
Onte Agripina -que así se chama a campaneira telefónica-chamou. Daniel devolveulle a chamada e a medida que a escoitaba o seu semblante foise volvendo serio, pensativo. Segundo lle contou logo a Elba tratábase dunha moza nova que decidira quitarse a vida, algo que xa intentara anos atrás e que non conseguira por pouco. Xa un irmán seu máis novo tomara esta mesma tráxica decisión antes ca ela. E non fallou.
E eu pregúntome que é o que pode levar a un humano a quitarse a vida. Que pensamentos acollerá o seu maxín non neses intres inmediatamente anteriores ó crac, que supoño valeiros de xuízo, senón neses outros momentos de reflexión, de ensimesmamento, de razoar sobre os motivos que o impulsarán días, meses ou anos despois a tomar tan desmedida determinación. Imaxino que sobre esto haberá moitas opinións, moitos estudos, demasiadas teorías e poucos acertos. Claro que ben pensado tampouco é fácil atinar, digo eu.Os humanos son tan complicados.