14 abr 2013

UN PASEO POLO RÍO

Fora por haches ou por bes o certo é que este ano non fomos a Pedraquente en Semana Santa. Quedamos na casiña e pouco saimos por aí. E non saimos porque semella que vivimos no Reino da Chuvia. Os da casa non recordan tanto tempo chovendo, tantos dias sen case poder sair  dar un paseo sen correr o risco de mollarse, e de mollarse ben mollado, e eu doblemente mollado, porque por riba de empaparme dun xeito natural, cando chego a casa volven a enchouparme debaixo da billa da ducha para lavarme e secarme. Ao primeiro, cando chaman por min, fago que non oio a ver se se esquecen; pero nada, non me salva nin o anxo dos canciños. Logo, xa no allo, deixome facer -non queda outra-e ao remate ata agradezo o lavado, secado, pranchado, cepillado, deitado...
Pero un dos poucos días que viñeron bos aproveitamos e fomos dar un longo paseo pola beira do río que discorre  polas aforas da cidade, entre  vivendas construídas non hai moitos anos a unha e outra marxe no seu tramo máis urbano -acondicionado para disfrute dos cidadáns-e entre árbores, hortas e casas vellas de pedra no seu tramo rural, tamén acondicionado, pero menos invasivo, para que a xente de calquera idade poida pasear sen grandes esforzos. Non sabería dicir canto tempo estivemos andando, pois os da casa non miraban para nada o reloxo. Só tiñan palabras de admiración para o entorno natural do percorrido e as casas rehabilitadas, para as augas revoltas pola chuvia abundante e os canles de derivación  que as encamiñan  por baixo das casas, para  presas e  lavadoiros ateigados, botando por fóra, anegando as ribeiras e obrigándome a dar chimpos para saber onde pisaba,  non me fora mancar. Canto disfrutei! E que ben o pasaron Elba e Daniel! Falaban de volta para a casa, xa polas rúas da cidade, de seguir camiñando río abaixo, pois o paseo enlaza co Camiño de Santiago e leva ata Fisterra. Pois non é mala idea, non. Eu apúntome, que aínda que cansei un pouco valiu a pena.


No hay comentarios:

Publicar un comentario