17 sept 2013

XA ERA HORA

Xa era hora,si. Xa era hora de que alguen se acordara de min e premera nas teclas, que eu só non sei. E non quero mirar para ninguén, non; que logo di que non ten tempo, que non ten ganas, que mañá comezo, que para o que hai que contar...escusas dun lacazán.
E mira que teño eu novas que contar, mira que aconteceron feitos salientables durante estes tres meses transcorridos dende a miña última entrada. A saber: Anxo casou con María en Asturias - E A MIN NON ME LEVARON á voda, que quedei de prestado na casa de Bibi e Javier e o seu fillo Alex que por certo me trataron moi, moi ben-; Mar rematou con éxito os estudos do seu 5º curso, e xa só lle falta un tris para ser médica; os vellos -ai se me oen- van tirando e que non se queixen,  que as veces pensan que teñen quince anos e fan o parvo canto queren; fun a praia cos amigos de Mar en máis dunha ocasión; pasamos un mes en Pedraquente disfrutando do sol, da familia, dos veciños, dos conxéneres, e ata da auga, aínda que recoñezo que co baño non  disfruto, non; e claro, coma estou coma un buxo por tanto deporte e tanto paseo ata adelgacei un chisco, penso eu. En fin, que levei unha vida divertida e intrépida durante este longo periodo de tempo. Só unha mancha, unha lagoa, unha actitude vergonzosa que preferiría esquecer pero non consigo : o meu instinto levoume a ...deixar sen vida a un paxariño. Pasou e pasou, e non quero recordar nen sequera o sucedido, pero os da casa moito me berraron. Seique foi o instinto. O instinto? E eso que é? Terán os humanos tamén ese instinto?, porque mirade que se danan entre eles. Fose o que fose, foi superior ás miñas forzas. E xa está, xa non lle quero dar máis voltas. Xa o quero borrar da miña memoria, da miña vida. Ah, e esqueciame de que coñecín a Albino, un amigo, seique, de Mar. Estivo con nós en Pedraquente e agora está aquí na cidade pasando uns días na casa. Pero de Albino, falarei outro día.

No hay comentarios:

Publicar un comentario