vez que se achega o tempo e alguén da casa trae unhas poucas -ou unhas moitas- e alá se poñen a espenicalas e a cocelas. Logo aos  poucos van peteirandeo nelas e entre bocado e  bocado, un grolo de viño ou cervexa. A min sempre me cae algunha, que saben que me gustan moito e con tona ou sen ela pápoas nun bocado e demándolle outra máis co meu meneo de rabiño.
Cando viviamos na vila iamos por elas aos castiñeiros, dando un longo e plácido paseo pola beira do río, case sempre con Mar, que daquela gustaba moito de ir ás castañas e abrir ou ourizos cos pés alí meso, ao pé do castiñeiro para con coidadiño sacalas do seu agocho e gardalas nunhan bolsa ou nos petos. Era todo un ritual que se repetía ano tras ano, unha festa porque logo ao chegar a casa sempre asabamos  xa unhas poucas no forno da cociña ou as cociamos con fiuncho entre risas e contos, que se presta moito este tempo de outuno para as reunións familiares ao carón do lume.
Agora na cidade ser xa non é o mesmo, porque ás castañas xa non imos, xa non disfrutamos do paseo, da recolleita. Ímolas catando porque sempre hai veciños que lles regalan unhas présas ou mesmo as mercan na rúa, neses asadeiros con forma de tren que se espallan polo centro da cidade cando chega este tempo . Pero bueno, pasar pasámolo moi, moi ben. E déixovos, que agora mesmiño vaise pór Daniel a espelicar unhas castañiñas de aló de Ourense, que sei que son moi boas. Bueno, a min a orixe non me importa; o que me importa é darlle pola noite ao dente, que non me caen pesadas, non.

18 oct 2013

ASUNTA

Non podo deixar de pensar nesta nena desgraciada. Si xa non  entendo por que  foi abandonada polos seus pais cando naceu, menos entendo agora que fose asasinada polos seus pais adoptivos, por aqueles que decidiron hai nove, dez ou once anos ter unha filla, aínda que tivesen que ir por ela a un país lonxano, tan distinto ao noso, cunha cultura e unha sociedade tan diferentes. Sigo sen enteder que pode levar aos humanos a matar ao seu igual, así, con aleivosía; máis cando este é seu irmán, seu pai, seu fillo..Pobre Asunta, que cruel foi o destino contigo. Pasaches da soedade do orfanato  a fartura de cariño de pais e de avós, para en pocos anos ser asasinada imcomprensiblemente por aqueles mesmos que che rescataron da miseria, que presumían de ti polas rúas da cidade ata hai tan pouco tempo! Que curto foi o teu percorrido vital: dun berce humilde a un pazo para rematar nunha furna funeraria convertida en cinza en tan só once anos. E sabes o máis triste, miña nena coa que quizais crucei unhas olladas, que despois dun mes aínda segues aí, onde che depositaron, nunha caixiña de porcelana ou de metal. Chea de frío, soa, esquecida,orfa de vida.

6 oct 2013

BARBARIE

Moito levo oído estes días sobre Asunta, unha nena que foio asasinada ao parecer polos seus pais. Non hai xornal, radio ou televisión que a todas horas non nos faga chegar algunha nova sobre tan triste e incomprensible suceso.

17 sept 2013

XA ERA HORA

Xa era hora,si. Xa era hora de que alguen se acordara de min e premera nas teclas, que eu só non sei. E non quero mirar para ninguén, non; que logo di que non ten tempo, que non ten ganas, que mañá comezo, que para o que hai que contar...escusas dun lacazán.
E mira que teño eu novas que contar, mira que aconteceron feitos salientables durante estes tres meses transcorridos dende a miña última entrada. A saber: Anxo casou con María en Asturias - E A MIN NON ME LEVARON á voda, que quedei de prestado na casa de Bibi e Javier e o seu fillo Alex que por certo me trataron moi, moi ben-; Mar rematou con éxito os estudos do seu 5º curso, e xa só lle falta un tris para ser médica; os vellos -ai se me oen- van tirando e que non se queixen,  que as veces pensan que teñen quince anos e fan o parvo canto queren; fun a praia cos amigos de Mar en máis dunha ocasión; pasamos un mes en Pedraquente disfrutando do sol, da familia, dos veciños, dos conxéneres, e ata da auga, aínda que recoñezo que co baño non  disfruto, non; e claro, coma estou coma un buxo por tanto deporte e tanto paseo ata adelgacei un chisco, penso eu. En fin, que levei unha vida divertida e intrépida durante este longo periodo de tempo. Só unha mancha, unha lagoa, unha actitude vergonzosa que preferiría esquecer pero non consigo : o meu instinto levoume a ...deixar sen vida a un paxariño. Pasou e pasou, e non quero recordar nen sequera o sucedido, pero os da casa moito me berraron. Seique foi o instinto. O instinto? E eso que é? Terán os humanos tamén ese instinto?, porque mirade que se danan entre eles. Fose o que fose, foi superior ás miñas forzas. E xa está, xa non lle quero dar máis voltas. Xa o quero borrar da miña memoria, da miña vida. Ah, e esqueciame de que coñecín a Albino, un amigo, seique, de Mar. Estivo con nós en Pedraquente e agora está aquí na cidade pasando uns días na casa. Pero de Albino, falarei outro día.

