29 may 2012

VISCA O FÚTBOL !

Pasmaredes se vos digo que me apaixona o fútbol. E enténdevos, porque como di Rebeca,unha amiga asturiana dos da casa: non ye normal. Claro que vexo os partidos que lle cadra - cando Daniel ou Mar prefiren a casa e non o bar- ou os resumes futboleiros das novas deportivas diarias, pero moito disfruto co fútbol; tanto ou máis que Elba nadando nas cálidas augas de Pedraquente.Tanto e tanto me gusta que ata soño con el, e véxome alá eu tamén na praia  peloteando con Daniel e vestido coa camiseta do Barça, o meu equipo preferido. Xa sei que moitos de vós non estaredes de acordo comigo e que cadaquén poría mil razóns para defender as cores do seu club, pero se forades obxectivos coma min teriades que recoñecer que é todo un espectáculo ver xogar a este equipo. Fútbol en estado puro, que diría Anxo, que tamén é culé; despregado en boa parte por xogadores da canteira, formados dende pequenos non só como máquinas perfectas de tocar o balón, senón como persoas cabales que serven de espello para os outros cidadáns, sobre todo aos máis novos que sempre andan a busca de ídolos a quen imitar. E logo, claro, está o adestrador. O Guardiola. Mirade que me cae ben este home. E ollo, que non só creou escola entre os demais equipos, que agora xa se atreven a construir máis que a destruir, senón que teño ben claro que o xermolo da selección española, dos seus triunfos, fructificou grazas ao tesón dun adestrador empeñado en reinventar o fútbol e melloralo para disfrute dos barcelonistas e dos que non. E por riba semella un cidadán fetén ao que cando se lle consulta sabe falar de algo máis que de fútbol e ao que nunca lle vin perder as formas cando sería mesmo comprensible que así fora.
O que sinto é que por un ano non o vou poder seguir. Tómase un ano de descanso mediático, que non de fútbol porque estou seguro que dentro de nada xa estará traballando noutra revolución futboleira para deixarnos pasmados a todos.
Ai, ai, ai...! Que feliz sería se para a próxima liga cando o Barça veña xogar á Coruña, xa que o Depor ascendeu, os da casa me levaran ao partido! Soñar non custa nada e sempre -case sempre- me saio coa miña. Hei poñer unha candea a San Pep para que me bote unha man.
CON CARIÑO PARA ROI, CULÉ

1 comentario:

  1. Moitas gracias!!!pero podes seguir pensando que me parezo aó mister...un bico

    ResponderEliminar