7 nov 2013

CASTAÑAS

Como bo galego encántanme as castañas. Cocidas, asadas ou crúas tanto me tén:
relámbome de gusto cada vez que se achega o tempo e alguén da casa trae unhas poucas -ou unhas moitas- e alá se poñen a espenicalas e a cocelas. Logo aos  poucos van peteirandeo nelas e entre bocado e  bocado, un grolo de viño ou cervexa. A min sempre me cae algunha, que saben que me gustan moito e con tona ou sen ela pápoas nun bocado e demándolle outra máis co meu meneo de rabiño.
Cando viviamos na vila iamos por elas aos castiñeiros, dando un longo e plácido paseo pola beira do río, case sempre con Mar, que daquela gustaba moito de ir ás castañas e abrir ou ourizos cos pés alí meso, ao pé do castiñeiro para con coidadiño sacalas do seu agocho e gardalas nunhan bolsa ou nos petos. Era todo un ritual que se repetía ano tras ano, unha festa porque logo ao chegar a casa sempre asabamos  xa unhas poucas no forno da cociña ou as cociamos con fiuncho entre risas e contos, que se presta moito este tempo de outuno para as reunións familiares ao carón do lume.
Agora na cidade ser xa non é o mesmo, porque ás castañas xa non imos, xa non disfrutamos do paseo, da recolleita. Ímolas catando porque sempre hai veciños que lles regalan unhas présas ou mesmo as mercan na rúa, neses asadeiros con forma de tren que se espallan polo centro da cidade cando chega este tempo . Pero bueno, pasar pasámolo moi, moi ben. E déixovos, que agora mesmiño vaise pór Daniel a espelicar unhas castañiñas de aló de Ourense, que sei que son moi boas. Bueno, a min a orixe non me importa; o que me importa é darlle pola noite ao dente, que non me caen pesadas, non.

No hay comentarios:

Publicar un comentario