20 jun 2013

ESFORZO

A Mar só lle falta un ano para rematar os estudos de Medicina. Anda logo no seu quinto curso académico, a voltas cos últimos exames de xuño. E teño que recoñecer que pasmo con ela, co tempo que lle dedica aos libros; aí, no cuarto de estudo; sóa ou comigo como única compañía. E non vos estou falando dun día ou dous, non; estouvos falando de semanas, meses, de sol a sol, sen saír ou como moito para botar unha carreiriña, osixenarse e despexar a cabeza. Sen ver aos seus amigos e amigas, comunicándose con eles ou elas a través do móvil. Comer, come; eso si, que non entendo eu como pode darlle tanto a mandíbula e enfraquecer, ou iso di súa nai, Elba. A min parecéme que está coma sempre. Como moito, moito, algo máis desaliñada,así de calquera maneira; con roupa vella, de andar pola casa; cómoda. Eu alégrome que sexa así, traballadora, aínda que entre descanso e descanso aproveite para peterrear comigo e incomodarme, quentándome o xenio, que eu ser son bo, que xa o saben os da casa, pero tamén saben que se teño que poñerme nas miñas póñome de contado. E non cedo, non. Aínda que despois leve.
 Non sei eu se todos os humanos cando estudan o fan co mesmo esforzo que Mar. Dame a min a pinta que non, pois supoño que algunas carreiras serán máis doadas que Medicina, que esta deber ser das máis longas e difíciles de sacar adiante. Pero claro, estamos falando dunha profesión especializada en loitar contra as enfermidades que padecen as persoas. E iso ten que ser moi dificil, moi complicado; tanto coma os humanos mesmos, que xa o teño dito outras veces.
A verdade é que xa teño ganas de que remate os exames. Para vela descansar, rir, pasear, sair cos amigos, levarme con ela para Bolnovo a pasar a fin de semana, trasnoitar...Para que durma ata tarde comigo ao seu carón. Para irmos xuntos á praia a Pedraquente, a xogar na area e na auga, bueno esto da auga e un falar.. Para enredar sen présas. E ata que non chegue ese día, eu con ela, ao pé do canón, sen pestanexar, que aquí ten un ser vivo que a quere moito e sofre cando ela sofre, e ri cando ela ri.

25 may 2013

POR FIN, SOL

Xa era hora!, xa era hora! Por fin volveu o sol, a luz, a calor. Por fin volven os da casa a falar de algo máis que o frío e a chuvia. Por fin saio de paseo sen verme obrigado a andar arrimado as paredes dos edificios para resgardarme da chuvia. Por fin corro entre a herba sen mollarme a barriguiña e o piticlín. Por fin agromou a primavera con forza. Por fin vexo a xente ao meu redor sorrir e pasear sen presa, disfrutando de algo tan sinxelo como dirixir a face cara ao sol, pechar os ollos e quedarse así un intre, coma en trance. E eu a imitalos tan contento, estricándo todo o que dá de si o meu corpiño.
E para completar tanta felicidade saio a miudo con Elba e Daniel de paseo pola cidade camiñando de vagar, perdéndonos entre os viandantes, como se fósemos uns turistas máis, pousando a mirada nas pedras centenarias da cidade, tantas veces vistas e sempre diferentes. E por riba disfruto coma nunca da familia nestes días que anda Anxo na casa preparando o seu casamento. Así que xa podo dicir ben alto: por fin domina o sol ás nubes e á chuvia e Pedraquente está esperando!