4 may 2012

A CASA CHEA


Cun ollo aberto e outro pechado, arrombado no coxín do sofá da sala, decatábame de que Daniel e Elba observábanme cun sorriso no beizos. A verdade é que non podía co cu e por moito que intentase erguerme para acabar coas risadiñas dos da casa, pechábanseme  as pálpebras coma se  fosen de chumbo.E que foi moito o que tiven que traballar esta fin de semana. E todo se debeu a que nos visitaron Tareixa e Guillerme, os pais de María, que coma sei que vai casar con Anxo maquinaron ambolosdous que os seus pais se coñecesen persoalmente ademais de pola cámara gue. E claro, a cosua non quedou so nuha aperta de mans, un cafeíño e cadaquén para a súa casa. Ca! Paseo pola cidade, xantares na casa, conversas e intercambios de opinión, de cañas, chupitos nocturnos, máis conversas, máis paseos...e eu sempre a espreita polo que puidera pasar, sempre disposto a facer unha monada para romper o xeo se fose necesario, que por certo non foi, como cando lle dei unha lambetadiña de benvida a Tareixa por expreso desexo de Daniel. A verdade é que todos o pasamos ben, eu o primeiro, aínda que antes da chegada dos invitados  estaba un pouco nervoso e non sabía se lles gustaría e se me gustarían. Pero pasados os primeiros momentos de saúdos e presentacións xa me decatei de que iamos facer boas migas. E para asegurarme de que a primeira impresión fora atinada, unha mañá que os da casa foran traballar e eu quedara coma decote o mando do temón da nao familiar, achegueime caladiño xunto Guillerme que estaba lendo sentado no sofá da cociña e para sorprendelo dei un chimpo e aterrei ao seu carón para ver como reaccionaba. Non me sorprendeu cando me acariñou e deixou que repousara a miña cabeciña nas súas pernas e soneara un pouco. Eles tamén teñen canciño na súa casa e queren moito aos animais. E enténdennos, que é o máis importante.
Espero volver a velos pronto, que falaron todos de ir a Arriondas a baixar o Sella alá polo mes de setembro, e a min aínda que non me gusta moito a auga confeso que devezo por participar desa aventura, máis que nada por volver a sentarme no colo de Guillerme, que me prestou.



No hay comentarios:

Publicar un comentario