
Pero un dos poucos días que viñeron bos aproveitamos e fomos dar un longo paseo pola beira do río que discorre polas aforas da cidade, entre vivendas construídas non hai moitos anos a unha e outra marxe no seu tramo máis urbano -acondicionado para disfrute dos cidadáns-e entre árbores, hortas e casas vellas de pedra no seu tramo rural, tamén acondicionado, pero menos invasivo, para que a xente de calquera idade poida pasear sen grandes esforzos. Non sabería dicir canto tempo estivemos andando, pois os da casa non miraban para nada o reloxo. Só tiñan palabras de admiración para o entorno natural do percorrido e as casas rehabilitadas, para as augas revoltas pola chuvia abundante e os canles de derivación que as encamiñan por baixo das casas, para presas e lavadoiros ateigados, botando por fóra, anegando as ribeiras e obrigándome a dar chimpos para saber onde pisaba, non me fora mancar. Canto disfrutei! E que ben o pasaron Elba e Daniel! Falaban de volta para a casa, xa polas rúas da cidade, de seguir camiñando río abaixo, pois o paseo enlaza co Camiño de Santiago e leva ata Fisterra. Pois non é mala idea, non. Eu apúntome, que aínda que cansei un pouco valiu a pena.