25 feb 2014

NACHO

Andan os da casa a falar sobre un coñecido seu que ten cancro. E a pesar do triste ou máis ben tráxico da nova, tampouco sería unha gran sorpresa que alguén padeza desta doenza pois segundo sostén Elba, todos, e eu tamén, temos moitas posibilidades de padecela nalgún momento da nosa vida. E de morrer dela. O destacable neste caso é que a persoa que o sufre é periodista dun xornal de gran difusión en Galicia e como tal vai describindo no seu blog o día a día do seu tratamento e das súas vivencias. Pouco a pouco o blog, o seu contido, foi esparexéndose por varios medios de comunicación: radio, televisión, prensa..e sobre todo por internet. Estase convertendo non só nas memorias vitais dun periodista enfermo, senón nunha man esperanzadora para todos aqueles que como Nacho, que así se chama este xornalista, atravesan por momentos difíciles, moi difíciles, tanto que a maioría non sabe ou non quere facer partícipes da súa enfermidade aos demais, sexan familiares ou amigos, e prefiren loitar en silencio. Aguantar atrincherados. E que pase o que teña que pasar, sen concesións á lástima. Ou iso pensan eles. Nacho, non. Nacho cóntanos coa súa mestría de reporteiro sarcástico, irónico, humorístico e ata tenro se se así se quere ver, a súa loita diaria contra o cancro, para a cal se arma non so de medicación e tratamento, senón tamén da súa paixón pola vida, da forza  que lle dá a linguaxe, do cariño da súa muller e os seus fillos, dos ánimos de centos de amigos que o aprecian e sobre todo da súa cabeza privilexiada, san no máis amplo sentido da palabra aínda que el diga que por mor da radioterapia ten a orella cocida coma se a sacase do caldo recén feito.
Gústame este Nacho, e espero que os da casa teñan a delicadeza de presentarmo algún día, aínda que sexa dentro de moitos, moitos anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario