25 may 2013

POR FIN, SOL

Xa era hora!, xa era hora! Por fin volveu o sol, a luz, a calor. Por fin volven os da casa a falar de algo máis que o frío e a chuvia. Por fin saio de paseo sen verme obrigado a andar arrimado as paredes dos edificios para resgardarme da chuvia. Por fin corro entre a herba sen mollarme a barriguiña e o piticlín. Por fin agromou a primavera con forza. Por fin vexo a xente ao meu redor sorrir e pasear sen presa, disfrutando de algo tan sinxelo como dirixir a face cara ao sol, pechar os ollos e quedarse así un intre, coma en trance. E eu a imitalos tan contento, estricándo todo o que dá de si o meu corpiño.
E para completar tanta felicidade saio a miudo con Elba e Daniel de paseo pola cidade camiñando de vagar, perdéndonos entre os viandantes, como se fósemos uns turistas máis, pousando a mirada nas pedras centenarias da cidade, tantas veces vistas e sempre diferentes. E por riba disfruto coma nunca da familia nestes días que anda Anxo na casa preparando o seu casamento. Así que xa podo dicir ben alto: por fin domina o sol ás nubes e á chuvia e Pedraquente está esperando!

No hay comentarios:

Publicar un comentario