
O que pasa é que non deixo de pensar na Quimba, a galga que María e Anxo comparten dende hai xa uns meses. Que a compartan non quere dicir cada un teña un anaco, non. É que unha tempada está na casa dun e outra na do outro.De Panes a Cuarte e viceversa. Estes matrimonios de nova fornada sonche así: non poden vivir o un sen o outro e a Quimba digo eu que lles servirá de confidente cando non poden estar xuntos. E venme ao acordo a Quimba porque Daniel ensinoume onte unha fotografía dela que Anxo colgou no feisbú. A galga está botando unha sonada picha arriba, cunha das patas dianteiras cruzándolle o corpo. Máis ou menos como fago eu, só que ela como é moito máis grande chama máis a atención e a min que queredes, veume a risa;así polo caladiño para que os da casa non se cabreasen, aínda que creo que a eles tamén lles pasou o mesmo. Aínda a recordo no verán en Pedraquente, cando me andaba a molestar xogando comigo e atropellándome coas súas patas! E na cidade o mesmo, hai uns poucos días, cando estiveron na casa os dous namorados e máis ela! Bueno, a verdade é que se portou bastante ben e que non me podo queixar. Eu pensaba que ía ser peor, pero recoñezo que se portou moi ben. Vai medrando, coma min, e cada vez facemos menos tonterías. Dáme a pinta que imos ter unha boa amizade, aínda que me leve un anaco, un considerable anaco.
E espero que mañá lle dea a Anxo unhas cantas lambetadas no meu nome, que está de cumpreanos. Se lle dá unha por ano vai ter que limparse cunha sábana. Coa lingua que ten!